- O Estado aprobou a rebaixa da tarifa eléctrica para a industria vasca tras o visto e prace de Bruxelas
- Beneficios millonarios tras a privatización de Aznar en 1998
- 2012 | Persoal de Alcoa reivindican os seus traballos cunha doazón masiva de sangue
- 2014 | Alcoa anula os despidos e manterá a planta da Coruña
O temor estaba xustificado. Alcoa convocou para a mañá deste mércores aos comités de empresa das tres plantas que ten no Estado. Sen orde do día, os sindicatos temían malas novas. Finalmente, a compañía comunicoulles que pechará dúas das súas instalacións: a da Coruña e a de Avilés. Un duro golpe laboral e industrial para a comarca coruñesa e para Galicia, co punto e final para unha factoría que viviu ameazada nos últimos anos e que foi defendida pola cidadanía e uns traballadores en importantes mobilizacións.
Alcoa anuncia o peche da factoría da Coruña, que xera 400 empregos directos
O argumento de Alcoa para xustificar o peche é o elevado prezo da electricidade. O seu notable incremento nos últimos meses impide, di, a competitividade do negocio, supoñendo a factura enerxética preto do 50% dos seus custos de produción. Desde que se suprimira a tarifa especial para os grandes consumidores, a empresa reclama constantemente un marco e regulación estable dos seus custos eléctricos. Xa en 2014, a compañía advertira da posibilidade do peche se non había cambios, pero daquela as masivas mobilizacións paralizaron a mala nova que agora chega. Antes, en 2012, tamén houbera ameazas que tamén foron respondidas con masivas protestas.
Ao elevado prezo da factura da luz uniuse nas últimas semanas o incremento no importe da alúmina, a materia prima empregada para fabricar o aluminio e que nos últimos meses dobrou ou mesmo triplicou o sue custo habitual nos últimos anos. A decisión de Alcoa foi contundente e afecta directamente os arredor de 400 traballadores que ten nesta planta, unha das que ten en Galicia xunto á de San Cibrao. En total, xunto cos afectados na fábrica asturiana, o despico colectivo abranguería 686 empregados.
Alcoa, nun comunicado, indica que as plantas afectadas son as menos produtivas do grupo por mor de "problemas estruturais intrínsecos" e anuncia que iniciará un período de consultas o 31 de outubro cos representantes dos trabalaldores cunha duración máxima de 30 días naturais. Tamén asegura ser "consciente" da repercusión humana dos seus despedimentos e di prestarse a reducir o impacto negociando un plan social.
Alcoa resume as causas do peche na "menor capacidade de produción das plantas, unha tecnoloxía menos eficiente e elevados custos fixos", ao que se unen factores externos de mercado como a "sobrecapacidade de produción de China", así como o elevado prezo das materias primas e o custo enerxético. Ademais, asegura que as perdas dos últimos anos continuarán no futuro e aclara que os "esforzos" dos últimos tempos non foron dabondo pola "tecnoloxía más antiga e menos eficiente, economía de escala e outros factores".
A multinacional anuncia que manterá a produción do Estado nunha única planta, a de San Cibrao, onde se produce aluminio e alúmina. Segundo os seus propios datos, as vendas en España da empresa superaron o pasado ano os 2.800 millóns de euros, case un 30% do total do seu negocio mundial.
Alcoa xustifica o peche pola "menor capacidade de produción das plantas, unha tecnoloxía menos eficiente e elevados custos fixos", ademais de pola "sobrecapacidade de produción de China"
Desde os sindicatos e o propio comité de empresa advírtese desde hai tempo do difícil estado financeiro das fábricas de aluminio, pero tamén de que a situación non pode "xustificar ningunha acción da compañía sobre as plantas", ao ser Alcoa unha produtora a nivel mundial. Segundo din, as ganancias que historicamente tivo o sector do aluminio primario en España trasládanse agora á refinería de alúmina de San Cibrao, o que permite ao grupo manter os beneficios.
