A balsa de lodos de Alcoa precisará mantemento "de maneira indefinida" se a empresa pecha

Consideracións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta sobre a ampliación da balsa de lodos de Alcoa CC-BY-SA Praza Pública

Medio ambiente autoriza elevar de 100 a 104 metros a altura do depósito de barros perigosos para 3 anos máis de vida útil malia un informe da súa Dirección de Patrimonio Natural que advirte do risco "sine die" de impacto ambiental

A Consellería de Medio Ambiente vén de facer pública a súa autorización ambiental do proxecto de Alcoa para elevar de 100 a 104 metros sobre o nivel do mar a altura da balsa na que desde hai catro décadas vén depositando os barros vermellos obtidos como residuos perigosos nos seus procesos de fabricación de alumina. Un expediente no que consta un informe da súa Dirección Xeral de Patrimonio Natural que advirte de que segue sen existir un plan B para o futuro da balsa se a fábrica pecha que non pase por un "mantemento activo sine die" do depósito para impedir que contamine. O informe incide en que a falta doutras alternativas, a balsa quedará "dependente" de actuacións humanas "de maneira indefinida".

Balsa de lodos de Alcoa na Mariña © Alúmina Española SA

Os lodos ou barros vermellos froito da transformación da bauxita en alumina que se fai na fábrica de Alcoa de San Cibrao veñen acumulándose desde hai catro décadas nunha balsa construída nun antigo val ao noroeste da instalación industrial, xa no concello de Xove. A base desa balsa sitúase a uns dez metros sobre o nivel do mar, pero a súa altura foi aumentando progresivamente para dar cabida a cada vez máis residuos. Primeiro construíuse ata a cota 26, cuns 15 metros de altura, pero en 1986 xa acadou a cota dos 64 metros, en 1995 elaborouse un novo proxecto para elevala ata a cota de 85 metros e en 2006 outro máis ata a cota de 100 metros. 

A nova autorización chega ata os 104 metros de altura sobre o nivel do mar, que permitirán "incrementar de xeito temporal (3 anos) a capacidade" de almacenamento. A empresa presentou a actuación como "imprescindible para a actividade da planta" xa que sen un lugar para verter os seus residuos "debería pechar a corto ou medio prazo". E agora Medio Ambiente vén de considerar a obra "ambientalmente viable".

Consideracións da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta sobre a ampliación da balsa de lodos de Alcoa CC-BY-SA Praza Pública

A empresa considera o depósito “imprescindible para a actividade da planta”, que sen un sitio para verter os barros vermellos “debería pechar a corto ou medio prazo”

Pero o permiso da Xunta fixa diversos controis sobre a obra e a configuración futura da balsa, pero tamén revela as prevencións que fai un informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Ese departamento salienta que "o proxecto non ten en conta no deseño un sistema que sexa independente dun mantemento activo sine die para garantir a ausencia de impactos unha vez clausurado e abandona a actividade e o seguimento". 

Por iso, a dirección xeral considera que "o proxecto debe incorporar un deseño que garanta que os impactos, ordinarios ou accidentais, ao longo do tempo, non teñan posibilidade e acontecer, xerando un sistema que non sexa dependente de actuacións antrópicas de maneira indefinida para a súa viabilidade". Isto é, que a balsa non requira da atención permanente do ser humano para que non contamine.

A Xunta limítase a diferir novamente o problema e establece que un ano antes da "finalización da vida útil" da balsa a empresa deberá remitir un "proxecto de selado" que teña en conta as advertencias de Patrimonio Natural

Porén, sobre esa cuestión a autorización final da Xunta limítase a diferir novamente no tempo o problema que se vén acumulando na balsa de Xove desde hai catro décadas. Sobre a "fase de abandono da actividade", Medio Ambiente só fixa que un ano antes da "finalización da vida útil das instalacións" a empresa deberá remitir un "proxecto de selado, clausura e rehabilitación das mesmas". Será ese futuro plan de peche o que deba "adaptarse as cautelas indicadas pola Dirección Xeral de Patrimonio natural", un problema que deberán resolver futuros responsables da empresa e da Xunta.

Vista da balsa de lodos desde o mar nunha imaxe de 2008, cando aínda non chegara á altura actual CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A autorización ambiental agora emitida pola Xunta tamén sinala que á espera dunha nova caracterización dos lodos depositados na balsa, estes "deberán ter a consideración de residuo perigoso e ser tratados como tal", segundo require a Dirección Xeral de Saúde Pública. Desa caracterización dos lodos e da súa consideración non só como irritantes senón tamén como corrosivos quedan pendentes novos parámetros de vertedura das augas a establecer por Augas de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.