A entidade que asigna as bandeiras azuis admite que poden prexudicar espazos naturais "fráxiles"

Acto de entrega das bandeiras azuis a praias e portos de Galicia en 2016 © Conchi Paz

"As Bandeiras Azuis demostran que Galicia fai algo máis que gozar dun patrimonio ambiental: esixe traballo, planificación e estratexia". Son "o premio por apostar por portos e praias de máxima calidade, repectuosas co medio ambiente" porque "as súas augas, areas e servizos sométense a rigorosos controis". Son algunhas das valoracións ofrecidas dende a Xunta nos actos de entrega de bandeiras azuis a praias e portos galegos nos últimos anos. Este evento anual, auspiciado polo Goberno galego, é boa mostra da sona que aínda manteñen estes galardóns, cunha fasquía de oficialidade e garantía de excelencia ambiental que non se corresponde coa realidade e nin sequera cos criterios da organización que as concede, en cuxos manuais admite que o galardón pode chegar a ser prexudicial para espazos naturais "fráxiles".

As bandeiras azuis están xestionadas pola Fundación para a Educación Ambiental, unha entidade con sede en Dinamarca que conta con patrocinios de multinacionais como General Motors ou Alcoa e que conta con arredor de medio cento de filiais por todo o mundo. Os portos e praias galegas entran dentro do ámbito de actuación da súa organización para España, a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor, que establece os criterios a cumprir polos concellos que desexen izar unha ou varias destas bandeiras. Neste 2017, segundo o reparto feito público esta semana pola ADEAC e difundido tamén pola Xunta, Galicia contará con 113 distintivos para praias e 18 en portos.

Aínda que nos seus materiais promocionais a AEAC presenta o Programa Bandeira Azul como unha vía para "promover o desenvolvemento sostible das zonas litorais" a través "da esixencia duns estándares elevados na calidade das augas de baño, a seguridade, a xestión ambiental e a información e educación para a sostibilidade", as súas propias guías reflicten cautelas para as contornas naturais especialmente sensibles ou privilexiadas. "Algunhas áreas dentro dunha praia Bandeira Azul ou lindeira con esta -indica un destes documentos- pode resultar especialmente sensibles dende o punto de vista ambiental e precisar técnicas de xestión especiais", caso por exemplo dos espazos de dunas, sinala.

A Praia de Silgar, en Sanxenxo ten Bandeira Azul neste 2017 © Turgalicia

"A fraxilidade de certos espazos naturais non aconsella a concesión deste tipo de galardón"

"Ocasionalmente -indica a guía- pode suceder que a fraxilidade de certos espazos naturais non aconselle a concesión deste tipo de galardón", xa que "a afluencia dun maior número de visitantes pode poñer en perigo a fauna e flora ou os hábitats", admite a ADEAC. Non en van, recoñece, as bandeiras azuis van ligadas tamén á existenica de "instalacións ou servizos", caso de aparcadoiros ou sanitarios, cuxa "ubicación" netes "espazos naturais" pode ser prexudicial. Así as cousas, agrega, "como regra xeral, a Bandeira Azul debe outorgarse unicamente a aqueles lugares nos que poida demostrarse que a xestión das instalacións de recreo e da afluencia de visitantes prevén que se produzan a longo prazo danos irreparables ao medio ambiente".

A Xunta mantén que a Bandeira Azul é sinónimo de "rigorosos controis", aínda que o distintivo é compatible con algúns episodios de contaminación"

A colisión entre as características das contornas naturais 'virxes' ou especialmente sensibles e estes galardóns amósase, por exemplo, nas excepcións contempladas por ADEAC para a trintena de criterios de "calidade das augas de baño, información e educación ambiental, xestión ambiental e seguridade, servizos e intalacións" estipulados na súa guía para a concesión das bandeiras. Así, por exemplo, a última versión deste manual considera compatible a Bandeira Azul con episodios de "contaminación de curta duración" nas praias, caso por exemplo das bacterias fecais, se as súas causas "son claramente identificables e se prevé que non vai afectar á calidade das augas por un período superior a 72 horas" dende que é "detectado". Ademais, a asociación "propón" que as análises das augas -esixe 8 cada ano- se realicen seguindo "estándares europeos ou internacionais", pero trátase dunha recomendación e non dunha esixencia.

Case vinte anos desligadas da UE

Boa parte do prestixio adquirido polas Bandeiras Azuis é que nos seus primeiros anos de existencia estiveron avaladas pola Unión Europea, pero isto non sucede dende hai case vinte anos. A orixe dos galardóns está en 1987, cando no marco do Ano Europeo do Medio Ambiente a daquela denominada Comunidade Económica Europea decidiu implicarse no apoio e subvención do Programa Bandeira Azul. A ligazón coas autoridades comunitarias mantívose ata 1999, cando a Comisión Europea decidiu rachar a relación porque os criterios das bandeiras, indicaran, "carecían do suficiente rigor".

Contorna de Patos, en Nigrán, praia con Bandeira Azul © Turgalicia

A Comisión Europea deixou de apoiar e subvencionar a entidade que concede as bandeiras polo seu escaso "rigor"

"Ninguén poderá utilizar a etiqueta da Comisión Europea para poñer bandeiriñas no verán", ilustraba naquela altura en declaracións ao diario El País o daquela voceiro da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión, Saturnino Muñoz, quen explicaba que non existía "control periódico" sobre o estado das praias galardoadas" e mesmo con algunhas "facíase a vista gorda". A decisión, admitía o cargo da UE, chegaba tamén despois de múltiples queixas de cidadáns e colectivos ambientalistas que apuntaban esas mesmas carencias técnicas e a pouca vinculación entre as bandeiras e a protección do medio. Dous anos máis tarde, en 2001, a Fundación para a Educación Ambiental deixaba de operar só en Europa e estendíase a outros continentes.

Adega: "Son unha marca publicitaria, un produto para amortecer os impactos do turismo, non premian a boa conservación dos ecosistemas costeiros"

Algunhas desas obxeccións chegaran, como informou Praza.gal, tamén dende Galicia. Así, por exemplo, en varias ocasións a asociación ecoloxista Adega advertiu de que para manter as bandeiras "monitorízase principalmente a calidade das augas de baño e os servizos da praia e só durante a temporada estival", pero "o resto do ano non son tidas en conta cuestións tan importantes como o estado das dunas e orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras". Así, resaltaban, "algunhas das praias que veñen sendo recoñecidas" padecen "graves problemas ambientais", o que a xuízo do colectivo acredita que a Bandeira Azul é "unha marca publicitaria, un produto comercial" para "amortecer os impactos do turismo de masas en litorais" e "non para premiar a boa conservación dos ecosistemas costeiros".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.