Alcoa, a mina de Touro, o porto de Vigo ou a EDAR de Ribeira, na lista negra das ameazas ao litoral

EDAR de Ribeira Dominio Público Praza Pública

Ecoloxistas en Acción publicou este mércores o seu informe Banderas Negras 2018, que subliña as desfeitas medioambientais máis graves que se producen na costa española, subliñando un total de 48 casos de contaminación e de mala xestión ambiental, dous por cada provincia litoral. Se o ano pasado en Galicia salientábase o efecto negativo de ENCE sobre a Ría de Pontevedra, do Porto Exterior da Coruña sobre o litoral de Arteixo ou da presión urbanística en Sanxenxo, desta volta faise fincapé na situación que se vive en Ribeira por mor da súa estación depuradora, da contaminación provocada por Alcoa en Xove, da ameaza da Mina de Touro ou da situación da Foz do Miñor, e da apropiación do litoral por parte do Porto de Vigo.

O informe denuncia que a EDAR de Ribeira, que se puxo en marcha en 2016, "non conta con separación de pluviais e fecais"

EDAR de Ribeira

O informe denuncia que a EDAR de Ribeira, que se puxo en marcha en 2016, "non conta con separación de pluviais e fecais" e que "a autorización de verteduras á ría outorgada pola Consellería contempla, ademais do emisario final, varios puntos nos que as verteduras poden ir sen depurar directamente á Ría". "Pode dicirse que a depuradora non conseguiu en absoluto solucionar o problema das verteduras incontroladas de fecais, senón máis ben concentralos en puntos concretos (os aliviadoiros dos tanques de tormentas), que sofren con especial intensidade as consecuencias dunha instalación planificada de maneira deficiente", conclúe o informe, que lembra que "estas verteduras supoñen un grave prexuízo para a poboación da contorna, que ve reducida a súa calidade de vida polos malos cheiros continuos, e que non acaba de resignarse a que o que sempre foi zona de lecer e goce convértase nunha zona insalubre".

Mina de Touro

Sobre o proxecto mineiro de Touro, o informe de Ecoloxistas en Acción alerta de que "a primeira fase de explotación destruirá o tecido produtivo agrario local e ameazará as fontes de subministro de auga potable" e que servirá ademais como base lanzadeira para a explotación do resto do cinto de cobre que abraza a capital de Galicia". Lembra, así mesmo, que "a anterior explotación foi unha notable fonte de contaminación por metais pesados do sistema fluvial do río Ulla, declarado Lugar de Importancia Comunitaria, así como da propia ría de Arousa, na que desemboca, e que é a máis ricas e produtivas de todas as galegas".

Planta de Alcoa

A Planta de Alcoa en San Cibrao xa apareceu no informe do pasado e Ecoloxistas en Acción destacan que a factoría "desfixo por completo unha zona costeira de gran valor ecolóxico e converteu toda a área nun espazo fortemente degradado, ao que contribúe a apertura dunha enorme balsa de lodos tóxicos derivados do proceso de extracción de bauxita". "Ano tras ano, véñense denunciando as verteduras de sosa caústica que están a afectar directamente á saúde das persoas e á contorna mariña", engade o documento.

O informe alerta tamén dos "altos niveis de contaminación" na desembocadura do río Miñor, entre Nigrán e Baiona

A Foz do Miñor

O informe alerta tamén dos "altos niveis de contaminación" na desembocadura do río Miñor, entre Nigrán e Baiona. "As verteduras á zona son continuas e case diarias e a depuradora de Gondomar, que verte directamente ao río Miñor, apenas quilómetro e medio augas arriba da Foz, presenta constantes indicios de contaminación nos seus efluentes", asegura Ecoloxistas en Acción. Recentemente constituíuse a Plataforma para a Protección da Foz do Miñor, que aglutina asociacións cidadás, ecoloxistas e sociais da zona do Val Miñor. Esta plataforma traballa pola recuperación ambiental da zona e púxose en contacto con diversas autoridades para tratar de resolver o problema.

Ecoloxistas en Acción denuncia que "a Autoridade Portuaria de Vigo apropiouse da práctica totalidade da lámina de auga da Ría de Vigo como área de servizo"

O Porto de Vigo

Ecoloxistas en Acción denuncia que "a Autoridade Portuaria de Vigo apropiouse da práctica totalidade da lámina de auga da Ría de Vigo como área de servizo, o que desde todo punto de vista é inxustificado e inxustificable". Salienta igualmente que "espazos protexidos dentro da Rede Natura 2000 (San Simón, Illas Estelas, Costa da Soavela) e o mesmo Parque Nacional das Illas Cíes teñen as súas augas ocupadas totalmente ou en parte pola Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios (aprobada polo Porto en 2015), que trata esas augas como propias".

 

Factoría de Alcoa en San Cibrao Dominio Público CIG
Contaminación na contorna da antiga mina de Touro © Mina Touro-O Pino Non
Porto de Vigo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.