Incerteza e prudencia, pero dúas ofertas sobre a mesa. O persoal cuxos empregos dependen de que triunfe a operación de venda das factorías de Alcoa na Coruña e Avilés recibiu no serán do xoves boas novas. O Comité Europeo de Alcoa e mais a comisión de seguimento do ERE foron informadas pola empresa de que, entre as ofertas de compra baralladas nas últimas semanas, hai dúas con posibilidades de saír adiante. Cando menos unha delas atinxe especificamente á factoría da Coruña e a outra valora chegar a facelo.
Segundo informa a representación do persoal, a oferta de Parter Capital garantiría o mantemento do emprego na Coruña e Avilés
O potencial comprador cuxa oferta "vinculante" xa parte da asunción da "totalidade do plantel" tamén na Coruña, segundo fontes sindicais, é o fondo de investimento suízo Parter Capital, unha compañía investidora que sinala entre as súas apostas estratéxicas situarse en sectores "tradicionais" con posibilidades de "desenvolvemento" futuro e que nos últimos anos investiu en compañías eléctricas ou construtoras, entre outros sectores.
No caso de Parter, a oferta de compra e mantemento do plantel diríxese tanto á Coruña como a Avilés e inclúe "arrincar as series de electrólise" nos dous casos, segundo as mesmas fontes. O segundo posible investidor o fondo alemán Quantum, está inicialmente interesado unicamente na planta de Avilés "para industrializar a fábrica dende a fundición cara a abaixo, descartando o arranque da electrólise".
Esta segunda empresa non desbotaría de inicio acabar optando tamén a investir na Coruña. Segundo indicou Alcoa aos sindicatos, valoraría se presentar ou non unha oferta vinculante pola fábrica galega despois de visitala, o que tiña pensado facer esta mesma semana.
Ante a confirmación da oferta de compra o persoal considera aínda máis relevante a protesta por unha tarifa eléctrica estable convocada para este 8 de xuño
Este é o escenario cando resta apenas un mes para a finalización dos prazos que Alcoa manexou para decidir de vez sobre a venda das factorías galega e asturiana. Chega, ademais, ás portes dunha nova mobilización para reclamar un marco eléctrico estable. A manifestación, convocada para este sábado na Coruña e apoiada tamén por persoal doutras compañías electrointensivas en problemas, como Ferroatlántica e Celsa Atlantic é considerada polo persoal como aínda máis importante despois da confirmación das ofertas de compra.
Os comités de empresa de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlántica resaltan que a súa mobilización quere deixar claro que do futuro das factorías que máis enerxía precisan para producir en Gaicia dependen uns 5.000 empregosno conxunto do país. Teme por el o seu persoal ante a falta de dunha tarifa estable no Estado e unha continua suba do importe da electricidade que resta competitividade ás fábricas malia ás axudas das Administracións e que soltan lastre despedindo traballadores.