Os comités de empresa da empresa Alcoa na Coruña e en San Cibrao, os de Ferroatlántica en Sabón e Cee-Dumbría e o de Celsa Atlantic acordaron a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro sábado 8 de xuño na Coruña “por un futuro para a industria electrointensiva” e ante o mouro do horizonte que albisca o seu persoal.
O persoal de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa en Galicia únese "por un futuro para a industria electrointensiva"
Os representantes sindicais insistiron en reclamar un prezo “competitivo” da enerxía para as industrias e a aprobación do reclamado estatuto e censuraron a redución na poxa de interrompibilidade, “en orzamento e bloques”. O persoal, como destacou o presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, insiste en reclamar “un prezo regulado para a industria electrointensiva” como o que “existe noutros países”. “Non pedimos subvencións nin axudas que non sexan legais”, insistiu.
Está en xogo o futuro das factorías que máis enerxía precisan para producir e das que dependen uns 5.000 empregos en Galicia. Teme por el o seu persoal ante a falta de dunha tarifa estable no Estado e unha continua suba do importe da electricidade que resta competitividade ás fábricas malia as axudas das Administracións e que soltan lastre despedindo traballadores. Alcoa e Ferroatlántica, as dúas principais empresas electrointensivas no país, afrontan senllos ERE, mentres que en Celsa Atlantic tampouco agardan o mellor para os vindeiros meses.
Os comités de empresa das compañías en Galicia reuníronse na mañá deste luns na Coruña para anunciar novas mobilizacións conxuntas logo de convocarse unha poxa de primas eléctricas que reduce as bonificacións á factura das grandes industrias e tras reprochar a actitude do Goberno central, do que levan tempo esperando solucións. Á marcha da Coruña podería engadirse outra en Madrid en xuño.
O persoal de Alcoa acusa o Goberno central de "non cumprir o prometido" e de pór en risco a chegada dun investidor para a planta
“Xuntos por unha tarifa eléctrica competitiva para a industria electrointensiva”. “Na defensa dos postos de traballo da industria electrointensiva”, din os carteis dunha marcha que sairá ás 12 da Praza da Palloza e rematará ante a Delegación do Goberno. “Ou decantarse pola industrialización ou apostar por favorecer as eléctricas”, insistiron en rolda de prensa os traballadores sobre o dilema que debe resolver o Goberno central.
Sindicatos e traballadores advirten do risco de perda de emprego industrial e perda económica colectiva en Galicia. Na planta de Alcoa da Coruña, da que dependen uns 400 traballadores directos, agardan a chegada dun comprador antes de finais de xuño para evitar o peche definitivo despois de que tanto esta factoría como a de Avilés quedasen excluídas da última poxa eléctrica tras deter a súa produción, o que aumenta os atrancos, logo de que o Goberno central asegurase o contrario. “Non cumpriron o prometido”, lembroulle o persoal este luns, que advirte de que ese incumprimento pon en risco a chegada dun investidor.
Desde a planta de produción de aluminio primario en San Cibrao, con 1.200 operarios, reclámase tamén unha solución urxente ante un futuro gris polo menos. Un posible peche desta factoría suporía un golpe brutal para a economía da Mariña, altamente dependente de todo o que se move tamén arredor desta área industrial. “O último cravo que nos acaban de cravar é a redución de bloques na poxa”, dixo respecto do Executivo de Pedro Sánchez Xosé Paleo, presidente do comité da factoría.
"Estamos pedindo o mesmo trato, as mesmas ferramentas para producir e que nos deixen traballar con dignidade e demostrar que somos competitivos”
“Rinse de nós”, din desde o cadro de persoal de Ferroatlántica, onde se pararon fornos en Sabón e Cee para logo aprobarse un ERE que afectou o persoal subcontratado. Na Costa da Morte o comité teme xa outra operación de Villar Mir para facer negocio coas concesións hidroeléctricas, que por lei están vinculadas á continuidade da factoría.
Na siderúrxica Celsa temen tamén as consecuencias futuras dunha factoría onde o prezo da electricidade supón unha importante porcentaxe dos custos de produción. O mesmo problema que afrontan ou afrontarán outras compañías en Galicia de non haber un prezo estable e competitivo axiña.
Losada destaca o "compromiso" do Goberno central
“O mecanismo de interrompibilidade existe pero é un mecanismo menor porque hai outros que axudan noutros países de Europa. Estamos pedindo o mesmo trato, as mesmas ferramentas para producir e que nos deixen traballar con dignidade e demostrar que somos competitivos”, aclarou Corbacho.
Desde o Goberno central, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, cre que o actual Executivo socialista está "comprometido" coas empresas electrointensivas e que foi "o único" que se "preocupou" por elas cunha "visión estratéxica e dun espazo temporal suficientemente estable".
Losada destaca que, "nun ano e desde o primeiro momento", o Goberno de Sánchez acordou medidas: "Establecemos tarifas con diminución de custos mediante poxas, incrementamos subvencións polo CO2 e elaboramos un estatuto electrointensivo de acordo coas autonomías e coas empresas que está en fase de alegacións, na súa fase final". "Comprometémonos como nunca cunhas empresas que sabemos que teñen dificultades", rematou.