Galicia ten este ano o menor número de bandeiras azuis da última década, un total de 107, unhas 24 menos que hai catro anos. Nos últimos anos foron varios os concellos galegos que comezaron a renunciar a esta distinción privada. Por exemplo Nigrán, que se uniu a varias localidades da ría de Arousa (O Grove, Ribeira, A Pobra ou Rianxo) ou a Barreiros.
Guipúscoa non ten bandeira azul ningunha, despois de que nos últimos anos todos os concellos foran renunciando a solicitala
Este movemento de retroceso das bandeiras azuis non é exclusivo de Galicia e de feito está a ser moito máis intenso noutros territorios, especialmente o País Vasco. Este ano en Euskadi tan só cinco praias contan con esta certificación: os areais de Ereaga e Arrigunaga, en Getxo (Biscaia) e tres praias interiores (Garaio, Landa e Ullibarri) no encoro de Zadorra, en Áraba.
Guipúscoa non ten bandeira azul ningunha, despois de que nos últimos anos todos os concellos foran renunciando a solicitala, ao igual que a maior parte das localidades costeiras de Biscaia. A maior parte das vilas litorais vascas apostan por solicitar outro tipo de certificacións máis rigorosas e que priman máis os valores medioambientais, dende a ISO 14001 á certificación europea EMAS. Donosti abandonou a bandeira azul no ano 2003 e este ano veñen de facelo localidades como Hondarribia.
A renuncia ás bandeiras azuis non é exclusiva de Euskadi. Nas Illas Baleares o seu número vén descendendo dende o ano 2016 e tamén en Asturias varias localidades, como Llanes, rexeitaron solicitar estas distincións nos últimos veráns. As bandeiras azuis teñen ademais uns elevados custos para os concellos, ao redor de 45.000 euros por praia, para facer fronte ás esixencias da empresa promotora: servizos de socorrismo, balizamento, rampas de acceso ou limpeza dos areais.
Estas localidades están a optar por outro tipo de certificacións, dende a ISO 14001 á certificación europea EMAS
As bandeiras azuis, que son outorgadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), unha entidade privada coa que hai anos rompeu relacións a Unión Europea, son decote criticadas polos grupos ecoloxistas, que sinalan que estas certificacións priman unicamente a presenza duns determinados servizos nas praias, por riba dos seus valores naturais ou da súa conservación.
Estes distintivos son empregados habitualmente, ademais, no debate político, sobre todo como un elemento de crítica aos gobernos municipais que deciden non solicitar esta certificación. Así mesmo, esta mesma semana o delegado de ENCE en Galicia, Antonio Casal, utilizou o feito de que cinco praias da ría de Pontevedra conten este verán cunha bandeira azul como un argumento en favor da salubridade da súa factoría de Lourizán. Para Casal, estas cinco bandeiras azuis son "outra mostra da calidade ambiental desta planta"