Os zosterais son unha caste de pradería mariña que se atopa nas ribeiras e estuarios e que cumpre unha función fundamental para a alimentación, protección e reprodución de numerosas especies. Con marea baixa poden ser confundidas con acumulacións de algas, pero en realidade trátase de plantas (fanerógamas mariñas), a Zostera noltii e a Zostera marina. Un deses zosterais, de gran tamaño, está en Sada.
O zosteral conforma "un hábitat clave para a reprodución e alimentación de numerosas especies, moitas delas de importancia económica, como a xiba e varios peixes de interese comercial"
Sete entidades ecoloxistas denunciaron esta semana o proxecto para realizar un importante recheo na praia de Sada (entre 3.000 e 4.000 camións de area), que tería graves consecuencias para o zosteral. A denuncia foi realizada pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), ADEGA, Ecoloxistas en Acción, Grupo Naturalista Hábitat, Asociación pola Defensa da Ría de Sada, Asociación Ecoloxista Arco Iris e Asociación Cultural O Rabo do Galo, que remitiron un escrito á Demarcación de Costas de Galicia e outro á Secretaría de Estado de Medio Ambiente, para que o Ministerio de Transición Ecolóxica "desbote definitivamente calquera novo recheo na praia e empregue os recursos económicos en actuacións positivas para o litoral da ría".
As organizacións denunciantes explican que nos últimos meses foron convidadas a manter varias reunións coa Demarcación de Costas, nas que se lles explicou "un novo enfoque do proxecto", actualmente bloqueado polo Ministerio. Sinalan que se pretenden en primeiro lugar instalar numerosos postes na praia para deslindar unha franxa de 30 metros medida dende o borde dos vellos recheos de area, co obxectivo de verificar a presenza de zostera nela e proceder posteriormente a realizar os recheos.
"Non pode xustificarse un atentado ecolóxico de tal calibre simplemente porque algunhas persoas consideran molesto pisar o limo do fondo e lles desagrada a presenza de zostera entre os pés"
A sete entidades ecoloxistas subliñan que "non pode xustificarse un atentado ecolóxico de tal calibre simplemente porque algunhas persoas consideran molesto pisar o limo do fondo e lles desagrada a presenza de zostera entre os pés" e engaden que "a praia de Sada nunca será óptima para o baño polo seu escaso desnivel, que afasta moito a auga do borde seco da praia en canto baixa a marea". Ademais, lembran que "hai unha magnífica praia a menos dun quilómetro de distancia, a de Gandarío, moi accesible, segura, con transporte público, e cunha calidade da auga moito mellor". Lembran, neste senso, que a praia de Sada "está contaminada permanentemente por altas concentracións de bacterias coliformes".
Os denunciantes reclaman finalmente que o Goberno municipal de Sada aclare "se vai defender o noso patrimonio natural ou se é quen realmente está a presionar á Demarcación de Costas en Galicia para sacar adiante o proxecto".
No 2015 e 2017 puxéronse en marcha procesos para levar a cabo actuacións de "rexeneración" consistentes en recheos para ampliar a superficie de area na praia. O Ministerio bloqueou o proxecto
Non é a primeira vez que nos últimos anos se intentan levar a cabo iniciativas que poñen en perigo este espazo de gran valor natural. Nos anos 2015 e 2017, Costas abriu senllos procesos para "rexenerar" a praia de Sada, o que de inmediato espertou as críticas dos movementos ecoloxistas. Porén, en febreiro de 2018 o Ministerio de Medio Ambiente paralizou o proxecto para revisar o seu impacto ambiental, xa que a actuación vulneraba o convenio OSPAR e a Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
A importancia destas praderías mariñas -gravemente ameazadas tanto por dragaxes e recheos como por vertidos e por embarcacións de recreo- é que conforman "un hábitat clave para a reprodución e alimentación de numerosas especies, moitas delas de importancia económica, como a xiba e varios peixes de interese comercial", explican os colectivos ecoloxistas, que subliñan que "tamén é importante para as aves, pois nela aliméntanse numerosas anátidas e ardeidas, acadando cifras superiores ó milleiro de exemplares nos censos invernais".