As poxas de interrompibilidade son un mecanismo que asigna bloques de potencia eléctrica interrompible a industrias electrointensivas que accederían a parar ou reducir o seu consumo de ser necesario e requirido polo Estado para asegurar o subministro ou moderar os prezos da electricidade. Postas no punto de mira da UE, que advirte da súa imposibilidade e mesmo intentou vetar a máis recente, supoñen uns ingresos claves para empresas como Alcoa, na Mariña, pola remuneración que reciben por cada bloque de potencia interrompible que lle é adxudicado de acordo co prezo ao que gañan a poxa.
As poxas de interrompibilidade están no punto de mira da UE; a última realizada recortou nun 90% os MW asignados e decepcionou a industria electrointensiva
A última poxa, realizada esta semana, está destinada a cubrir o servizo de interrompibilidade do primeiro semestre de 2020 e nin tan sequera tiña previsto realizarse ante as advertencias da Comisión Europea, que finalmente deu o visto e prace tras as negociacións do Goberno español. Con todo, o resultado foi moi decepcionante para as grandes industrias electrointensivas e Alcoa fala de tal caída de ingresos que a produción de aluminio primario en San Cibrao torna en "inviable", advertindo así dun posible peche que suporía un gran golpe para toda a comarca e o norte de Galicia.
A poxa desta vez repartiu 4,38 millóns entre 118 empresas, cun prezo medio de asignación de 8.764 euros/MW e ano, que supón un recorte de case o 90% con respecto aos 81.220 euros/MW e ano que foran asignados hai seis meses. Reduciuse a potencia da poxa e fragmentáronse os bloques, eliminando os de 40 MW.
Alcoa advirte dunha "caída de ingresos do 90%" nesta poxa de interrompibilidade en comparación coa anterior, na que obtivera 200 MW. A multinacional do aluminio non aclara cantos obtivo agora, pero si alerta de que a baixada "empeora a situación da planta de aluminio de San Cibrao" polo "impacto inmediato" que sufrirá nos custos de enerxía a partir de que empece 2020. Para a empresa, producir aluminio primario no Estado "é inviable con este custo da enerxía".
Alcoa asegura que a caída do 90% dos ingresos por interrompibilidade fai “inviable” producir aluminio primario na Mariña
Alcoa destaca a "redución do 60% na potencia a poxar", que pasou dos 2.340 MW aos 1.000, e a "dura competencia" que provocou "un valor significativamente inferior" ao doutras convocatorias como causas dun resultado que "empeora" a súa situación. "Agudiza aínda máis nosa posición non competitiva con respecto a países veciños da UE, onde os gobernos estableceron marcos enerxéticos estables para que esta industria teña un custo da enerxía predecible e competitivo”, destaca.
A multinacional advirte tamén do que lle custará a enerxía no primeiro trimestre de 2020, unha cifra que eleva aos 58,6 euros por MW hora, uns 20 euros menos da cantidade q ue considera viable para garantir o mantemento da fábrica.
Duras críticas ao Goberno central
Desde o comité de empresa de Alcoa as críticas son moi duras contra o Goberno central e ao PSOE, ao que acusan de "atacar" a industria electrointensiva que pode provocar "a segunda reconversión industrial máis grande en España logo da de 1986". Segundo os representantes sindicais, a redución de MW en poxa supón "un desastre industrial de difícil saída" da que culpan o Executivo central, ao que cualifican de "máis que irresponsable".
Ademais, o comité sinala directamente a minstra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, por "traballar" para prexudicar as grandes industrias electrointensivas "con nocturnidade e alevosía".