Galicia recibe 107 bandeiras azuis, mínimo da década entre renuncias de concellos e receos ecoloxistas

Feijóo izando unha bandeira azul cun representante da entidade privada que as outorga e evolución do galardón na última década CC-BY-SA Praza Pública

O número de bandeiras leva catro anos reducíndose, coincidindo coa negativa de varias vilas turísticas da ría de Arousa, a Mariña e agora Nigrán a aspirar a elas

As praias galegas veñen de obter 107 bandeiras azuis, dúas menos que o ano pasado e a cifra máis baixa da última década. O progresivo retroceso do galardón coincide coa decisión nos últimos anos de varios concellos turísticos de renunciar a el, listado ao que se seguen a sumar novos municipios, como vén de anunciar o de Nigrán hai dúas semanas.

O máximo de bandeiras azuis rexistrouse na última década en 2015, con 131 galardóns, tras uns anos de relativa estabilidade por riba dos 120. Pero desde ese ano o devalo é continuado, coincidindo co progresivo aumento de concellos que renuncian a solicitar bandeiras por non compartir os seus requisitos, criticados tamén polos ecoloxistas por considerar que priman os servizos das praias sobre a conservación dos seus valores naturais. 

Desde ese máximo de bandeiras de 2015 varios concellos da ría de Arousa (O Grove, Ribeira, A Pobra ou Rianxo) veñen rexeitando reiteradamente presentar candidaturas, como tamén fixo algo máis tarde o lucense de Barreiros. Algún outro renunciou algún ano puntual para volver solicitalo o ano seguinte, entre protestas e presións de asociacións empresariais e de hosteleiros. Como as que vén de recibir agora o Concello de Nigrán, o último en sumarse, hai dúas semanas, á negativa ás bandeiras azuis por discrepar dos requisitos impostos pola entidade que as outorga, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), entidade privada coa que hai xa anos que rachou relacións a Unión Europea. 

Alcalde e concelleiros de Nigrán no izado en 2017 da bandeira azul na praia de Panxón © Concello de Nigrán

A propia organización que outorga as bandeiras, da que a Unión Europea se desligou hai xa dúas décadas por considerar que os galardóns carecían de rigor, admite que estas poden prexudicar espazos naturais “fráxiles”

A propia Adeac admite que as súas bandeiras azuis poden prexudicar espazos naturais “fráxiles”, o que non impediu que o Concello de Vigo traballase nos últimos anos por estender o galardón tamén ás protexidas illas Cíes, que este ano volve ter dúas praias (Rodas e Figueiras) con bandeira azul. Pola contra, a Xunta segue a gabar a cifra de bandeiras acadada, só por detrás de Valencia e por diante de Catalunya e Andalucía, ao tempo que paga 40.000 euros ao ano a Adeac a través dun convenio encadrado como “axudas á protección e promoción do patrimonio natural”.

Nesta edición Sanxenxo volve repetir como o concello galego e do conxunto do Estado con máis bandeiras, 14. Ademais das praias, as bandeiras azuis tamén recoñeceron este 2019 en Galicia 29 sendeiros azuis, 12 portos deportivos e 15 centros azuis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.