Nigrán súmase á ría de Arousa e Barreiros e renuncia ás bandeiras azuis nas súas praias

Alcalde de concelleiros de Nigrán no izado en 2017 da bandeira azul da praia de Panxón © Concello de Nigrán

O Concello critica a “falta de rigor e arbitrariedade” da “empresa privada” que concede as distincións, ás que cada vez renuncian máis municipios e cuxo impacto ambiental está en cuestión

Nigrán, o turístico concello da emblemática praia de Lourido-Panxón, coñecida en conxunto como praia América, que chegou a ter catro bandeiras azuis e que conta cunha ducia de areais de moi diversas características, súmase á lista de municipios que agora rexeitan contar con esa distinción, criticada tanto polas organizacións ecoloxistas como por administracións que consideran inasumibles os seus requisitos. Únese así a concellos de toda cor política situados principalmente na ría de Arousa (O Grove, Ribeira, A Pobra ou Rianxo) ou ao lucense de Barreiros, que en anos anteriores xa rexeitaron optar, por un ou outro motivo, ás bandeiras azuis. 

Nos últimos anos foron varios os concellos que dixeron renunciar ás bandeiras azuis despois de ser incapaces de cumprir os requisitos unha vez que obtiveran as distincións, especialmente ante a escaseza de vixiantes para atender a todos os areais. Ao ano seguinte, varios renunciaron a sequera presentar as súas candidaturas, como fixo Barreiros en 2017 tras ser incapaz de cumprir cos requisitos que esixira en 2016 o galardón por falta de socorristas e contaminación das augas. Agora é Nigrán, tras diversos enfrontamentos o ano pasado coa Xunta pola falta de socorristas e a calidade das augas, quen carga duramente contra a “empresa privada” Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), que é quen outorga as bandeiras e que en 2018 recoñecera tres areais do municipio (América, Panxón e Patos) facendo que daquela o Concello salientase que o distintivo “vén a corroborar unha vez máis a calidade excelente das augas e os servizos nas principais praias do municipio”.

Praias de Panxón e Lourido, en Nigrán, que conforman a coñecida como praia América CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

"Ningunha organización ecoloxista apoia o certificado, simplemente é un produto comercial co que non desexamos traballar porque xera unha presión totalmente inxustificada e carente de rigor en aspectos cos que non coincidimos”, di o alcalde

Pola contra, este ano o alcalde, o socialista Juan González defende a decisión de non optar ás bandeiras azuis como “unha decisión moi meditada tras catro anos detectando falta de rigor e arbitrariedade en ADEAC" e porque os galardóns "supoñen máis constraprestacións que beneficios para as praias". "Ningunha organización ecoloxista apoia o certificado, pese a ser supostamente o culme do respecto medioambiental, simplemente é un produto comercial co que non desexamos traballar porque xera unha presión totalmente inxustificada e carente de rigor en aspectos cos que non coincidimos”, argumenta González. O rexedor asegura que "isto non repercutirá en absoluto na calidade dos servizos que vimos ofrecendo e polos que seguimos apostando firmemente: praias accesibles, cardioprotexidas e medioambientalmente sostibles", e lembra diversos investimentos que vén realizando o Concello nos seus areais nesas materias.

A propia organización que outorga as bandeiras, da que a Unión Europea se desligou hai xa dúas décadas por considerar que os galardóns carecían de rigor, admite que estas poden prexudicar espazos naturais “fráxiles”

Os argumentos do Concello de Nigrán son similares aos ofrecidos polos concellos que previamente xa renunciaran ás bandeira azuis e engádense ás críticas lanzadas desde organizacións ecoloxistas sobre os requisitos de servizos e accesibilidade que requiren os galardóns e que poderían favorecer a progresiva perda das características naturais dos areais. A propia organización que outorga as bandeiras, da que a Unión Europea se desligou hai xa dúas décadas por considerar que os galardóns carecían de rigor, admite que estas poden prexudicar espazos naturais “fráxiles”, o que non impediu que o Concello de Vigo traballase nos últimos anos por estender o galardón tamén ás protexidas illas Cíes. A Xunta, mentres, paga 40.000 euros ao ano a ADEAC a través dun convenio encadrado como “axudas á protección e promoción do patrimonio natural”. 

Praia de Patos, en Nigrán, que tradicionalmente obtiña bandeira azul © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.