Medio cento de parques máis, pero os mesmos 22 millóns ao ano: os ingresos dunha década de canon polo impacto dos eólicos

Un aeroxerador na comarca do Ortegal e evolución do número de parques e do canon recadado na última década en Galicia CC-BY-SA Foto: Oleg Zaytsev | Montaxe: Praza.gal

O imposto que a Xunta comezou a cobrar en 2010 polas “afeccións visuais e ambientais” supón unha media anual de 5.500 euros por aeroxerador e prima a repotenciación pero non ten en conta a proliferación territorial

Cando en 2009 o presidente Feijóo chegou á Xunta e suspendeu de forma ilegal, segundo sentenciou o Tribunal Supremo, o concurso para a construción de novos parques eólicos que puxera en marcha o bipartito de PSdeG e BNG, o novo goberno mudou a filosofía da compensación que debía recibir Galicia a cambio de ceder ás empresas interesadas o aproveitamento do potencial enerxético dos montes. Se o anterior goberno apostara pola participación pública nos beneficios sector e a esixencia de proxectos industriais vinculados aos novos parques, os populares, malia os seus discursos públicos contra os impostos, optaron por crear un novo gravame, o denominado canon eólico.

O novo imposto, xustificado para compensar as “afeccións e impactos ambientais adversos sobre o medio natural e, por ende, sobre o territorio”, creouse por lei en 2009 e comezou a aplicarse en 2010 e malia que desde aquel momento os parques eólicos aumentaron en arredor de medio cento en toda Galicia, pasando duns 150 a uns 200, o recadado veu sendo durante toda a última década o mesmo, uns 22 millóns de euros ao ano. Uns cartos que a Xunta dedica, a través do denominado Fondo de Compensación Ambiental, a todo tipo de actuacións xustificadas como “ambientais”, en parte propias e en parte dos concellos, aos que reparte cada ano a metade dos fondos e sobre cuxa xestión ambiental o Consello de Contas amosou diversas dúbidas. 

En pleno debate e mobilizacións sociais sobre a proliferación de parques eólicos e os seus custos e beneficios, analizamos nesta peza e nunha segunda que a continuará os ingresos e investimentos que obtén Galicia de xeito directo a cambio do impacto que supón a instalación de aeroxeradores nos montes.

Parques eólicos en Mazaricos © Concello de Mazaricos

Os parques eólicos galegos, que segundo o Observatorio Eólico de Galicia veñen facturando desde hai anos máis de 500 millóns de euros ao ano, asumen impostos polas súas vendas, os seus beneficios ou pola simple actividade empresarial, como calquera outra empresa, e deixan beneficios indirectos como postos de traballo (segundo a patronal eólica hai dous anos había 7.000 empregos pero neste tempo perdeuse un milleiro), investimentos ou compras a provedores. Pero ademais teñen que pagar desde 2010 o denominado canon eólico, a compensación expresa do seu impacto ambiental. Está establecido como unha contía fixa por aeroxerador, de xeito que os parques de máis de 15 aeroxeradores pagan 5.900 euros ao ano por cada un, os de entre 8 e 15 turbinas pagan 4.100 euros por cada un, os de entre 4 e 7 achegan 2.300 euros por cada aeroxerador e non pagan nada os parques con tres ou menos turbinas. Unha graduación que supón outro aliciente para a fragmentación de parques.

A lei que creou o canon di apostar pola repotenciación, por que os parques existentes teñan menos muíños máis potentes, e para iso establece diversos descontos. E así vén sucedendo, os parques eólicos que xa había hai unha década teñen menos turbinas, pero estas son máis grandes -tanto as súas aspas como as súas bases ocupan máis espazo- e non pararon de instalarse novos parques noutros emprazamentos que xeran novas afeccións e impactos ambientais noutros territorios. 

Unha década despois, o número de turbinas activas en Galicia é similar, unhas 4.000, o que fai que o recadado por elas siga a ser o mesmo, os 22 millóns de euros ao ano (uns 5.500 euros por aeroxerador) que vén certificando cada no o Consello de Contas nas súas fiscalizacións dos ingresos públicos. Porén, segundo os datos oficiais da propia Xunta nesta década os parques eólicos son medio cento máis, pasando de arredor de 150 a uns 200. 

