Colectivos contra os macroparques eólicos aproban o 'Manifesto de Caaveiro' e preparan unha marcha conxunta a Compostela

Participantes na marcha contra os eólicos, en Caaveiro © Monfero di non

Máis de 400 persoas participaron este domingo nas Fragas do Eume en catro roteiros de protesta contra a instalación de macroparques eólicos que, partindo de Cabanas, A Capela, Monfero e Pontedeume confluíron no Mosteiro de Caaveiro. 

Ao remate da marcha, representantes de 20 colectivos de distintas comarcas celebraron unha reunión de coordinación para establecer as bases para traballar de forma conxunta

O groso da marcha estaba formada por persoas chegadas de distintos puntos da comarca de Ferrolterra, que protestaban contra os seis polígonos eólicos proxectados polo Ministerio de Transición Ecolóxica na contorna das Fragas do Eume: Caaveiro, Pena do Corvo, Taboada, Santuario, Roidiz e Tesouro. En total, 104 aeroxeradores de dimensións superiores aos 200 metros de altura.

Porén, tamén participaron representantes de máis de vinte asociacións e plataformas veciñais de afectadas polos eólicos de toda Galicia -que están a proliferar nos últimos meses en toda Galicia- que ao remate da marcha celebraron unha reunión de coordinación para establecer as bases para traballar de forma conxunta. Ademais, ao remate da marcha as distintas plataformas, asociación e colectivos convocantes leron un manifesto elaborado en conxunto, o chamado Manifesto de Caaveiro.

Participantes na marcha contra os eólicos, en Caaveiro © Monfero di non

Aprobouse o uso dunha bandeirola unificada baixo o lema de “Aldeas Libres de Macroeólicos" a organización dunha marcha conxunta a Compostela e a participación na marcha convocada para o 16 de outubro en Madrid

Na xuntanza acordouse ampliar a rede de traballo co resto de entidades existentes. Así mesmo, aprobouse o uso dunha bandeirola unificada baixo o lema de “Aldeas Libres de Macroeólicos”, creando así mesmo unha plataforma-repositorio documental no dominio aldeaslibresdemacroeolicos.com. Ademais, debateuse a organización de futuras mobilizacións masivas a nivel galego e estatal, comezando pola convocatoria dunha marcha conxunta a Santiago de Compostela de todas as plataformas e asociacións galegas e a participación na marcha a Madrid que o vindeiro 16 de outubro levarán a cabo colectivos afectados polos eólicos de todo o Estado.

O documento reclama "unha transición enerxética xusta e sustentable” e manifesta a súa "total oposición ao actual modelo enerxético do Estado, especialmente o modelo de desenvolvemento eólico en Galicia"

O documento reclama "unha transición enerxética xusta e sustentable” e manifesta a súa "total oposición ao actual modelo enerxético do Estado, especialmente o modelo de desenvolvemento eólico en Galicia", esixindo aos gobernos galego e central "a paralización inmediata de todos os proxectos de parques eólicos en tramitación". Así mesmo, reclama ao Goberno central a elaboración dun Plan Estratéxico a nivel estatal e autonómico que planifique a produción, o transporte e o consumo de enerxía eléctrica. “Unha planificación que debe ter como obxectivo a xustiza e a racionalidade, protexendo os valores económicos, patrimoniais, paisaxísticos e ambientais de todo o territorio e a saúde das persoas”. E, ademais, a creación dunha empresa pública de enerxía.

O texto alerta sobre a transformación física que sofre o territorio: “Ábrense novos camiños, téndense liñas aéreas de transporte da enerxía eléctrica, mudan os cursos de auga, vense afectadas fontes, mananciais e pozos, van facer centos de voaduras e moveranse milleiros de toneladas de terra e residuos”. E cualifican a implantación masiva de parques eólicos de “invasión” que “converte o territorio nun polígono industrial continuo”.

Lectura do manifesto ao remate da marcha contra os eólicos, en Caaveiro © Monfero di non

O documento salienta a necesidade de desenvolver as enerxías renovables, pero rexeitan fórmulas que pasen polos beneficios das multinacionais eléctricas en perxuizo das comunidades rurais, apostando en cambio por alternativas de autoconsumo

O documento salienta a necesidade de desenvolver as enerxías renovables, pero rexeitan fórmulas que pasen polos beneficios das multinacionais eléctricas en perxuizo das comunidades rurais, apostando en cambio por alternativas de autoconsumo con instalacións unifamiliares no rural ou comunitarias nos edificios das zonas urbanas.

O manifesto está asinado por A Capela di non, Cabanas di non, Neda di non, Monfero di non, Cerdido di Non, Plataforma Terra Cha, Transición Enerxética Xusta Moeche, Colectivo Terra, Betula, Moveneda, Asociación A-Legre, Sindicato Labrego, Adega, Sos Patrimonio Gato Seselle, Aire Limpo nas Mariñas Mandeo, Ecoloxistas en Acción Coruña, Adega e Fruga.

Marcha en Celanova

Esta fin de semana tamén se celebrou unha marcha reivindicativa contra a instalación de macroparques eólicos en Celanova. Máis de vinte asociacións e colectivos, entre elas colectivos local, grupos ecoloxistas como Verdegaia, Adega, Amigos da Terra e plataformas doutros puntos de Galicia, participaron na mobilización, que reuniu a medio cento de persoas.

O roteiro subiu ao chamado Monte da Casa da Neve, onde a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova denuncia que unha empresa con sede en Alemaña proxecta instalar un polígono eólico "que convertería en terreo industrial máis de 500 hectáreas de prados e bosques"

O roteiro subiu ao chamado Monte da Casa da Neve, onde a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova denuncia que unha empresa con sede en Alemaña proxecta instalar un polígono eólico "que convertería en terreo industrial máis de 500 hectáreas de prados e bosques, con 7 aeroxeradores de 180 metros de alto, visíbeis desde toda a contorna". A entidade critica que a empresa busca aproveitar "as facilidades que concede a normativa vixente para levantar unha instalación industrial a menos de 1 quilómetro das poboacións, algo que estaría prohibido en Alemaña".

Os e as participantes foron guiadas por Xosé Benito Reza, ex director xeral de Conservación da Natureza no goberno galego 2005-2009, e polo arqueólogo Davide Pérez, que sinalaron os impactos ambientais e patrimonios que ocasionaría o plan da empresa no caso de executarse. Visitáronse os lugares do neveiro da Casa da Neve, os restos da mina romana a ceo aberto, e a área que domina todo o val onde estudos recentes sitúan a Casa Grande da familia de San Rosendo e as Torres de Velbís. E tamén se indicaron os lugares de abundante presencia de mámoas no que os informes arqueolóxicos vén unha continuade do conxunto megalítico do Laboreiro.

Marcha convocada pola plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova © Stop Eólicos Xurés-Celanova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.