"Non se poden parar as cubas, iso sería inviable". O presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao, José Antonio Zan, advertiu da necesidade de evitar a parálise da planta de aluminio da que a multinacional pretende despedir a maioría dos seus traballadores --534-- logo dunha xuntanza coa dirección da compañía na que os representantes do persoal non viron "vontade" para continuar coa produción.
O comité de empresa advirte de que non apreciou "vontade" de Alcoa para manter a produción e pide "unidade" aos gobernos central e autonómico
O comité de empresa reclama "unidade" entre o Goberno central e a Xunta e alerta de que, de confirmarse as intencións confirmadas de Alcoa de marchar de vez, as administracións deberían buscar unha alternativa para continuar coa produción na planta galega. O Executivo de Sánchez asegurou que a súa "perspectiva de futuro" é a "busca de investidores", ao igual que antes fixo coas factorías da Coruña e Avilés, que agora sofren a incerteza de novas vendas e ausencia de plans claros.
Alcoa, pola súa banda, insiste en non se dan as condicións para manter a actividade e alude á sobrecapacidade mundial do aluminio e ao elevado prezo da enerxía eléctrica, aínda que nin tan sequera unha rebaixa considerable dos custos parecería abondarlle. As perdas previstas de máis de 54 millóns de euros e o déficit acumulado nos últimos anos son o seu argumento para marchar, logo de recibir elevadas cantidades de cartos públicos nos últimos anos, case 40 en dous anos.
A multinacional convocou os sindicatos para outra reunión o vindeiro día 10 de xuño, no proceso de conversas antes de iniciar o proceso formal dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE).
A cidadanía da Mariña organízase polo emprego en Alcoa cunha "marcha fúnebre" este sábado en Xove e unha gran manifestación o domingo en Viveiro
Ante unha ameaza que afecta máis de 500 traballadores, pero a case outros tantos empregos indirectos e á economía de toda unha comarca, a poboación da Mariña comeza a unirse ao persoal na loita polo futuro da planta. Este sábado, empresas e comerciantes locais de Xove impulsan unha "marcha fúnebre" polo emprego que sairá ás 13 horas da entrada de Xove e camiñará cara á Burela, ata a rotonda de Beltrán, e que estará acompañada dunha caravana de vehículos e co loito como vestimenta.
O domingo, en Viveiro e desde a Cruz Vermella ás 11.30, outra marcha que se prevé masiva percorrerá a localidade para "loitar pola industria e salvar A Mariña". Un día antes, o sábado na Coruña, o comité de empresa de Alu Ibérica, antiga Alcoa, levará a cabo unha concentración ás 12 horas na praza de María Pita "para que o Goberno investigue as vendas da factoría e intervenña para asegurar a súa viabilidade".