Hai case 40 anos, no outono de 1980, comezou a funcionar a factoría de San Cibrao. As plantas de alúmina e aluminio chegaron á Mariña e supuxeron un cambio económico e social en toda a comarca e no norte de Galicia. Catro décadas despois, o actual propietario do complexo, a multinacional norteamericana Alcoa, propón o peche da planta de aluminio e o despedimento de case 540 traballadores nunhas instalacións que supoñen arredor do 30% do PIB de toda a provincia de Lugo.
É aí, nese recuncho da Mariña lucense, onde se transforma o mineral bauxita en alúmina, materia prima do aluminio primario que Alcoa fabrica, polo momento, nese mesmo complexo --con peirao propio-- pero noutra factoría que é a que agora pretende deixar practicamente inutilizada, co 85% de empregados menos e só cunha parte da fundición.
As instalacións ao completo, que abranguen parte do concello de Cervo e unha parte tamén do de Xove, supoñen millóns de euros para ambos municipios en concepto de IAE (Imposto sobre Actividades Económicas) e IBI (Imposto de Bens Inmobles). Na comarca, ata o 80% da veciñanza con traballo no sector industrial ten relación coas plantas e, desde a súa implantación, a poboación na zona triplicouse.
A chegada das plantas de alúmina e aluminio á Mariña mudou a sociedade e a economía da zona, que triplicou a súa poboación
O inmenso complexo é visible facilmente desde o aire, tamén polo enorme lago encarnado duns 80 metros de profundidade onde se verten cada día milleiros de toneladas de residuos indisolubles procedentes do tratamento da bauxita con sosa cáustica, produto alcalino e moi corrosivo que ocupa unha enorme superficie da parroquia de Lago, en Xove.
As plantas galegas de Alcoa, como as do resto do Estado, non sempre foron parte deste grupo estadounidense. Integráronse nel tras a privatización da empresa pública Inespal, vendida polo Goberno de José María Aznar o 23 de xaneiro de 1998 por 61.500 millóns de pesetas, uns 370 millóns de euros. Foron daquela 410 millóns de dólares dos que se acabaron descontando 200 para o pagamento de débedas anteriores e outros 100 logo dunha serie de reclamacións. Un choio. Nos anos seguintes o xigante americano multiplicou amplamente a través de beneficios os cartos que gastou na adquisición das antigas factorías estatais.
Cando a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) vendeu INESPAL a Alcoa o grupo estatal anotábase uns beneficios na contorna dos 12 millóns de euros anuais. A estadounidense comprometérase a manter o cadro de persoal e a realizar múltiples investimentos que, segundo denuncian os sindicatos, non chegaron a concretarse segundo o prometido, tal e como denunciou tamén o Tribunal de Cuentas, que en 2006 situaba unhas perdas de 456 millóns para o Estado naquela operación.
O Goberno Aznar vendeu Inespal a Alcoa por uns 370 millóns de euros en 1998; ata 2011 xa tiña máis de 1.000 millóns de beneficio na Coruña e Avilés
"Nun sector tan planetario como é o do aluminio, inevitablemente, para asegurar o futuro hai que integrarse nun gran esquema internacional, que só o pode achegar un socio tecnolóxico que estea xa no sector", dicía o daquela ministro de Industria, Josep Piqué, para xustificar a venda.
Os investimentos, segundo os sindicatos, non chegaron, ao tempo que Alcoa se desfacía de diversas instalacións malia contar, durante 15 anos -ata 2013- con compensacións públicas polo incremento dos prezos da enerxía. Xusto cando remataron esas compensacións, intensificáronse as ameazas de peches e despedimentos.
O acordo especificaba que durante eses 15 anos estableceríase un prezo especial e pactado por megavatio, pero se o custo subía, a SEPI faríase cargo. Polo camiño, Alcoa foi desfacéndose de fábricas. Cando mercou Inespal, o grupo tiña 13 centros de produción en España e uns 4.500 traballadores. A tal hora, só queda o complexo de San Cibrao, tras as vendas no pasado verán das plantas de Avilés e da Coruña ao fondo de investimento suízo Parter, que acaba de vender a factoría coruñesa ao Grupo Industrial Riesgo.
Durante 15 anos, o Estado compensou a Alcoa polo excesivo custo eléctrico; coa fin dese colchón público, a multinacional empezou a despedir e pechar factorías
Durante eses anos de colchón público, ata 2013, os números de Alcoa na Coruña e Avilés foron netamente positivos. Tal e como citaban en 2015 as centrais sindicais con representación na planta coruñesa ante as advertencias de despedimentos e peches, dende 1998 e ata 2011 as ganancias da compañía nas súas fábricas coruñesa e asturiana superaban os 1.400 millóns de euros, o que non impediu a presentación de expedientes de regulación de emprego.
En 2013, o Goberno central decidiu que as axudas de interrompibilidade concederíanse mediante unha poxa na que a multinacional tería que pelexar con outras industrias intensivas para rebaixar a súa elevada factura eléctrica. Non lle chistou nada á empresa, que ameazou con peches, tamén en Galicia, que non consumou. O que si fixo foi vender as factorías de Alacant e Amorebieta.
A Xunta financiou con 850.000 euros o proxecto de gasificación da planta coruñesa de Alcoa metres a empresa aplicaba un ERE a 157 empregados
Mentres Alcoa combinaba beneficios con ameazas de peche o persoal --en 2017 o conxunto do conglomerado gañou uns 200 millóns de euros, menos do previsto-- veu reclamando a intervención das autoridades galegas e españolas tanto para esixiren un marco estable no subministro eléctrico como para condicionar os apoios públicos ao mantemento do emprego en Galicia. Xa en 2012 a Xunta financiou con 850.000 euros o proxecto de gasificación da factoría coruñesa de Alcoa mentres a empresa aplicaba un expediente de regulación de emprego a 157 traballadores.
Os elevados prezos da enerxía, a sobreprodución e os baixos importes do aluminio nos mercados foron reducindo a rendibilidade da planta de San Cibrao. Desde hai anos, nin os gobernos estatais populares nin os do PSOE deron cunha solución nin cun marco estable enerxético ante as continuas ameazas da multinacional con peches ou despedimentos.
Agora, e ante o último e duro órdago, Feijóo acusa o Executivo central de "inacción", o mesmo reproche que a oposición galega fai contra a Xunta que, recorda, ten as competencias en industria. Foi así nos últimos anos, tamén cando a mesma empresa decidiu abandonar A Coruña e acabou por vender a fábrica a un fondo de investimento que menos dun ano despois volveu desfacerse da factoría.
A planta na Mariña que pretende pechar Alcoa cerrou o pasado exercicio cunhas perdas duns 50 millóns de euros e as previsións para este ano non eran mellores. Malia as continuas mobilizacións do persoal e da cidadanía da Mariña, as solucións non chegaron e o estatuto electrointensivo continúa estancado.