O Goberno galego introduce nos orzamentos unha disposición pola que “non se admitirán a trámite novas solicitudes” pero exceptúa os proxectos que o propio Consello da Xunta considere relevantes
A Xunta admite que non é quen de tramitar todas as solicitudes de novos parques eólicos que está a recibir e que están a provocar protestas en concellos de todo o país, e vén de decidir que ata mediados de 2023, tras as eleccións municipais previstas para maio dese ano, non admitirá a trámite ningún máis. Agás os que o propio Goberno galego considere relevantes.
Se en febreiro, ao aprobar a coñecida como Lei de Reactivación, a Xunta xa se dera a capacidade discrecional de autorizar parques eólicos fóra dos espazos previstos no plan eólico vixente desde 1997, agora, a través da lei de acompañamento dos orzamentos, coa que adoita mudar cada ano todo tipo de normas previas con menos debate, facultarase para decidir que parques tramita ou non.
A lei de acompañamento deste ano muda 25 leis previas, entre elas a de 2009 coa que o Goberno de Feijóo lanzou o seu modelo eólico fronte ao previo de PSdeG e BNG. Entre outras cuestións, introduce unha disposición que di que “atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor [desta reforma] non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos”.
Esta lei de acompañamento está previsto que entre en vigor xunto cos orzamentos de 2022, o 1 de xaneiro, polo que o peche da admisión a trámite será dentro de case dous meses e medio e estaría en vigor ata xuño de 2023, un mes despois das eleccións municipais de maio dese ano.
Pero a Xunta dótase dunha capacidade discrecional para saltar esa paralización, e engade: “Exceptúanse do establecido no número anterior aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, po proposta da consellería competente en materia de enerxía”. A redacción é similar á que empregou hai menos dun ano na Lei de Reactivación para darse a posibilidade de autorizar parques eólicos en lugares non previstos na súa propia planificación para o sector.
O novo texto legal non aclara como fará a Xunta para, malia non poder admitir a trámite novas solicitudes, como di a textualidade da nova norma, coñecer se hai proxectos que poida considerar relevantes para eximilos desa limitación. Nin o texto nin a súa exposición de motivos tampouco din nada a respecto de posibles efectos chamada que poida producir o feito de que o peche da admisión a trámite se vaia producir previsiblemente dentro de dous meses e medio.
A nova reforma legal amplía a distancia mínima con zonas habitadas dos aeroxeradores máis altos, pero non se aplicará a numerosas solicitudes que xa iniciaron a súa tramitación nos últimos meses
O que si permitirá a nova norma durante o ano e medio de restrición é “a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite”. Igualmente, a Xunta resérvase a posibilidade de “reabrir temporalmente” a presentación de proxectos “atendendo aos eventuais desestimentos, renuncias, declaracións de caducidade ou resolucións desestimatorias”.
Xunto con estas medidas, a lei de acompañamento tamén introduce mudanzas nas características técnicas dos parques. Ante as protestas sociais polo cada vez maior tamaño dos aeroxeradores e a súa proximidade a zonas habitadas, cunha distancia mínima que ata agora era de 500 metros, o Goberno galego eleva esa separación. Na nova norma sinala que “a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxe máis pala)”. Isto é, se os aeroxeradores chegan aos 200 metros de altura, como os que xa se están a proxectar nos últimos tempos, deberán manter unha distancia mínima dun quilómetro.
Porén, estes novos requisitos só serán aplicables ás novas solicitudes ou modificacións de parques que se presenten tras a entrada en vigor desta lei de acompañamento, e non ás numerosas solicitudes que se formularon nos últimos meses aínda que estean pendentes de obter as súas declaracións de impacto ambiental. A norma mesmo permitirá que as solicitudes xa presentadas pero aínda pendentes de admisión pola propia Xunta poidan ser modificadas durante un prazo de tres meses.