Alcoa propón pechar a planta de aluminio en San Cibrao e despedir 534 traballadores

Mobilización ante as instalacións de Alcoa en San Cibrao CC-BY-NC-SA CIG

Un golpe fortísimo para A Mariña e para Galicia. Alcoa acaba de comunicar aos representantes do persoal a súa intención de pechar a planta de aluminio que ten na factoría de San Cibrao, o que supón o inicio do despedimento colectivo duns 540 traballadores e, de confirmarse, un forte impacto na zona polas consecuencias no emprego indirecto e na actividade económica da comarca. 

Alcoa comunicou á representación do persoal a súa intención de iniciar un período de consultas para un despedimento colectivo que afectaría 534 traballadores

A decisión da multinacional norteamericana foilles trasladada este mediodía a membros do comité reunidos en Lugo co presidente da empresa. 

Só uns minutos despois da reunión coa representación dos traballadores, tamén a nivel europeo en Madrid, Alcoa anunciou nun comunicado a súa intención de "iniciar un período de consultas para un proceso de despedimento colectivo" que "afectaría potencialmente ata a un máximo de 534 empregados da planta de aluminio“, indicou a multinacional, que pretende deixar nesa planta, onde traballan un total de 633 persoas, só unha parte fundición. Supón o despido do 85% do persoal. 

Instalacións de Alcoa en San Cibrao CC-BY-NC-SA CIG

Alcoa manterá a planta de Alúmina, onde traballan unhas 500 persoas. “A reestructuración prevista na planta de aluminio prevé operar só unha parte da fundición. A produción da planta de alúmina non se verá afectada por este período informal de consultas”, indica a multinacional. 

Alcoa pretende pechar a planta de aluminio e manter a de alúmina, con 500 traballadores; abre agora un "período informal de consultas" de tres semanas

A planta de Aluminio que pretende pechar Alcoa pechou o pasado exercicio cunhas perdas duns 50 millóns de euros e as previsións para este ano non eran mellores, unha situación que xustifican polo baixo prezo do metal nos mercados internacionais, os elevados custos enerxéticos e a sobreprodución provocada pola crise sanitaria polo coronavirus. 

Alcoa propuxo a apertura dun "período informal de consultas" co comité durante as vindeiras tres semanas para explicar a situación da planta e "discutir as opcións e medidas". Uns vinte días que se prevén tamén de presión ao Goberno central na súa intención de mellores condicións que abaraten o prezo da enerxía e ante a inexistencia aínda dun estatuto electrointensivo. 

"O propósito desta consulta informal é poder avanzar cos representantes dos traballadores antes de iniciar un período formal de consultas, que ten uns prazos concretos”, aclara Alcoa, que asegura que non tomará "ningunha decisión" ata que o período de consultas conclúa.

A empresa norteamericana asegura que “afronta unha serie de problemas externos de produción e de mercado que fixeron que a produción de aluminio primario sexa ineficiente e a operación da planta non sexa competitiva. Eses problemas estruturais inclúen os altos custos de enerxía e o baixo prezo do aluminio que, xunto co exceso de capacidade global, causaron significativas perdas recurrentes, que se prevé que continúen“.

Mobilización en Xove polo futuro da planta de aluminio de San Cibrao © BNG Viveiro

Ademais, o comité de empresa de Alcoa San Cibrao cualifou a proposta da empresa de "arbitraria e desproporcionada". O seu presidente, José Antonio Zan, cre "vergoñenta" a súa actitude, tamén porque hai aínda unha mesa multilateral aberta sobre o futuro da planta "onde se deben tratar estes temas". "Non é lugar nin momento, polo contexto que vivimos co coronavirus, para facer estas propostas", engadiu. 

O comité de empresa cre que a nacionalización da planta debería ser "a primeira opción enriba da mesa": "É factible e viable"

"Non imos entraras nas cifras, que non aceptamos, o que imos facer é traballar, producir e subministrar aos clientes”. "Se quere marchar, que marche", explicou Zan, que avogou pola nacionalización da planta de aluminio, que ve "factible e viable" e que debería ser "a primeira opción enriba da mesa" para salvar a fábrica e o emprego. E aí chamou á implicación do Estado e da Xunta. 

“O Goberno central ten un mecanismo que antes non tiña", lembrou o comité, en alusión á autorización da UE a intervir empresas en risco de crise.

Tensión na antiga planta de Alcoa na Coruña

Por outra banda, o comité de empresa da antiga factoría de Alcoa na Coruña --vendida primeirao a Parter, que hai un mes a vendeu ao Grupo Industrial Riesgo-- manifestouse este xoves na Coruña cunha caravana de vehículos para reclamar "un proxecto de futuro para a instalación" e pedir ao Goberno central que nomee un xestor que asegure a viablidade da planta mentres non se aclara o proceso de venda do que se descoñecen aínda moitos detalles. 

Ante estas demandas e as protestas, o Grupo Riesgo reaccionou cun comunicado no que ameaza o persoal "con medidas semellantes" ás tomadas por Alcoa na Mariña ou Nissan en Barcelona. "As continuas accións en contra do proxecto de futuro levadas a cabo polo comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña xeran confusión entre o resto de traballadores", di o devandito grupo, que acusa a representación do persoal de querer "desestabilizar" o plan da compañía "sen ter unha alternativa real a cambio". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.