En Galicia hai moitas bandeiras azuis (aínda que cada vez son máis os concellos que renuncian a este controvertido distintivo), que recoñecen os areais que cumpren unha serie de criterios de excelencia. Pero dende hai anos Ecoloxistas en Acción vén sinalando con bandeiras negras aqueles espazos do litoral que sofren un maior impacto da contaminación ou que están máis ameazados.
O informe sinala a praia de Lires (Cee), a contorna das factorías de ENCE (Pontevedra) e Alcoa en San Cibrao, a praia das Delicias (Sada), o porto de Marín e o conxunto da costa da Mariña lucense
Este martes o colectivo presentou a edición 2020 do seu informe, que entre os 48 lugares sinalados no conxunto do Estado español, subliña seis puntos da costa galega especialmente afectados pola presión humana, outorgando tres bandeiras negras a outros tres espazos que sofren os efectos da contaminación industrial: a praia de Lires (Cee), a contorna da factoría de ENCE (Pontevedra) e a contorna da planta de Alcoa en San Cibrao. E, ademais, outras tres bandeiras negras por "mala xestión", destinadas á praia das Delicias (Sada), ao porto de Marín e ao conxunto da costa da Mariña lucense.
A presentación do informe galego tivo lugar en Pontevedra, coa participación de Cristóbal López (Ecoloxistas en Acción), Sabela Iglesias (Verdegaia) e Antón Masa (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra).
O zosteral de Sada e a praia de Lires
"Temos que protexer a nosa costa e a biodiversidade asociada. Hai que transmitir á sociedade que, aínda que un areal non cumpra coa idea que temos dunha praia, non podemos impoñernos ao medio mariño"
Entre os exemplos de "mala xestión" destacados no informe está o da praia das Delicias, en Sada, un areal urbano "constantemente ameazado tanto por parte das autoridades locais como da poboación ao verter area na praia para facela máis cómoda para o baño en época estival, xa que ao baixar a marea queda exposta unha chaira intermareal de fondo fangoso e habitado por praderías de Zostera". Estes recheos afectan precisamente a este zosteral, un espazo clave para a reprodución de especies mariñas.
"Estas praderías de fanerógamas mariñas son de gran importancia xa que osixenan a auga, atrapan substancias tóxicas e por tanto mitigan a contaminación costeira e evitan a eutrofización", destaca o informe e conforman un hábitat clave para a reprodución e alimentación de numerosas especies, moitas delas de importancia económica, como a xiba e varios peixes de interese comercial.
"Temos que protexer a nosa costa e a biodiversidade asociada. Hai que transmitir á sociedade que, aínda que un areal non cumpra coa idea que temos dunha praia, non podemos impoñernos ao medio mariño. Temos que poñer en valor a gran biodiversidade que existe, debendo de realizarse accións de educación ambiental na zona para descubrir as marabillas que temos na nosa costa e así poder ver a praia con outros ollos para gozar dela de maneira diferente", destaca o informe.
O informe subliña tamén a situación da praia de Lires, en Cee, que se escolle "por levar cinco anos consecutivos con calidade de auga de baño insuficiente ao non cumprir os parámetros establecidos de contaminación fecal"
O informe subliña tamén a situación da praia de Lires, en Cee, que se escolle "por levar cinco anos consecutivos con calidade de auga de baño insuficiente ao non cumprir os parámetros establecidos de contaminación fecal". Ecoloxistas en Acción destaca que "se en cinco anos as zonas de baño presentan valores altos de E. coli e de enterococos intestinais, a praia deixa de ser apta ao baño, quedando prohibida o seu uso e déixase de realizar estes controis".
A entidade sinala que "esta pequena praia é o exemplo do abandono da costa, sábese que eses niveis elevados de contaminación son porque existe vertidos de augas residuais. Pechar a praia non soluciona nada, vai seguir recibindo auga contaminada da ría de Lires, e como xa non se analizan os niveis xa non se poderá coñecer se aumentan". E explica que "a orixe destas verteduras pode provir de varias fontes, debido ás augas residuais procedentes dos núcleos urbanos próximos á zona, ou podería ser de explotacións gandeiras e que haxa vertidos de xurros no río Castro que chega ata a ría de Lires". "A cantidade tan alta de contaminación indica que hai unha importante vertedura na zona que é necesario buscar e solucionar, non ignorar", conclúe
Porto de Marín e ENCE
O informe recolle tamén os recheos no Porto de Marín, que se engaden aos que xa realizaran en Lourizán para a instalación de Ence ou na zona de Os Praceres. En febreiro do 2020 o TSXG sentenciou que todos os recheos do porto de Marín son legais a pesar de haber unha sentenza firme do Supremo do Estado do 2009 que os declarou ilegais, sinala Ecoloxistas en Acción.
O informe recolle tamén os recheos no Porto de Marín, que se engaden aos que xa realizaran en Lourizán para a instalación de Ence ou na zona de Os Praceres
"O problema para o medio ambiente, os recursos naturais e a economía da zona son significativos. Actuacións deste tipo acaban deixando á xente da zona sen traballo", destaca o informe, que lembra o exemplo do banco marisqueiro de Praceres "que foi un dos máis produtivos de toda Galicia e hoxe practicamente desaparecido". "Marín cambiou o seu litoral de praias urbanas e unha economía baseado no marisqueo tradicional sustentable por recheos e economía portuaria", conclúe Ecoloxistas en Acción.
Tamén se sinala unha vez máis á factoría de ENCE, na ría de Pontevedra, destacando "entre os numerosos exemplos de contaminación e de neglixencia ambiental" outro aspecto que "pola súa gravidade consideramos merecedor da nosa bandeira negra: a combustión de aceites usados na planta de biomasa de Ence".
A planta de Alcoa e a costa da Mariña lucense
Finalmente, o informe céntrase na factoría de Alcoa en San Cibrao, facendo fincapé "nas verteduras de eslamiada cáustica que usan para disolver e lavar a bauxita a altas temperaturas", uns residuos que se van depositando no fondo dun gran tanque e logo son eliminados (barro vermello) por un proceso de precipitación. "En teoría está eslamiada cáustica debería ser reutilizada e devolta ao comezo do proceso pero isto non é así en realidade e enormes cantidades vértense ao mar", di o informe.
"Ao peche da factoría poderíase engadir o posible abandono desa balsa que recolle os residuos do proceso de fabricación e que podería supoñer a socialización dos custos ambientais do seu tratamento"
Ecoloxistas en Acción sinala que "ao peche da factoría poderíase engadir o posible abandono dese gran tanque ou balsa que recolle os residuos do proceso de fabricación e que podería supoñer, como vimos en numerosas ocasións, a socialización dos custos ambientais do seu tratamento mentres a empresa queda cos beneficios económicos producidos durante todos estes anos de implantación na comarca". Hai unhas semanas tamén a SGHN preguntou á Xunta pola seguridade da balsa de lodos vermellos de Alcoa, que cualifica como unha "herdanza envelenada".
Pero, ademais, o informe, destaca a situación que se vive noutros puntos do litoral da Mariña lucense, que "sofre unha gran presión urbanística polo auxe do turismo nos seus enclaves costeiros" e sinalando que "as infraestruturas das vilas do litoral lucense carecen da capacidade necesaria para a masificación da tempada estival".