A Xunta dáse 3 anos para un novo plan eólico no que terán máis voz as empresas que os colectivos sociais

Rueda nunha visita a un parque eólico nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego inicia agora a nova planificación do sector pola que dicía apostar en 2009 e admite que o anterior documento, de hai máis de dúas décadas, quedou superado

En 2009, ao tempo que anulou ilegalmente o concurso eólico de PSdeG e BNG, Feijóo aprobou unha lei que apostaba por elaborar unha nova planificación para o sector. Pero iso nunca ocorreu e o plan que actualmente di onde se pode ou non instalar un parque eólico data de hai máis de dúas décadas, foi aprobado sen unha avaliación ambiental e a Xunta habilitou excepcións para poder autorizar aeroxeradores fóra das áreas nel delimitadas se os considera estratéxicos. Vai ser aínda agora cando o Goberno de Alfonso Rueda inicie a redacción dun novo plan eólico, pero dáse 3 anos para a súa aprobación definitiva e durante a súa elaboración dará máis voz a empresas e sindicatos que a colectivos sociais.

Mapa do plan eólico de hai máis de dúas décadas, aínda vixente, coas posibles áreas de desenvolvemento eólico (ADE) e as zonas de Rede Natura 2000 CC-BY-SA Xunta de Galicia

A elaboración dun novo plan sectorial eólico que actualice o de hai máis de dúas décadas foi avanzada por Rueda o pasado outubro e este luns o Consello da Xunta divulgou os seus prazos. Na súa exposición, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou que o plan anterior fixara un obxectivo de potencia de 5.600 MW, cifra que á que se aproximará Galicia entre os parques xa en funcionamento e os recentemente aprobados.

Lorenzana tamén admitiu que o plan ata agora en vigor foi aprobado hai máis de dúas décadas sen unha avaliación ambiental, non esixida daquela pola lexislación. Isto é, hai avaliacións ambientais de cada proxecto concreto que se propón, pero nin a houbo do plan no seu conxunto cando foi aprobado nin está habendo un seguimento ambiental do seu desenvolvemento e do efecto conxunto de todas as instalacións eólicas. 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns 20 de xaneiro de 2025 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A cidadanía e os colectivos sociais poderán presentar alegacións, algúns sindicatos poderán ademais formar parte dunha mesa de achegas e as empresas sumarán a esas dúas posibilidades un terceiro foro de participación

Agora, obrigada legalmente, a Xunta si fará esa avaliación ambiental do novo plan, proceso que por unha banda alongará o prazo de elaboración do documento e por outra será o momento no que se produza a participación social no mesmo. Pero máis alá dese período de alegacións xeral, o Goberno galego vai crear dúas mesas de debate de tipo industrial e social. A mesa industrial estará conformada por asociacións empresariais do sector, clústeres e promotores individuais en función da potencia que sumen. E a mesa social, segundo avanzou a conselleira, desenvolverase "no seo do diálogo social", isto é, formando parte dela a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e os sindicatos que xa participan dese proceso. 

A conselleira foi preguntada pola sobrerrepresentación que tería o sector empresarial nesas mesas de debate e achegas e polo lugar que se reserva a colectivos sociais ou ecoloxistas. A resposta de Lorenzana foi que as súas achegas se deberán canalizar a través do proceso de alegacións da avaliación ambiental estratéxica, como pode facer calquera cidadán. As dúas mesas industrial e social, di, "é un plus do que está previsto na avaliación ambiental".

Rueda pasa por diante dunha copia do mapa de Fontán no Consello da Xunta deste luns 20 de xaneiro de 2025 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Isto é, a cidadanía en xeral e os colectivos sociais e ambientais poderán formular alegacións como en calquera plan ou proxecto de calquera tipo, algúns sindicatos poderán ademais ter unha segunda intervención a través da mesa social e o sector empresarial sumará ás alegacións e á súa presenza na mesa social unha terceira posibilidade a través da mesa industrial.

En varias áreas delimitadas no anterior plan xa non cabe un aeroxerador máis pero a Xunta, sen planificar novas áreas, mudou a lei para permitir parques fóra delas se o propio Goberno galego os considera estratéxicos

No actual plan eólico xa hai diversas áreas de desenvolvemento eólico(ADE), na Costa da Morte, A Mariña, Barbanza ou a serra do Suído, nas que xa non cabe nin un só aeroxerador máis, segundo admite a propia Xunta. 

Neste tempo foron aparecendo proxectos propostos para algunhas áreas de desenvolvemento eólico actuais que rexistraron un importante rexeitamento social. Ante estas situacións, grupos sociais, ecoloxistas ou partidos da oposición reclamaron en varias ocasións que se corrixise o plan para suprimir del determinadas áreas e evitar así que se puidesen presentar candidaturas a construír nelas. A resposta da Xunta ante estas situacións foi que a existencia dunha área de desenvolvemento eólico no plan vixente non implica que se poida facer alí de xeito automático calquera parque eólico senón que é preciso obter unha declaración de impacto ambiental positiva para o proxecto concreto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.