"Claramente insuficiente". O proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos presentado polo Goberno central a pasada semana non satisfai nin ao persoal nin á patronal. Ás reticencias das grandes empresas únense tamén as dos comités de empresa de Aluibérica --antiga Alcoa--A Coruña-- e de Alcoa-San Cibrao, duas das industrias que máis enerxía consomen, por non recoller as medidas para a competitividade e estabilidade que tanto tempo leva reclamando o sector.
CCOO e os comités de Aluibérica e Alcoa en Galicia piden condicións específicas para consumidores hiperelectrointensivos como esas dúas empresas
Na rolda de prensa deste luns, CCOO explicou as alegacións presentados ao proxecto acompañado dos presidentes dos comités de ambas empresas. "Non recolle as reclamacións presentadas durante este período para dar estabilidade e competitividade ás empresas do sector industrial electrointensivo en Galicia", queixouse Víctor Ledo, secretario xeral de CCOO-Industria no país.
Nas alegacións, o sindicato reclama que se identifiquen os consumidores hiperelectrointensivos, como no caso destas dúas empresas, para que teñan unhas condicións específicas que atendan o seu alto custo enerxético de produción, ao igual que se fai en Francia.
No documento de alegacións, CCOO explica que a actual proposta do Executivo vai dirixida a 600 empresas que cumpren cuns requisitos: consumo eléctrico mínimo de 1GWh ao ano, unha intensidade enerxética maior de 1,5 kWh/euro ou a pertenza a sectores industriais benericiarios de axudas en materia de enerxía e clima. No entanto, o sindicato considera que "non dá solución ás empresas que realmente acreditan unha elevada intensidade de consumo". Por iso piden que se estableza a figura do consumidor hiperelectrointensivo, con condicións específicas e seguindo o modelo "regulado e aprobado pola UE noutros países como Francia".
"O estatuto non dá solución ás empresas que realmente acreditan unha elevada intensidade de consumo"
Tal e como destacou Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de Aluibérica, aquel "estatuto competitivo e con prezos estables" non é o que se acaba de presentar ao engadir "moitas máis empresas" con menor consumo enerxético e "esquecerse de quen está pasando" os maiores problemas. Ao beneficiarse 600 empresas, o dobre que en 2014, e baixar o orzamento, de 300 a 262 millóns, a conta parece clara para o persoal.
Respecto a outros mecanismos de apoio, as alegacións de CCOO advirten de que a partida de compensación de custos por emisións indirectas de CO2 debe "estar recoñecida nos Orzamentos Xerais do Estado e debe aplicarse na súa integridade e ata o máximo autorizado pola Comisión Europea, o 20% do recadado".
En canto á compensación dos cargos destinados a financiar as renovables, a coxeración de alta eficiencia ou extracustos de territorios non peninsulares, as alegacións apostan porque se modifique esta compensación ata alcanzar o 100% do custo real.
Respecto da obriga de asinar un contrato de subministro de enerxía a longo prazo, como mínimo, para cinco anos e un mínimo do 10%, CCOO di estar en desacordo coa medida. "Só define obrigatoriedade de contratar a praza un 10% do consumo anual ao consumidor, pero non establece ningunha medida referente ao prezo de venda que fixe o subministrador", explica.
Ante esta situación, o representante do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao, Alberto Pulpeiro, advertiu do descontento co proxecto de estatuto. Neste contexto, segundo o sindicalista, haberá "moitas dificultades" para poder manter os postos das 3.000 persoas que dependen do emprego xerado pola empresa na Mariña.
Feijóo e Conde coinciden en criticar o Goberno central por "discriminar territorialmente" e favorecer a Catalunya e Euskadi co estatuto
Á tarde, nunha visita ao comité de empresa de Alcoa en Cervo, Feijóo anunciou a súa intención de facer unha "fronte común" con Asturias e Cantabria para a mellora dun estatuto que cre que é a "sentenza" da empresa de aluminio na Mariña, ademais de anunciar futuras alegacións ao documento. O presidente da Xunta chegou a insinuar que a decisión de incrementar o número de empresas beneficiarias tiña o obxectivo de favorecer o País Vasco e Catalunya.
Xa este martes, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, reuniuse con representantes da industria galega para consensuar alegacións ao estatuto antes do xoves. En declaracións aos medios, insistiu no argumentario de Feijóo para advertir dunha "unidade clara" en Galicia fronte ao proxecto xa que, ao seu ver, o Goberno central "está a utilizar a política enerxética como un instrumento de discriminación territorial".
Pola súa banda, Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, acusa a Feijóo de ser un "incendiario político" co tema de Alcoa, tras lembrar que durante os "sete anos" que gobernou Rajoy, desde o Goberno central "nond eron ningún avance para que houbese un estatuto para empresas de alto consumo intensivo".