Alcoa pide ampliar a súa balsa de lodos a 110 metros de altura un ano despois de superar os 100

Balsa de lodos nas instalacións de Alcoa en Xove CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

O 18 de febreiro de 2025, a Xunta autorizou a ampliación outros catro metros máis da balsa de residuos perigosos que Alcoa ten en Xove, ao carón da súa fábrica, ata alcanzar así os 104 metros de altura. Menos dun ano despois, a empresa vén de solicitar ao Goberno galego un novo permiso para elevara a cota dez metros máis, ata os 110

Alcoa solicita a ampliación outros catro metros máis da balsa de lodos un ano despois de que a Xunta autorizase elevala ata os cen metros de altura

Así o recolle este venres o Diario Oficial de Galicia (DOG), que publica o acordo do departamento territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria "polo que se someten a información pública o proxecto construtivo, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental para o acrecentamento do depósito de lodos vermellos a cota 110", promovido por Alúmina Española. 

Xa que logo, a compañía do complexo da Mariña —da que Alcoa é propietaria maioritaria— inicia os trámites para unha nova ampliación da balsa coa exposición pública do proxecto durante trinta días hábiles para que sobre el se poidan presentar alegacións. 

Balsa de lodos en Alcoa, Xove © Ecoloxistas en Acción

Transcorridos estes trámites, e se se cumpre co procedemento habitual dos últimos anos, a Xunta autorizará unha nova ampliación que situará a balsa con case 50 metros máis da altura que alcanzaba hai 40 anos. Segundo explicou a empresa, o aumento do depósito suporía alongar a vida útil da instalación ata 2035 e as obras para este incremento da súa capacidade comezarían antes de final de 2026, logo de rematar coa obra a cota 104 aínda en execución. 

O depósito de lodos ou barros vermellos terá case 50 metros máis de alto que hai catro décadas

Os lodos ou barros vermellos froito da transformación da bauxita en alumina que se fai na fábrica de Alcoa de San Cibrao veñen acumulándose desde hai máis de catro décadas nunha balsa construída nun antigo val ao noroeste da instalación industrial, xa no concello de Xove. A base desa balsa sitúase a uns dez metros sobre o nivel do mar, pero a súa altura foi aumentando progresivamente para dar cabida a cada vez máis residuos. Primeiro construíuse ata a cota 26, cuns 15 metros de altura, pero en 1986 xa acadou a cota dos 64 metros, en 1995 elaborouse un novo proxecto para elevala ata a cota de 85 metros e en 2006 outro máis ata a cota de 100 metros.

Coa balsa case chea, hai tres anos Alcoa iniciou o proceso para pedir unha nova ampliación doutros catro metros, ata a cota 104 sobre o nivel do mar, que permitiría "incrementar de xeito temporal (tres anos) a capacidade" de almacenamento. A empresa presentou a actuación como "imprescindible para a actividade da planta" xa que sen un lugar para verter os seus residuos "debería pechar a corto ou medio prazo".

Ante esa petición a Consellería de Medio Ambiente emitiu en outubro de 2024 a súa autorización ambiental, proceso no que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural deixou constancia de que a balsa precisará de "mantemento activo" e de "maneira indefinida" cando Alcoa peche sen que o proxecto de ampliación os contemplen. Pero a Consellería de Economía limitara como responsabilidade da empresa a "un período de trinta (30) anos tralo peche da instalación".

Vista da balsa de lodos desde o mar nunha imaxe de 2008, cando aínda non chegara á altura actual, e fragmentos da autorización emitida en 2025 pola Consellería de Economía e Industria CC-BY-NC Imaxe: Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia | Montaxe: Praza Pública

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural advertira de que a balsa requirirá de "mantemento activo" e "indefinido" pero Economía e Industria limitara a 30 anos a responsabilidade da empresa

Porén, sobre a "fase de abandono da actividade" a autorización da Consellería de Medio Ambiente só estableceu que un ano antes da "finalización da vida útil das instalacións" a empresa deberá remitir un "proxecto de selado, clausura e rehabilitación das mesmas". Será ese futuro plan de peche o que deba "adaptarse as cautelas indicadas pola Dirección Xeral de Patrimonio natural". 

Tras ese permiso ambiental, foi o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen outorgou hai agora un ano, nun documento asinado ás dez menos dez da noite, a autorización definitiva da ampliación da balsa e o seu "plan de restauración". Porén, o documento volveu remitir ao futuro as actuacións concretas para a restauración ou control da zona cando Alcoa peche. 

Contra aquela última autorización de Economía e Industria alegaran sen éxito as asociacións Adega, Petón do Lobo e Ecoloxistas en Acción Galiza Atlántica e Verde. Só uns días despois, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitara suspender de forma cautelar o proxecto de ampliación do depósito de lodos vermellos tras unha denuncia da asociación Ecoloxistas en Acción Galiza. 

A Sala desestimara no auto as alegacións formuladas pola entidade e advertía que era “moi importante” ter en conta que non se estaba "en presenza da autorización dunha nova actividade, senón da modificación dunha estrutura para proseguir coa que xa existía coa súa autorización”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.