O novo marco enerxético para as industrias electrointensivas está preto. Así se deduce das conversas mantidas na última xuntanza da mesa de seguimento por Alcoa e dos avances anunciados polos representantes do Goberno central, que confían en que ese desexado estatuto poida estar mesmo aprobado no vindeiro Consello de Ministros do martes, logo de meses de demora.
O estatuto para empresas electrointensivas procura abaratar os custos da enerxía e garantir a viabilidade de numerosas compañías grandes consumidoras, como a planta de alúmina e aluminio de Alcoa na Mariña, que teme desde hai meses polo seu futuro. O presidente do comité da firma de San Cibrao, José Antonio Zan, recoñeceu que nesa última xuntanza transmitiuse que "a Unión Europea deu o visto e prace a ese estatuto", polo que o persoal agarda agora "se o publican ou o fan público", momento no que analizará se cumpre coas expectativas e dá "solución" ás súas demandas e ás da propia multinacional.
O Goberno central adiantou na última mesa de seguimento de Alcoa o "visto e prace" da UE ao texto que podería facerse público na vindeira semana
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, anunciou que o estatuto faríase "público de xeito inminente". "Sairá a exposición pública nos vindeiros días", asegurou este mércores. Será un documento inspirado na regulamentación de Alemaña e baseado en tres claves. Unha delas será a rebaixa do sobrecusto das primas e os custos extrapeninsulares, a parte que as empresas pagan para financiar enerxías limpas e a produción eléctrica de Ceuta, Melilla e as illas. Ademais, reforzaranse as compensacións polas emisións indirectas de CO2 e fomentaranse os contratos bilaterais para a contratación de enerxía.
Así o explicou o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, nunhas xornadas empresariais en Barcelona. O recorte previsto no estatuto é de ata un 85% nos cargos soportados polos grandes consumidores electrointensivos en concepto de primas para renovables e produción eléctrica extrapeninsular. Serían bonificacións que correrían a cargo dos orzamentos estatais, do mesmo xeito que as compensacións por custos de emisións indirectasde CO2, unha partida que superou os 170 millóns en 2019 e que se prevé que vaia aumentando ano a ano.
O estatuto prevé rebaixar o sobrecusto das primas e os cudtos extrapeninsulares, reforzar a compensación por emisións de CO2 e fomentar os contratos bilaterais
O visto e prace da UE, que non considera o estatuto unha axuda de Estado, é clave para que por fin chegue a súa publicación. Será daquela cando industria e persoal debullen o texto, que consideran un avance pero que agardan que sexa ambicioso.
Na súa reunión co persoal de Alcoa na Mariña, Caballero adiantou que o estatuto será unha medida “favorable ás empresas que son grandes consumidoras de enerxía” e que "contará con todas as garantías xurídicas e cumprirá coa normativa e as indicacións das institucións europeas”.
Malia este anuncio, o persoal de Alcoa xa advertiu de que seguirán as mobilizacións, con outra xa este vindeiro venres no concello de Xove, onde se distribuirán lazos azuis e se repartirán carteis reivindicativos polos comercios e locais da zona.