A empresa estima que ao depósito actual quédanlle “aproximadamente 4 anos de actividade” e inicia os trámites para a súa cuarta ampliación, que lle daría outros tres anos e medio de vida útil
Na Mariña lucense, en San Cibrao, Alcoa ten unha fábrica de aluminio cuxa produción foi detida temporalmente o pasado xaneiro e ata 2024 polos elevados prezos da enerxía eléctrica que precisa para funcionar. Pero ao seu carón hai tamén unha factoría de alumina, produto previo necesario para a fabricación do aluminio e que segue vendendo a outras fábricas. No proceso de obtención da alumina a partir da bauxita prodúcense como residuos os denominados barros vermellos, que desde hai catro décadas veñen depositándose nunha gran balsa construída nun antigo val ao noroeste da instalación industrial, xa no concello de Xove.
A base desa balsa sitúase a uns dez metros sobre o nivel do mar e a súa cima aproxímase aos cen metros, pero segundo a empresa xa só ten capacidade para “aproximadamente 4 anos de actividade, co ritmo de produción actual”. Para prolongar a súa vida útil outros tres anos e medio a empresa vén de iniciar a tramitación dunha nova ampliación do depósito, elevando a súa altura ata os 104 metros sobre o nivel do mar cun orzamento duns 12 millóns de euros.
Os lodos ou barros vermellos xerados como residuos na produción de alumina, considerados “óxidos metálicos inertes” pero que conteñen diversos compoñentes que debe ser controlados de xeito periódico, veñen almacenándose desde que comezou a funcionar o complexo de Alcoa na gran balsa creada ao seu carón. Nela os barros vanse secando e solidificando, perdendo parte da auga por evaporación e outra parte por un sistema de drenaxe da balsa dotado de depuración. A idea sempre foi que os barros compactados permanezan para sempre no depósito cando quede cheo, pero este foise ampliando progresivamente.
O primeiro proxecto da balsa, de 1978, deseñouse cunha cota máxima de 65 metros de altura sobre o nivel do mar. Inicialmente construíuse ata a cota 26, cuns 15 metros de altura a partir dos 10 metros sobre o nivel do mar a que está a base do depósito. Pero en 1986 xa acadou a cota dos 64 metros. En 1995 elaborouse un novo proxecto para elevar a balsa ata a cota de 85 metros, e en 2006 outro máis, o último ata o momento, ata a cota de 100 metros.
A empresa considera o depósito “imprescindible para a actividade da planta”, que sen un sitio para verter os barros vermellos “debería pechar a corto ou medio prazo”
Segundo o novo proxecto que agora está a tramitar Alúmina Española SA, controlada por Alcoa, a parede da balsa aínda non chegou ao nivel máximo autorizado na actualidade de 100 metros senón que está na cota 97,5, pero o nivel dos barros chegaba xa en decembro de 2020 ao nivel 93,13. Por iso agora o que se tramita é elevar a cota máxima autorizada ata os 104 metros sobre o nivel do mar. Segundo a documentación, “ata decembro de 2020 vertéronse no depósito aproximadamente 24 millóns de metros cúbicos de barros vermellos” e a nova ampliación permitirá un aumento de capacidade doutros 3 millóns de metros cúbicos.
A documentación coa que a empresa vén de solicitar o permiso ambiental para a obra está a exposición pública por parte da vicepresidencia económica da Xunta ata o 13 de setembro. Nela avaliáronse tres alternativas. A opción de non ampliar o depósito é descartada pola empresa porque o considera “imprescindible para a actividade da planta”, que sen un sitio para verter os barros vermellos “debería pechar a corto ou medio prazo”, nuns catro anos aproximadamente.
Analizouse a posibilidade de crear outra balsa ao outro lado do complexo industrial, pero tamén podería ter risco para núcleos de poboación
Tamén foi analizada a posibilidade de habilitar un novo depósito ao outro lado do complexo industrial, ao sueste, no espazo dunha antiga canteira. Pero ao ser un novo emprazamento habería que facer máis estudos que os necesarios para ampliar o actual, ademais de que estaría máis preto do núcleo urbano de San Cibrao. Así que a opción preferida é a que propón ampliar o depósito xa existente, o que non está exento de riscos, como a existencia tamén de núcleos de poboación e da propia factoría e o seu persoal augas abaixo do mesmo.
A existencia e emprazamento da balsa de lodos vén sendo obxecto de preocupación desde hai anos por diversos colectivos. A Xunta non aprobou o seu plan de emerxencia exterior ata 2012, e nel admitiuse a posibilidade de varios tipos de rotura e establecéronse medidas de alerta e contención.
En 2006 a empresa elaborou un plan de peche que prevía selar a superficie da balsa a unha cota de 102 metros
Por outra banda, en 2006 a empresa tivo que elaborar un denominado Plan de Peche Preliminar do depósito de barros vermellos, unha actuación que consistiría en selar a superficie da balsa cunha “membrana impermeable”, daquela prevista a unha cota máxima de 102 metros, actuación que tería un custo de 10,8 millóns de euros. Pero de momento Alcoa opta por seguir prolongando o uso do depósito.