A SGHN pregunta á Xunta pola seguridade da balsa de lodos vermellos de Alcoa, unha "herdanza envelenada"

Planta de alúmina-aluminio de ALCOA e balsa de lodos vermellos en San Cibrao © PNOA

En Xove, a poucos metros da factoría Alúmina-Aluminio, funciona dende hai case 40 anos unha balsa de residuos da bauxita, un depósito a ceo aberto de lodos vermellos que ocupa actualmente unha superficie dunhas 87 hectáreas. As dúbidas existentes sobre a continuidade da planta de aluminio puxeron de novo o foco sobre as condicións de seguridade desta balsa, sobre a que a Sociedade Galega de Historia Natural vén de solicitar información á Xunta.

A SGHN demanda do Goberno galego os informes dos seus técnicos e inspectores ambientais sobre a balsa

A SGHN demanda do Goberno galego os informes dos seus técnicos e inspectores ambientais sobre a balsa, alertando que "de rachar podería afectar a núcleos habitados, explotacións acuícolas e a todo o ecosistema mariño". A entidade lembra que nun radio de 60 metros da balsa atópase unha planta de acuicultura e nun de 200 metros inclúese un pequeno núcleo habitado e cualifica a balsa de "herdanza envelenada" e de "bomba de reloxería ambiental que urxe avaliar e desactivar con cargo aos recursos económicos da empresa".

Balsa e tubaxes CC-BY-SA Ramón Mariño

A entidade pediu tamén información sobre as fianzas e avais depositados por ALCOA para un hipotético derrumbe da balsa, reclamou que a Xunta solicite unha auditoría externa sobre o estado e estabilidade da balsa, preferiblemente a un organismo público de recoñecido prestixio como o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, e solicitou que se adopten todas as medidas legais para bloquear os bens e activos de ALCOA "a fin de garantir a descontaminación integral das súas instalacións e a estabilización da balsa de lodos coas mellores técnicas dispoñibles a nivel mundial".

"Unha hipotética rotura do dique da balsa de lodos podería ocasionar unha catastrófe social, económica e ecolóxica, polas súas repercusións sobre a poboación, os sectores pesqueiro e turístico"

A SGHN lembra que o Plan de Emerxencia Exterior para a planta de San Cibrao foi presentado pola Xunta en marzo de 2012, "é dicir 32 anos despois da posta en marcha da planta de alúmina-aluminio e ano e medio despois da rotura dunha balsa de lodos vermellos en Ajka (Hungría)", sinala. A entidade destaca que ese Plan recoñece o “risco de perda de vidas humanas” nos supostos de accidente grave por rotura do dique de contención da balsa de lodos. 

Ademais do risco para a vida e a saúde das persoas, di a organización, "unha hipotética rotura do dique da balsa de lodos podería ocasionar unha catastrófe social, económica e ecolóxica, polas súas repercusións sobre a poboación, os sectores pesqueiro e turístico, e o ecosistema mariño no seu conxunto, incluíndo a ZEPA Costa da Mariña Occidental".

Dique frontal CC-BY-SA Ramón Mariño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.