Arredor de medio milleiro de traballadores das empresas da industria electrointensiva manifestáronse este luns en Compostela reclamando unha "solución" de vez para un sector ameazado por peches e fuxida de firmas ante o elevado e pouco competitivo prezo da enerxía no Estado.
Persoal de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic reclaman a aprobación xa dun estatuto para a industria electrointensiva que fixe uns prezos "competitivos" da enerxía
Persoal de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic, liderado por cadanseus comités de empresa, marchou polas rúas de Santiago reclamando a aprobación do desexado estatuto que fixe uns prezos "competitivos" para a enerxía e logo de que o Goberno central, malia as promesas, non o dese aprobado
"Enerxía solución" ou "goberne quen goberne a industria deféndese" foron algúns dos lemas berrados nunha marcha que uniu San Lázaro coa sede da Xunta e na que participaron representantes de diferentes formacións políticas como Yolanda Díaz (En Común), Xosé Luís Rivas (BNG), Luís Villares (En Marea) ou Gonzalo Trenor e Rosa Gallego PP).
Ás portas de San Caetano, e antes de que os comités fosen recibidos polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, leuse un manifesto onde o persoal reclamou a "implicación" de Xunta e Goberno central na procura dunha solución para a industria electrointensiva e no que pediron aos partidos que reclamen en Bruxelas unha tarifa eléctrica "unificada" na UE que poña fin ao "oligopolio" das compañías eléctricas.
O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, lembroulle ao Executivo central que "ten os deberes sen facer" en canto ao estatuto que, dixo, ten qeu "sacar" porque "non pode esperar máis". "Demasiado tempo se perdeu xa por este escenario electoral", dixo, mentres que o seu homólogo na planta de San Cibrao, Xosé Paleo, advertiu do "problema político" que ten unha industria electrointensiva en situación "crítica".
Os comités de empresa iden a "implicación" da Xunta e do Estado e piden aos partidos que reclamen en Bruxelas unha tarifa eléctrica "unificada" na UE
"Isto é un problema de Estado e queremos que os políticos solucionen este problema", engadiu Alberto Freire, da planta de Ferroatlántica en Sabón, que lembrou que a industria de España compite con países como Francia e Suráfrica cun prezo do megawatio 20 euros máis barato que no mercado español.
Ademais, Agustín Méndez, membro do comité de Celsa Atlantic, advertiu de que non todo o mundo "pode vivir do sector servizos" e de que a industria "é un sector fundamental en calquera país". Ademais, pediu un "marco enerxético que permita competir co resto de plantas de Europa e o mundo".
No manifesto, os traballadores denuncian a falta de implicación da Xunta e do Goberno central e insisten en que se aprobe pola vía de urxencia un real decreto do estatuto do electrointensivo que permita ás plantas galegas "competir en igualdade de condicións" no mercado global.
Respecto aos políticos, mentres a portavoz do PP no Concello da Coruña, Rosa Gallego, pedía solucións a Pedro Sánchez e ao PSOE, que non contou con represetantes na marcha, Luís Villares, de En Marea, propuxo que se eliminen das poxas diarias "toda a enerxía que procede da nuclear e a hidroeléctrica" como vía para "facer viable a industria e baixar a factura da luz a todas as casas".
A deputada electa no Congreso por En Común Unidas Podemos Yolanda Díaz acusou o PSOE de "seguir" as "mesmas políticas" que o PP no sector enerxético, mentres que o deputado do BNG no Parlamento galego Xosé Luís Rivas reclamou "sensatez" aos gobernos autonómico e estatal, aos que pide "unha intervención" na que "se defendan os postos de traballo e unhas industrias fundamentais e con futuro.