No vindeiro marzo, logo de máis dun ano de espera, o Ministerio de Industria prevé aprobar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo, real decreto ansiado polas grandes empresas consumidoras, moitas delas en Galicia como a de Alcoa na Mariña. Segundo adiantou este luns o Goberno central, beneficiará unhas 600 compañías no Estado --máis de trinta con sede en territorio galego-- cun apoio total de 262 millóns de euros.
O estatuto achegará 90 millóns en bonificacións ás grandes consumidoras, que se lle suman aos 172 millóns en compensacións por custos de CO2
Serán 90 millóns de euros a través de bonificacións dun 85% nos cargos das facturas de consumo, ao que haberá que sumarlle as compensacións por custos de CO2, que están situados a tal hora nos 172 millóns de euros e que prevén manterse ou mesmo aumentar nos vindeiros anos.
Segundo adiantou o Ministerio de Industria, o estatuto sairá a audiencia pública este martes e será aprobado xa en marzo, de maneira urxente e sen pasar pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), logo de que recibise o visto e prace da UE.
Así, con este estatuto, as industrias grandes consumidoras terán unha bonificación do 85% nos cargos que destinan a financiar os custos das renovables, a coxeración de alta eficiencia e os extracustos dos territorios non peninsulares. A cantidade seralles devolta ás empresas con cargo aos orzamentos de Indutria e non terá recpercusión no recibo do resto de consumidores. Serán, segundo os cálculos, uns 90 millóns a devolver.
Ademais, o estatuto incorpora un mecanismo polo que a Compañía Española de Seguros de Crédito á Exportación (Cesce) cubrirá cun fondo e outras garantáis os acordos bilaterais de compravenda de enerxía a longo prazo.
A idea do Goberno central é fomentar estes contratos a longo prazo con renovables a través das garantías que agora as empresas non teñen e que implicarán polo menos cinco anos e un 10% do seu consumo anual.
As que xa non serán o mesmo serán as poxas de interrompibilidade, que cada vez sacaban menos megavatios e menos compensacións para as empresas. Haberá un novo mecanismo.
Segundo explica o Ministerio de Industria, a diferenza entre o que pagan as grandes industrias electrointensivas no Estado e as de varios países europeos podería reducirse ata un 25%. Na actualidade, estas firmas en Alemaña ou Francia paga entre 10 e 17 euros/MWh menos pola electricidade que as españolas.
As compañías beneficiarias, máis de 600 no Estado, consomen uns 40.000 GWh ao ano, o 17% de toda a demanda estatal.