As cubas de Alcoa en San Cibrao xa hibernan e os gobernos prometen vía rápida aos eólicos que a empresa liga á reactivación

Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao CC-BY-SA Praza Pública

E as cubas pararon. Este 20 de xaneiro de 2022, Alcoa deixou de producir aluminio en San Cibrao. Atendendo ao proposto pola multinacional e aprobado no referendo entre o persoal cun 70% dos votos, esa paralización durará dous anos, ata 2024, a solución "menos mala", en verbas do comité de empresa, porque implica o compromiso de non executar despedimentos neste período.

Segundo a empresa, esta hibernación das cubas é parte dunha solución a "medio-longo prazo" para a fábrica mariñá que pasa por transitar dende o actual escenario de "desorbitados" prezos da electricidade a outros "minimamente competitivos" a partir de 2024. E nese punto entra outro dos sectores que están no centro do debate público galego nos últimos tempos: o eólico.

Nas últimas semanas do pasado 2021, Alcoa anunciou senllos acordos con dúas compañías enerxéticas que teñen boa parte do seu negocio no sector eólico, Greenalia e Capital Energy, para contratar subministro eléctrico a prezo estable. Estes acordos, que a priori non serían dabondo, prolongaríanse cando menos por 10 anos a partir de 2024 e terían que sumarse a outros con outras eléctricas.

Mobilización contra o despedimento colectivo que Alcoa pretendeu executar na Mariña e foi freado nos tribunais CC-BY-NC-SA CIG

A clave é que tanto no caso da compañía que ten na súa directiva á ex-conselleira Beatriz Mato como no de Capital Energy, o subministro a Alcoa pasaría por parques que aínda se están a tramitar, tal e como informou Economía Digital Galicia. É neste punto no que os gobernos galego e español aseguran estar comprometidos a acelerar todo o posible os parques. 

A Xunta anunciou unha reforma legal para acelerar a tramitación de parques que "destinen o 50% da enerxía que produzan" a modelos como o acordado por Alcoa con Greenalia e Capital Energy e o Ministerio asegura que vai "axilizar as autorizacións" dos "parques eólicos necesarios para que Alcoa volva á súa actividade en 2024"

Así, a reactivación de Alcoa a partir de 2024 foi o pano de fondo co que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba a pasada semana un novo incentivo para acelerar instalacións eólicas. Dúas semanas despois da entrada en vigor do que o propio Goberno galego presentou como unha moratoria para parte dos novos parques ata 2023, Feijóo anunciaba unha reforma exprés para dar "prioridade na tramitación" ás "empresas que constrúan parques eólicos" en Galicia e "destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo" como os acordados por Alcoa con Greenalia e Capital Energy.

O Goberno galego reiteraba ese anuncio este xoves, no transcurso da mesa de seguimento da situación da factoría celebrada en Madrid coa participación tamén do Ministerio de Industria e da propia Alcoa. Na mesma liña, o Ministerio asegura que durante a xuntanza se "comprometeu a axilizar as autorizacións necesarias para a posta en marcha dos parques eólicos necesarios para que Alcoa poida volver á súa actividade o 1 de xaneiro de 2024 tras asinar con diferentes empresas eléctricas o subministro enerxético a prezos competitivos".

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo © Greenalia

Asegura ademais o Executivo central que vai "pedir á Xunta que facilite estas autorizacións no ámbito das súas competencias", polo que "queda pendente que Alcoa identifique" que parques eólicos son exactamente para "axilizar os trámites tras a sinatura dos contratos bilaterais coas eléctricas" xa que "ata o momento, só anunciou preacordos", en referencia ao pactado con Greenalia e Capital Energy.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.