En 2010, primeiro ano de aplicación do canon eólico, a Xunta estimou uns ingresos de 25,1 millóns que nunca se acadaron e levaron ao Consello de Contas a pedirlle "realismo e prudencia"

Tras aprobar a lei que creou o canon eólico a finais de 2009, os orzamentos da Xunta para 2010, o primeiro ano da súa aplicación, calcularon que se ingresarían 25.109.200 euros, pero finalmente, segundo constatou o Consello de Contas, quedouse en 22.645.400, unha diferencia que levou ao ente fiscalizador a dicir que o Goberno galego non atendía “ao obxectivo de realismo e prudencia na previsión de ingresos e obriga a insistir na necesidade de axustar estas previsións”. A Xunta reduciu as súas expectativas desde aquela e as cifras que veñen recollendo os dez informes anuais do Consello de Contas emitidos neste tempo son similares, cun máximo de 23,17 millóns ingresados en 2014 e un mínimo de 22,57 millóns en 2017. Á espera de que o ente fiscalizador analice as contas de 2020 e 2021, a propia Xunta preveu nos seus orzamentos unhas cifras similares de ingresos polo canon eólico para eses dous anos, 22,68 e 22,54 millóns.

No outro lado da análise, o do número de aeroxeradores e parques existentes e en proxecto, a Xunta vén recibindo críticas por parte de todo tipo de colectivos veciñais, ambientalistas ou académicos pola súa opacidade, con datos que hai que pescudar en varias fontes e cifras oficiais que non sempre coinciden exactamente pero que se aproximan o suficiente como para poder dicir que hoxe hai máis ou menos as mesmas turbinas que hai unha década, unhas 4.000, pero os parques pasaron duns 150 a uns 200.

O número de turbinas pode obterse da convocatoria que cada ano fai a Consellería de Presidencia para repartir aos concellos parte do recadado co canon eólico en función dos aeroxeradores que acolle cada termo municipal. O repaso desas publicacións no Diario Oficial de Galicia di que en 2010 había 4.018 aeroxeradores e a finais do pasado ano eran 4.048, oscilando neste tempo entre os 4.062 de 2013 e os 3.992 de 2017.

En 2010 había 105 concellos con aeroxeradores e hoxe son 112 aínda que o número total de turbinas en toda Galicia se manteña similar en arredor das 4.000

É un número similar de turbinas que, pola contra, permitiron pasar dunha potencia total instalada de 3.285 MW en 2010 a 3.804 MW a finais de 2019, o que evidencia que houbo unha repotenciación dos aeroxeradores. E un espallamento en máis parques. Segundo as ordes publicadas anualmente para o reparto entre concellos do canon eólico, só tendo en conta os concellos con aeroxeradores, se en 2010 había 105 concellos con aeroxeradores, hoxe hai 112, tras sumarse nesta década Baralla, Boiro, Cerceda, Láncara, Muxía, Paradela e Triacastela. E iso sen entrar a analizar a dispersión dos novos parques levantados nos concellos que xa tiñan turbinas. 

Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2010 había en toda Galicia 145 instalacións de produción de enerxía eólica, mentres que a finais de 2019 eran 210. O IGE di tirar os seus datos do denominado Balance Enerxético de Galicia, informe anual que elabora o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) pero que ata 2012 non detallou o número de “centrais” eólicas existentes, que cifrou en 148. O último documento anual dispoñible, o de 2019, permite comprobar que os 210 totais divídense entre 153 parques eólicos, 16 parques eólicos singulares e 41 instalacións de “minieólica”.

A Xunta non adoita diferenciar entre eses tres tipos de instalacións eólicas noutras fontes oficiais, de xeito que en xaneiro do pasado ano o propio presidente Feijóo dicía que “desde 2009 puxéronse en marcha 42 proxectos de parques eólicos” e prevía outros seis máis antes de finais dese ano para chegar a un total de “187 parques”.

Cifra arriba ou abaixo, desde a implantación hai unha década do canon eólico para compensar os impactos ambientais do sector e primar a repotenciación, hai medio cento máis de parques, un 25% máis, espallados pola xeografía galega que suman un 15% máis de potencia instalada pero que ao compensar a repotenciación de parques antigos con novas instalacións fan que o número de xeradores sexa o mesmo e a Xunta siga a ingresar os mesmos 22 millóns de euros ao ano. Uns cartos que pasan a formar o denominado Fondo de Compensación Ambiental pensado para investimentos en “conservación, reposición e restauración do medio ambiente e reequilibrio territorial”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.