A Delegación do Goberno en Galicia comunicou este xoves, a través dunha nota, as razóns polas que Alcoa non puido presentarse á poxa eléctrica desta semana e que impediría que as plantas da Coruña e Avilés, ameazadas de peche, non poderían prestar o servizo de interrompibilidade a partir de xullo, mesmo se conseguisen un investidor que reiniciase a actividade.
A Delegación respondeu así á solicitude de excepcionalidade feita por Alcoa para participar na poxa para o segundo semestre de 2019 e que foi rexeitada logo de que en xaneiro a empresa deixara de prestar servizo tras o despedimento colectivo acordado. O Ministerio de Industria, o pasado mes de marzo, asegurara que era "falso" que a empresa quedase fóra da poxa.
O Goberno central deixou fóra da poxa a Alcoa, que pedira unha excepción tras interromper a actividade á espera da chegada de novos investidores a partir de xuño
Alcoa argumentou que os motivos de suspensión da actividade eran excepcionais e que acceder á poxa era imprescindible para poder reiniciar máis adiante a actividade cun novo investidor ou dono nas plantas. O Estado advirte de que as condicións de interrompibilidade –mecanismo polo que se obtén un prezo máis vantaxoso a cambio de poder o provedor suspender temporalmente o subministro en casa de necesidade-- implican que rexeitar prestar o servizo durante un período de entrega supón non poder optar no período seguinte.
O Goberno central, no entanto, pode autorizar participar no poxa seguinte se o desestimento fose debido a motivos excepcionais debidamente xustificados. Para o Executivo, a solicitude de excepcionalidade de Alcoa para participar na poxa que se acaba de convocar non conta dos motivos requiridos pola normativa.
O persoal de Alcoa xa advirte de que non participar na poxa eléctrica pode frear posibles compradores interesados nas plantas. En declaracións a Radio Coruña, o presidente do comité de empresa da planta coruñesa, Juan Carlos López Corbacho, insiste en que o “interese” polas factorías “existe” ao ser “competitivas” de ter “as mesmas ferramentas que outras semellantes na UE”. “Están aí esperando por un escenario que reduza os custos da enerxía para ter estabilidade”, insiste.
O persoal de Alcoa xa advirte de que non participar na poxa eléctrica pode frear posibles compradores interesados nas plantas
Os representantes sindicais insisten en apremar o Ministerio de Industria para que adopte de vez un marco estable para o sector eléctrico e favorecer así a continuidade das plantas, ameazas polo peche se antes do 30 de xuño non se confirma algunha oferta. Polo momento, seis compañías amosaron xa interese: tres delas para mercar as dúas plantas en lote e outras tres unicamente interesadas na de Avilés.