Dez meses despois a Xunta aínda non contratou o novo plan eólico anunciado por Rueda

Un parque eólico nun monte galego CC-BY-SA Praza Pública

A nova planificación que axude a desbloquear o sector fora comprometida por Feijóo en 2009 pero aínda tardará varios anos en ser aprobada, nun proceso con dúbidas sobre o papel da intelixencia artificial para elaborar o documento

O pasado outubro o presidente Rueda anunciou que a Xunta ía elaborar un novo plan sectorial eólico, o documento que di onde e como se poden instalar aeroxeradores. "É necesario, xa ten máis de 20 anos", dicía o presidente sobre o documento anterior, que Feijóo xa se comprometera a renovar en 2009 sen dar un paso nese sentido. Pero dez meses despois o Goberno galego aínda non contratou a elaboración do novo plan, en medio de dúbidas sobre o papel que pode ter no proceso a intelixencia artificial. Un traballo que o propio Rueda asume que vai durar anos, de xeito que a Xunta non conta con telo aprobado ata 2028.

Mapa do plan eólico de hai máis de dúas décadas, aínda vixente, coas posibles áreas de desenvolvemento eólico (ADE) e as zonas de Rede Natura 2000 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O pronunciamento favorable que obtivo o venres a Xunta do Tribunal de Xustiza da UE sobre os seus tempos de tramitación dos proxectos eólicos, validando cando e como se realizan as consultas ao público interesado, está a permitir ao Goberno galego cargar novamente contra o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao que acusa de ter paralizado o sector. Un TSXG que ten suspendidos cautelarmente, co aval do Supremo, ducias de parques eólicos polo risco de que o seu dano sexa irreversible se comeza a súa construción mentres non avalía a legalidade dos permisos da Xunta, igual que tamén o Supremo suspende cautelarmente polo mesmo motivo permisos de competencia estatal. 

Neste contexto, e á espera de que o TSXG se vaia pronunciando individualmente sobre cada parque paralizado, sen que a sentenza do Tribunal da UE desbloquee ningún de xeito automático, este luns a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reuniuse con parte da patronal eólica e volveu culpar os maxistrados como responsables da parálise do sector, pedíndolles que poñan fin "canto antes á paralización". Tamén este luns, o Consello da Xunta decidiu aprobar de xeito excepcional dous parques eólicos que non terían cabida no plan sectorial actualmente vixente, para xerar enerxía para a planta de Ferroatlántica en Sabón (Arteixo) pero que estarán emprazados no norte de Lugo e entre as provincias de Pontevedra e Ourense. 

Este luns a Xunta aprobou dous parques eólicos fóra do plan sectorial actualmente vixente, evidenciando que está obsoleto pero sen ser quen de elaborar un novo malia así establecelo por lei en 2009

Malia evidenciar con esta decisión que o plan eólico actual está obsoleto, a propia Xunta non é quen de axilizar a elaboración dun novo para dar un impulso ao sector máis alá de decisións extraordinarias como a deste luns. En 2009 a lei coa que Feijóo anulou ilegalmente o concurso eólico do anterior goberno de coalición de PSdeG e BNG xa apostaba por elaborar unha nova planificación para o sector. Iso nunca ocorreu e o plan que actualmente di onde se pode ou non instalar un parque eólico data de hai máis de dúas décadas, foi aprobado sen unha avaliación ambiental e a Xunta habilitou excepcións para poder autorizar aeroxeradores fóra das áreas nel delimitadas se os considera estratéxicos.

O pasado 8 de outubro Rueda anunciou que agora si a Xunta vai elaborar un novo plan eólico. Pero o concurso público para a súa redacción non o lanzou ata máis de tres meses despois, en xaneiro, e dez meses despois aínda non foi quen de asinar o contrato.

Os procedementos garantistas dos concursos públicos, ao igual que os dos procesos xudiciais, poden explicar parte da demora. En particular, as dúbidas sobre o papel que vai ter a intelixencia artificial na elaboración do novo documento. 

Reunión do Consello da Xunta no Parlamento este luns CC-BY-SA Mónica Arcay Carro - Xunta de Galicia

Ao concurso público para elaborar o novo plan presentáronse tres ofertas e a mellor valorada resultou ser a máis barata, a dunha unión temporal de empresas conformada por Arenal, Territoria e Atalaya Eólico Galicia. Tan barata é -450.000 euros, uns 100.000 menos que as outras dúas- que tivo que xustificar os seus custos e a viabilidade da súa proposta. 

Esa oferta lograría aforrar tempo, segundo as súas xustificacións, empregando "tecnoloxías avanzadas nos procesos de obtención, tratamento e análise de grandes volumes de datos", entre elas "modelos de Intelixencia Artificial xenerativa". A intelixencia artificial permitirá "a redución do número de horas de traballo manual" cunha "diminución do 40% do tempo dedicado a transcricións", "automatización do 70% de procesos de análises de datos cuantitativos", "eliminación de tarefas repetitivas (como a construción manual de visualizacións e táboas)" ou "identificación de patróns e relacións complexas mediante análises de redes non detectables con métodos convencionais".

A empresa mellor valorada para redactar o novo plan eólico vai usar IA para aforrar tempo, segundo consentiu a mesa de contratación malia as dúbidas sobre a súa viabilidade

Esas explicacións foron analizadas nun informe encargado pola mesa de contratación a un enxeñeiro da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas que amosou as súas dúbidas porque "a maior parte dos expedientes que obran en poder da Administración, pola súa antigüidade e extensión, non se atopan dixitalizados, polo que o uso das tecnoloxías citadas pode resultar limitado e condicionado por esta situación". 

O informe tamén advertiu de que a diagnose da situación actual previa á elaboración do novo plan eólico "require da realización dun traballo de campo por parte de persoal experto, dificilmente substituíble pola utilización das tecnoloxías citadas". "Ademais, a elaboración dos documentos necesarios para a tramitación [do plan] require da realización de distintas tarefas, de carácter predominantemente intelectual (non automatizable), como a realización de estudos, avaliación de efectos, proposta de alternativas, análise de informes e outras similares". Porén, o informe concluíu que non podía establecer "que Arenal non poda realizar o servizo" coa súa proposta.

Informe con dúbidas sobre o uso de intelixencia artificial na elaboración do novo plan eólico de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

A mesa de contratación rematou validando a proposta da UTE Arenal-Territoria-Atalaya Eólico Galicia como "a mellor oferta para a administración" e o pasado 1 de xullo solicitoulle a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos xerais para contratar coas administracións públicas. Tras revisar esa documentación, aínda haberá que adxudicar o contrato e formalizalo uns días despois. Será daquela cando comece a redacción do novo plan eólico.

Porén, os traballos serán complexos, con varias consultas aos sectores interesados, nun proceso no que a Xunta xa avanzou que dará máis voz ás empresas que aos colectivos sociais. Do mesmo xeito, a Xunta tamén admitiu que o novo plan eólico non estará aprobado definitivamente cando menos ata 2028. Pola contra, espérase que a xustiza resolva antes os recursos formulados contra os parques eólicos impulsados de acordo coa obsoleta planificación anterior, algún deles en tramitación desde hai unha década.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.