O cura de Xestoso oficiou misa para "invocar a axuda de San Lourenzo contra os eólicos" en Monfero, cuxa veciñanza loita contra os macroparques previstos
A onda de rexeitamento á proliferación de megaparques eólicos proxectados en numerosas comarcas galegas vaise espallando. A mobilización en varias localidades --que confluíu hai semanas nunha importante manifestación en Compostela-- chega en forma de concentracións, recollida masiva de alegacións, iniciativas políticas nos concellos ou denuncias desde empresas sinaladas como modelo na revitalización do rural de Galicia. Agora, tamén en forma de invocación divina.
Nada sobra, pensou Luís Rodríguez Patiño, o popular cura de Xestoso, que este martes oficiou unha misa no mosteiro de Monfero para "invocar a axuda de San Lourenzo contra os eólicos" xusto no día no que se celebra a festividade de quen, conta o relato da relixión cristiá, foi queimado nunha grella ao non querer entregar as riquezas da Igrexa.
En Monfero, a veciñanza --agrupada na plataforma Monfero di Non cunhas 900 persoas inscritas--, loita tamén por non entregar a riqueza económica, paisaxística e natural da zona que, segundo denuncian, verase afectada polo parque eólico Pena do Corvo, promovido por Iberdrola e de case 60MW, que atravesaría a localidade, con 13 aeroxeradores de grande altura proxectados dentro dun polígono no que quedarían tres parroquias e máis de trinta lugares habitados, ademais da necesaria liña de alta tensión.
O parque proxectado por Iberdrola contaría con 13 aeroxeradores con "impacto" na economía local ou na biodiversidade e afectación sobre as Fragas do Eume
Contra este proxecto presentaron xa máis de 1.700 alegacións. Para a plataforma, e á marxe do "impacto na economía local, no turismo, no patrimonio, nas augas, na saúde ou na biodiversidade" da zona, suporía unha caída do valor de entre un 30 e un 50% dos activos inmobiliarios afectados, así como a fragmentación do territorio por mor do que denominan xa "polígonos industriais". Así o advertiron tamén na misa na que o cura de Xestoso, acompañado por veciñanza, advertiu da proliferación de proxectos deste tipo en Galicia, nunha xornada que incluía unha "romaría antieólica" e un roteiro polo Mosteiro.
"Os pecados ecolóxicos danan o fogar da humanidade", asegurou na cerimonia o párroco de Xestoso, que cualificou de "ofensa contra os demais" a proliferación de parques eólicos. "O pecado ecolóxico --insistiu parafraseand o papa Francisco-- pode incluír alteracións do medio ambiente, contaminación excesiva, avaricia, materialismo e calquera outra acción que leve á neglixencia coa natureza... Por cartos, claro", dixo.
Segundo destaca o Observatorio Eólico de Galicia, estímase que hai máis de 30 macroparques eólicos en fase de tramitación para Galicia por parte do Estado --por superaren os 50MW ou ocupar dúas comunidades autónomas-- que suman uns 3.000 MW de potencia en total. Unidos aos que tramita a Xunta, serían perto de 200 os parques pendentes de aprobación no país, que supera os cen concellos con instalacións eólicos e os 4.000 aeroxeradores.
A proliferación de macroparques provoca que sexan xa máis de 30 as plataformas veciñais constituídas para se defender da "invasión eólica"
A proliferación de proxectos eólicos fai que sexan xa máis de trinta as plataformas e asociacións veciñais que se constituíron en Galicia para loitar contra a "invasión" de parques eólicos e para "protexer" o seu mode de vida e o "patrimonio desta terra". en Eume e Ferrolterra, só nos últimos días, xurdiron catro colectivos máis en Neda, Moeche, Cabanas e As Pontes.
En Monfero, na mesma zona, a protesta céntrase no de Pena do Corvo, cuxos aeroxeradores situaríanse fóra das áreas de desenvolvemento eólico e cuxa poligonal quedaría dentro da zona de Rede Natura 2000 do Parque Natural Fragas do Eume. Pero hai máis, xa que o parque Taboada, impulsado por EDP Renovables e cunha potencia de 74,4 MW, ocupa na súa infraestrutura de evacuación zonas do mesmo concello, ademais das Pontes, Xermade e Guitiriz. Consta dunha ducia de aeroxeradores cunha altura total á punta de pa de case 250 metros.
O Goberno central di traballar para paralizar algún parque
Precisamente, representantes da plataforma Monfero di Non, xunto con outras contra a instalación de macroparques eólicos en Oza-Cesuras, Aranga, Cabanas, Coirós, Mesía ou Paderne, reuníronse este martes co delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, que lles asegurou que o Executivo central, a través do Ministerio de Transición Ecolóxica, está a traballar nunha fórmula legal que permita a paralización dalgúns destes proxectos.
Segundo MIñones, a alternativa pasa pola paralización do proceso administrativo desde o seu inicio no caso de que non se sitúen en zonas previstas no Plan Eólico e conten co informe negativo da Xunta, unha situación que abriría a porta á paralización da iniciativa de Iberdrola en Monfero. As plataformas ven nesta posibilidade aberta "unha luz entre tanta escuridade", aínda que advirten tamén dos recursos polos que optarían as eléctricas.
A Xunta, tal e como adiantara Praza.gal, si pensa permitir muíños en lugares non previstos no Plan Eólico, pero non quere que o Estado poida facer o mesmo.