A vaga de proxectos de megaparques eólicos en Galicia leva meses erguendo a portesta de plataformas veciñais, asociacións ecoloxistas, sindicatos agrarios, empresas e concellos en toda Galicia. Desde compañías de éxito no rural como Casa Grande de Xanceda ata administracións locais, pasando por diferentes asociacións e colectivos protestan contra a que consideran unha errada política da Xunta e do Estado respecto destas infraestruturas.
O cura de Xestoso, en Monfero, oficiará unha misa para "invocar a axuda de San Lourenzo contra os eólicos" o vindeiro día 10 de agosto
Son perto de 200 os parques que están en tramitación por parte da Xunta e do Estado en Galicia, que supera os cen concellos con parques e os 4.000 aeroxeradores nos montes do país, que conta co 14% da potencia eólica instalada no Estado. As mobilizacións e as denuncias continúan e a último recorre xa á axuda divina.
O cura de Xestoso, parroquia do Concello de Monfero, oficiará unha misa para "invocar a axuda de San Lourenzo contra os eólicos" o vindeiro día 10 de agosto, festividade do mesmo santo, no mosteiro da localidade.
Así o explica o crego, Luís Rodríguez Patiño, que oficiará a misa ás 12.30 do mediodía para dar paso logo a unha romaría e un roteiro. Será unha protesta máis que se une ás que está realizando a veciñanza de Monfero, organizada nunha plataforma contra o parque eólico Pena do Corvo, que iniciou a súa tramitación a finais de maio e a nivel estatal.
O parque impulsado por Iberdrola prevé 13 aeroxeradores que alcanzarían os 200 metros de altura. A veciñanza, que descubriu no BOE o proxecto, organizouse sen apenas tempo para presentar todas as alegacións posibles e unirse a unha protesta cidadá que se estende por ducias de concellos e comarcas galegas contra a "invasión eólica".