O comité de empresa anuncia a súa "resposta inmediata" ao despido colectivo anunciado por Alcoa
O presidente do comité de empresa da planta da Coruña Juan Carlos López Corbacho, anunciou a "resposta inmediata" dos traballadores ante o anuncio do "despido colecivo" por parte da empresa. A primeira medida, aos poucos minutos de coñecerse a noticia, foi bloquear a fábrica para que non puidese saír material; á tarde, tras unha asemblea, cortaron o tráfico ante a sede. "Estamos con este problema desde 2011 e estamos un pouco cansos; o cadro de persoal permaneceu paciente e con tranquilidade buscando unha solución pero tócanos falar a nós agora", dixo, ademais de advertir de que non permitirán que "coas subvencións cobradas nos últimos anos paguen agora as indemnizacións".
Manifestación de traballadores de Alcoa na Coruña / CC-BY-SA CIG
Ademais, aclarou que o persoal non comparte os motivos dados pola compañía para dar o paso. "Son causas creadas mesmo por eles mesmos e pola inacción do Goberno central e da Xunta de Galicia", lembrou López Corbacho.
Durante a asemblea celebrada na factoría, o cadro de persoal deixou claro que só negociará coa empresa o futuro e a viabilidade da empresa, ademais de instar a Xunta e Executivo central a que poñan todos os medios para garantir a continuidade da actividade. Os primeiros actos de protesta, bloqueo da saída de metal da fábrica e corte de estrada, leváronse a cabo, pero o comité de empresa prepara xa un calendario de mobilizacións que será comunicado este xoves.
Feijóo confirmou a "mala noticia" e anuncia a coordinación co Goberno de Asturias na defensa das factorías
Ao pouco tempo de coñecerse a noticia, o Goberno de Asturias expresou publicamente o seu rexeitamento á factoría de Alcoa en Avilés e o presidente do Principado, Javier Fernández, dixo estar en comunicación co seu homólogo na Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Ambos reuniranse esta semana.
Pouco despois, o presidente da Xunta confirmou a "mala noticia" que xa lle fora comunicada por parte de Alcoa ao conselleiro de Industria. Ademais, anunciou que buscará coordinarse co Goberno de Asturias na defensa das fábricas e advertiu de que "sempre" se atopou "unha solución nos últimos dez anos". Tamén aproveitou para verter algunha crítica ao Executivo central de Pedro Sánchez. "Hai un cambio de goberno e cartos no orzamento para empresas como Alcoa e aínda non se repartiu; aínda non temos fluidez co Ministerio para falar deste asunto aínda", dixo.
Concentración dos traballadores de Alcoa, cortando a estrada ao pé da factoría da Coruña, ao pouco de coñecer o anuncio do peche / CC-BY-SA CCOO
O Ministerio de Industria, pola súa banda, manifestou a súa "sorpresa e preocupación" e aclarou que "durante os contactos mantidos nos últimos tres meses, a empresa nunca informou de que podía tomar unha decisión nese sentido". O departamento anuncia que xa pediu á multinacional máis información para "buscar unha solución motivada pola falta de investimentos e problemas estruturais herdados desde 2014 e insiste en que a súa decisión foi "unilateral". Ademais, pediu unha negociación na busca de "alternativas co obxectivo de manter a capacidade produtiva das plantas de Aviles e A Coruña".
Desde o Concello da Coruña, o seu alcalde, Xulio Ferreiro, dixo poñerse "a disposición do cadro de persoal de Alcoa para facer fronte común en defensa do emprego e pola continuidade da actividade da planta". ademais, anunciou a convocatoria dun pleno extraordinario axiña e pediu "un posicionamento unánime" tanto na cidade como "no Estado e na Xunta". "Cómpre actuar e estarmos unidas para poder reverter este tipo de decisións. É moito o que nos xogamos", dixo.
Ademais, o BNG pediu a Feijóo que "se poña á fronte dunha negociación con Alcoa para evitar o peche e garnatir o 100% do emprego na factoría da Coruña". “É un disparate que se vete a tarifa eléctrica galega mentres hai empresas nas que perigan centos de postos de traballo polo prezo da electricidade”, di a súa voceira nacional, Ana Pontón.
En Marea, pola súa bada, esixe "traballo conxunto entre a Xunta, Estado e UE para dar solución a fábrica". O deputado Francisco Casal lembrou que o anuncio de peche por parte da empresa "era previsible" e que a súa formación leva anos "alertando e propoñendo alternativas para non chegar a esta situación". Ademais, a deputada no Congreso, Yolanda Díaz, trasladará nunha xuntanza este mércores coa ministra de Industria, Reyes Maroto, a situación de Alcoa para esixir intermediación.