Falataba a derradeira confirmación e chegou por fin esta mañá. Alcoa anunciou na mañá deste mércores a venda das plantas da Coruña e Avilés ao fondo suizo Parter Capital, un acordo que inclúe o compromiso do mantemento do 100% dos empregos durante dous anos e que evita a execución do despedimento colectivo que podería ter sido aplicado a partir de mañá.
Este mércores finalizaba o prazo para que Parter presentara as garantías financeiras esixidas por Alcoa: avais por un valor de 27 millóns de euros
Este mércores 31 de xullo finalizaba o prazo que ambas as dúas empresas se deran para pechar o acordo e para que Parter presentara as garantías financeiras esixidas por Alcoa: avais por un valor de 27 millóns de euros. Así foi anunciado pola Ministra de Industria, Reyes Maroto, ao remate da Mesa de Seguimento do acordo, reunida en Madrid, na que participaron representantes dos traballadores, das dúas compañías e dos Gobernos de Galicia e Asturias.
Todas as partes amosaron a súa satisfacción pola feliz resolución dun longo proceso, comezando pola propia ministra Reyes Maroto, que dixo que "hoxe é un día para a satisfacción e para a esperanza" e destacou que "isto é un éxito de todos" e que a solución "foi posible grazas á unidade de acción".
López Corbacho: "O máis difícil non é pelexar: nós estamos afeitos a facer aluminio e dende logo a reivindicar. O máis difícil é depender doutros"
E, por suposto, eran os representantes dos traballadores os máis satisfeitos. Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña, agradeceu o "esforzo" de todos o persoal da planta "durante meses de loita, de incerteza e de intranquilidade", destacando que neste tempo os traballadores "pasamos por unha auténtica montaña rusa de sentimentos".
Para López Corbacho, o peor momento do proceso foi o día en que parou a primeira serie de electrólise, "un día que nunca esqueceremos todas as persoas que traballamos na planta", pero sinalou tamén as últimas semanas, nas que a venda se paralizou en dúas ocasións. "O máis difícil non é pelexar: nós estamos afeitos a facer aluminio e dende logo a reivindicar", dixo, "pero cando estás nunha intranquilidade bestial na que non sabes cal vai ser o teu futuro, pero pouco podes facer porque dependes doutros, iso é o máis difícil", dixo.
Parter garante o mantemento do 100% do emprego durante dous anos. A partir do ano 2022 todo depende da aprobación do Estatuto electrointensivo
Parter garante o mantemento do 100% do emprego durante dous anos (agás os traballadores que acepten baixas voluntarias e prexubilizacións) e, partir de 2022, de dous de cada tres postos de traballo na planta herculina. Serían 250 empregos dos actuais 375 con que conta a factoría. Parter centrarase na produción de aluminio secundario e de alta calidade, pensado para fornecer aos sectores de automoción e aeronáutica.
Ademais, Parter di estar disposto a incrementar o número de empregos ata os 375 actuais sempre que as condicións do mercado da enerxía sexan as óptimas para volver poñer en marcha a electrólise. É dicir, sempre que o estatuto de consumidores electrointensivos que prepara o Goberno central lles asegure un prezo máis reducido para a electricidade, duns 40 euros o megavatio, 12 menos que os 52 actuais.
Reyes Maroto afirmou que "é necesaria a formación dun Goberno para poder aprobar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo"
Ademais de amosar a súa satisfacción, López Corbacho destacou que "seguiremos a reivindicar que o Ministerio cumpra cos seus compromisos neste punto, e aprobe o prometido Estatuto que nos traia un prezo competitivo da electricidade". Nesta cuestión tamén incidiu o Presidente do Comité de Empresa da planta de Avilés, que reclamou "un prezo semellante ao que teñen as plantas de Francia ou Alemaña" para poder asegurar o mantemento da industria: "é a nosa forma de vida, somos industriais e queremos seguir séndoo", dixo.
Neste senso, a ministra Reyes Maroto afirmou que "é necesaria a formación dun Goberno para poder aprobar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo" e pediu que se "desbloquee" este proceso, unha reclamación á que se uniron tamén os representantes dos traballadores.
López Corbacho agradeceu o "esforzo" de todos o persoal da planta "durante meses de loita, de incerteza e de intranquilidade"
Foron máis de nove meses de loita e de incerteza. En outubro do pasado ano Alcoa anunciou o peche das dúas plantas, iniciándose unha fase de mobilizacións por parte dos traballadores, con manifestacións que reuniron a varios milleiros de persoas na Coruña. O persoal mantívose unido ao longo do proceso, que a partir do mes de xaneiro contou con prazos fixados, cun preacordo que daba seis meses para a procura dun comprador para as plantas.
Nese tempo vivíronse momentos de tensión, como as cargas policiais en Madrid contra traballadores e representantes políticos e promesas de aprobación do demandado estatuto electrointensivo. Na primavera comezaron a concretarse as primeiras ofertas de compra, entre as que foi escollida a de Parter. Con todo, nas últimas semanas, mesmo cando o acordo parecía algo seguro, o proceso foi paralizado en dúas ocasións por Alcoa, que esixía garantías de pagamento ao fondo suízo e a ratificación previa do acordo por parte do persoal. Finalmente, todos os obstáculos foron superados e as dúas plantas inician este mércores unha nova etapa, cun novo propietario e cun horizonte aberto.