Unha ducia de empresas están interesadas nas plantas de Alcoa da Coruña e de Avilés, ameazadas de peche de non atoparse un investidor antes do vindeiro 30 de xuño. Así llelo manifestou o Ministerio de Industria aos representantes dos traballadores durante a reunión da mesa técnica sobre o futuro das factorías. Nove destes grupos interesados asinaron un compromiso de confidencialidade co Goberno central, mentres que tres terían xa elaborado un proxecto industrial para as instalacións.
Doce empresas están interesadas nas plantas de Alcoa segundo o Ministerio de Industria; tres delas terían elaborado xa un proxecto industrial
O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, indicou ademais que se está a traballar coa “máxima urxencia e dilixencia” para que o estatuto de consumidores electrointensivos sexa aprobado o máis axiña posible, antes mesmo da celebración das eleccións xerais. Así, indicou que se presentaron numerosas alegacións ao borrador do real decreto e que agora o Executivo está pendente dos informes da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e mais do do Consello do Estado.
O persoal de Alcoa mostroulle ao Minsterio de Industria o seu malestar pola tardanza no trámite deste estatuto e insisten en esixir que este achegue todos os complementos posibles para rebaixar o prezo da enerxía no futuro. Esta mesma crítica foi realizada tamén pola Xunta de Galicia, que advirte de que “non se vai concretar unha oferta para Alcoa mentres os investidores descoñezan os custos que van ter que afrontar”. A
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, un dos presentes na mesa de seguimento, asegurou que a xuntanza rematou “sen avance ningún e sen unha posición única e integral por parte do Goberno central”. O representante da Xunta demanda maior “transparencia e compromiso” por parte do Estado para saber ata onde vai chegar para atopar unha solución.
Raúl Blanco, pola contra, indicou que o compromiso das administracións de manterse en todas as fases do proceso para manter a actividade continúa e que o Goberno central pretende “garantir que haxa un plan industrial detrás dos proxectos de investimentoque actualmente están tratando xa directamente coa empresa”.
Por outra banda, este xoves delegados de CCOO en empresas do setor industrial como Alcoa, Ferroatlántica ou Isowat mobilizaranse diante da Delegación do Goberno na Coruña.