Ao inicio de cada verán concellos de todas as cores políticas acuden á chamada da Xunta que, nun acto institucional organizado nalgún municipio costeiro -nos últimos anos en Porto do Son, Foz, Arteixo, Vigo e Ribeira- entrega as bandeiras azuis que locerán praias e portos deportivos. Neste 2017 o escenario do evento foi Baiona e novamente os gobernos locais recibiron as bandeiras de mans do presidente da Xunta, aínda que os distintivos non son outorgados polo Goberno galego nin por ningún outro e carecen do aval da Unión Europea dende 1999, cando deixou de apoialas polo seu escaso "rigor". Un ano máis o Executivo volveu ligar por boca de Alberto Núñez Feijóo estas bandeiras co "respecto" e conservación do medio ambiente; mentres, a entidade que as concede admite que poden chegar a prexudicalo.
No transcurso da entrega das bandeiras -113 para as praias, 10 menos que en 2016, e 18 para portos- e acompañado da conselleira de Medio Ambiente o xefe do Goberno galego presentounas como "a mellor porta de entrada para descubrir a riqueza natural de Galicia" por seren, asegura, "o resultado dunha aposta colectiva pola conservación do litoral". Dispoñer de bandeira azul é, segundo o presidente, sinónimo de "litoral rico en flora e fauna terrestre e mariñeira", así como de seguridade e de dotacións de "servizos de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios" e mais de accesos adecuados para persoas con discapacidade. "Significan -abondou Feijóo- que estamos a cumprir o principal desafío que nos presenta o litoral: conxugar o seu aproveitamento humano co respecto ao medio ambiente".
Feijóo: "Son o resultado dunha aposta pola conservación do litoral; significan que estamos a conxugar o aproveitamento humano co respecto ao medio ambiente"
As valoracións do presidente contrastan non só coas posicións críticas de colectivos ecoloxistas sobre estas bandeiras, senón mesmo coas cautelas da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), filial española da danesa Fundación para a Educación Ambiental, que xestiona os distintivos. Nos seus materiais promocionais ADEAC presenta o seu Programa Bandeira Azul como unha ferramenta para o "desenvolvemento sostible das zonas litorais" pero, como informou Praza.gal, na guía que deben seguir os concellos interesados en obter o distintivo xorden diversas cautelas que mesmo levan a organización a recomendar non pedir a bandeira para espazos naturais privilexiados.
A asociación que outorga as bandeiras admite que poden ser un risco para fauna e flora e recomenda non pedilas para espazos naturais "fráxiles"
"Algunhas áreas dentro dunha praia Bandeira Azul ou lindeira con esta -di a guía para este 2017- poden resultar especialmente sensibles dende o punto de vista ambiental e precisar técnicas de xestión especiais", como as requiridas, por exemplo, cando a praia se atopa preto dunha área dunar. "Ocasionalmente -continúa- pode suceder que a fraxilidade de certos espazos naturais non aconselle a concesión deste tipo de galardón", admite, xa que adoita traer consigo "a afluencia dun maior número de visitantes" que "pode poñer en perigo a fauna e a flora". E ademais, agrega, para obter a bandiera azul cómpre ter "instalacións e servizos" como aparcadoiros ou sanitarios que poden prexudicar a natureza.
ADEGA lembra que a UE retirou o apoio ao Programa Bandeira Azul, no que ve "unha marca publicitaria"
Estas cautelas eran lembradas o pasado maio, cando ADEAC condedeu as bandeiras deste ano, dende a asociación ecoloxista ADEGA. "As praias non son parques urbanos -evidenciaba- e a boa conservación dos ecosistemas naturais pouco ten a ver coa calidade sanitaria e os servizos". "A bandeira azul -explicaba- está lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado", xa que a organización que as concede "monitoriza principalmente a calidade das augas e os servizos da praia e só durante a tempada de baño". Durante o resto do ano "cuestións tan importantes como o estado das dunas e a orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras non son considerados".
A xuízo de ADEGA, a bandeira azul é pouco máis ca "unha marca publicitaria" na que "cómpre prestar atención á letra pequena" como, lembra, a propia UE admitiu a principios de século. Daquela, a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea retirou o financiamento ao programa e quen na altura era o seu voceiro, Saturnino Muñoz, advertiu en declaracións a El País que dende ese momento "ninguén poderá utilizar a etiqueta da Comisión para poñer bandeiriñas no verán" sen que existise "control periódico" sobre as praias e, nalgúns casos, "facendo a vista gorda" na conservación do medio ambiente.