As bandeiras azuis que este verán locen en 113 praias e 18 portos deportivos galegos non son un distintivo outorgado por ningunha institución pública nin sinónimo de calidade e equilibrio medioambiental. Ben ao contrario, son outorgadas pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor, a filial española da danesa Fundación para a Educación Ambiental, que nas súas propias normas de concesión admite que o galardón pode ser prexudicial para espazos naturais "fráxiles" tanto pola instalación de servizos -accesos, aparcadoiros, sanitarios- como polo incremento da presión turística. Malia seren unha iniciativa desta organización e careceren, asemade, de aval da Comisión Europea dende finais do século pasado, gobernos como o galego seguen a ligar as bandeiras azuis co "respecto ao ambiente" e, sobre todo, seguen a abonar unha factura que no caso de Galicia ascende xa aos 40.000 euros anuais.
Mentres algúns concellos de signo político diverso xa optaron por desligarse do Programa Bandera Azul ao consideraren que trae consigo máis inconvenientes que vantaxes -nos últimos anos fixérono Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son ou O Grove e anteriormente, outros como Viveiro- a Xunta non só o presenta como "resultado" da "aposta" galega "pola conservación do litoral", en verbas de Alberto Núñez Feijóo, senón que achega directamente financiamento a ADEAC pola vía dun convenio anual que supón o 50% do orzamento da Consellería de Medio Ambiente para "axudas á protección e promoción do patrimonio natural" despois de que o seu importe se duplicase amplamente tras perder o financiamento da UE.
O custo do convenio supón o 50% do orzamento de Medio Ambiente para "axudas á protección e promoción do patrimonio natural"
O convenio deste ano, asinado o 9 de xaneiro pola conselleira Beatriz Mato e o presidente de ADEAC, José Ramón Sánchez Moro, inclúe no seu texto unha xustificación máis ou menos implícita para o incremento do financiamento público das bandeiras. "O aumento do número de municipios participantes e/ou galardoados na comunidade autónoma galega", a "análise e seguimento do crecente número de solicitudes", "dos materiais distribuídos e das accións complementarias" están a "esixir unha dedicación cada vez maior de medios humanos, instrumentais e económicos que superan as previsións iniciais" e "esixe unha reflexión e corresponsabilidade sobre a súa evolución futura" xa que, di o convenio, ADEAC é "unha organización en ánimo de lucro" que pretende "un desenvolvemento sostible do turismo e unha xestión ambiental no conxunto do litoral.
A Xunta paga, vixía e organiza a cerimonia
Co pagamento deses 40.000 euros a Xunta merca o dereito a sentar no xurado que outorga as bandeiras azuis para todo o Estado e a asociación comprométese a realizar "unha selección conxunta coa Consellería dun número de praias nas que se considere oportuno un labor de asesoramento cara á corrección das circunstancias que impedisen ata agora a concesión de Bandeira Azul ou a súa continuidade". Con eses fondos ADEAC pon o que define como "achega gratuíta da primeira Bandeira Azul" a cada praia galega galardoada, ademais da realización de diversos informes sobre a súa actividade.
Co pagamento dos 40.000 euros a Xunta merca o dereito a estar no xurado das bandeiras e asume a inspección; ADEAC compromete a "achega gratuíta da primeira Bandeira Azul" a cada praia
Xunto aos cartos o Goberno galego asume no convenio o compromiso de achegar a ADEAC "datos técnicos sobre a calidade sanitaria das augas de baño" e "colaborar nas tarefas de inspección nas praias de Galicia". A Consellería é tamén a responsable de "realizar labores de intermediación" entre a asociación promotora e os concellos, entre os que cita a "distribución e recepción dos cuestionarios de candidatura para a súa posterior remisión a ADEAC" -a organización indica na súa web que se trata dun procedemento que se realiza a través de internet-.
A Xunta ten tamén que "comunicar a ADEAC as anomalías detectadas no cumprimento dos criterios de concesión" e mesmo "instar o municipio á retirada da Bandeira Azul en tanto persistan as condicións anómalas detectadas". Con este convenio a Xunta é encargada tamén da "organización da cerimonia de entrega de bandeiras azuis" -este ano celebrouse en Baiona-, cuxa data debe ser "comunicada coa suficiente antelación" a ADEAC para "posibilitar a súa participación no evento".
Unha factura cada vez máis alta
A principios de século o convenio das bandeiras roldaba os 13.000 euros e en poucos anos incrementouse en máis dun 200%
O actual Goberno galego non é o primeiro que financia o Programa Bandera Azul -o propio convenio destaca que Galicia "participa ininterrompidamente dende 1987", cando aínda eran apoiadas pola UE-, pero si é o que destina un maior orzamento ao mesmo. Segundo datos do Rexistro de Convenios, nos exercicios inmediatamente posteriores á perda do apoio europeo o Goberno de Manuel Fraga achegaba uns 13.200 euros a ADEAC, caso do ano 2000, que pasaron a ser 16.527 en 2001 e 2002 e se elevaron ata 19.533 en 2003.
O seguinte ano do que o Rexistro ofrece datos, o 2007, o financiamento público das bandeiras azuis era xa de 25.000 euros que foron achegados polo Goberno bipartito, o mesmo que accedeu a incrementar a factura ata os 30.000 euros no ano 2008. En 2009 as bandeiras azuis custaron xa 39.000 euros e dende 2010 o convenio ascende aos devanditos 40.000, segundo amosa o rexistro. Isto supón, daquela, que o financiamento dos galardóns se incrementou en máis dun 200% en apenas unha década.