A Xunta autoriza 77 parques eólicos con medio milleiro de aeroxeradores e di que Suído, Barbanza ou Vimianzo xa teñen "masificación"

Parques eólicos nun monte galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os 2.200 MW agora autorizados polo Goberno galego, aos que se suman 712 MW do Estado avalados tamén pola Xunta noutros 7 parques, suporán aumentar nos dous próximos anos un 75% os 4.000 MW xa instalados

En Galicia hai actualmente instalados uns 4.000 aeroxeradores que suman uns 4.000 MW. Se as empresas executan os proxectos para os que Xunta e Goberno de España veñen de dar agora autorización ambiental, aproximadamente nos dous próximos anos esas cifras poderían incrementarse en máis de medio milleiro de aeroxeradores que, grazas ás melloras tecnolóxicas e o aumento da potencia de cada aparello, sumarán outros preto de 3.000 MW, un 75% máis.

Serán 712 MW autorizados ambientalmente polo Goberno de España con informes favorables da Xunta en 7 grandes parques que suman uns 130 aeroxeradores, e outros 2.200 MW en 77 parques de menores dimensións validados directamente polo Goberno galego e que suman outro medio milleiro de xeradores. Destes últimos fixo balance este mércores a Xunta nunha comparecencia na que a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, admitiu que hai zonas como a Serra do Suído, o Barbanza ou Vimianzo nas que xa “hai unha masificación” de parques que están a afectar ás aves “e polo tanto non se poden seguir instalando parques”.

En 2020, para acelerar a instalación de novas fontes de enerxía renovables, o Goberno de España fixou varios fitos límite para que empresas que conten con permiso de conexión á rede eléctrica obtivesen o resto de permisos necesarios e puxesen en marcha os seus proxectos. Do contrario perden o permiso de conexión e deberán volver obtelo en futuras poxas, reiniciando os trámites. 

Este mércores rematou o prazo para obter o permiso ambiental, dentro de tres meses rematará o prazo para o administrativo e en seis meses para o de construción, momento a partir do que as empresas teñen dous anos para poñer en marcha os seus parques ou decaerán. Neste contexto, o Goberno galego fixo balance das declaracións de impacto ambiental que vén facendo públicas nas últimas xornadas, as dos parques de menos de 50 MW, que son os que dependen das comunidades, fronte aos de máis desa potencia que dependen do Estado.

Nunha comparecencia conxunta do vicepresidente económico, Francisco Conde, e da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o Goberno galego precisou que tramitou 140 peticións, para as que emitiu 120 declaracións de impacto ambiental mentres que outros 20 proxectos non chegaron a tempo dentro do prazo máximo. 77 declaracións de impacto ambiental, que suman 2.200 MW repartidos en medio milleiro de aeroxeradores, foron positivas. Pola contra 43, que sumarían outros 1.114 MW, foron negativas. 

Unha das varias declaracións de impacto ambiental negativas emitidas nos últimos días co argumento similar de que entre Vimianzo e a ría de Noia xa hai unha longa barreira de aeroxeradores que obriga ás aves a mudar as súas rutas CC-BY-SA Praza Pública

A conselleira de Medio Ambiente di que en varias zonas as análises de "sinerxías negativas" dos proxectos eólicos determinan que xa "hai unha masificacion e polo tanto non se poden seguir instalando parques"

Durante as últimas semanas Praza.gal ven contando algún dos motivos máis significativos polos que a Xunta denegou varios parques eólicos, como a existencia na mesma contorna de parques xa instalados que xa están a afectar ao comportamento das aves por crear barreiras continuas de aeroxeradores. Este mércores a conselleira foi preguntada por esta circunstancia e polas zonas que a Xunta considera que xa teñen demasiados parques eólicos e non se van autorizar máis. 

Vázquez indicou que o seu departamento analizou “as consecuencias dos parques nunha media duns 15 quilómetros” ao seu redor e en varios casos detectaron “sinerxías negativas”. “Quere dicir que xa entendemos que hai unha masificación e polo tanto non se poden seguir instalando parques”, explicou. E sobre as zonas concretas nas que se detectou iso, que dixo non poder detallar de memoria, si mencionou “Vimianzo, Serra do Suído ou na zona do Barbanza”.

Os sete parques autorizados polo Estado co aval da Xunta, cuns 130 aeroxeradores, teñen comprometida a súa enerxía coas fábricas de Alcoa e Showa Denko

Canto aos parques de competencia estatal, os que teñen máis de 50 MW, a Delegación do Goberno de España en Galicia fixo pública unha nota de prensa na que informou da autorización ambiental de 7 instalacións cuns 130 aeroxeradores e 712 MW en conxunto. Tamén foi denegado un parque por recibir informes negativos da Xunta e o arquiváronse outros tres por non achegar o Goberno galego, segundo di o estatal, os informes preceptivos. 

Os grandes parques agora autorizados polo Estado son cinco de Enel Green Power (Santuario, de 180 MW; Barqueiro, de 150 MW; Badulaque, de 90 MW; Tesouro, de 60 MW; e Moeche, de 53 MW), todos eles no norte das provincias da Coruña e Lugo, e outros dous de Greenalia (Tornado e Orzar, de 67 e 56 MW) situados ao sur de Carballo.

Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao CC-BY-SA Praza Pública

Os sete parques autorizados polo Estado teñen comprometida a súa enerxía a prezos estables coas fábricas de Alcoa e Showa Denko, o que foi esgrimido pola Xunta para facilitar a súa implantación en lugares non previstos polo Plan Eólico galego e axilizar a súa tramitación no que respecta aos informes que debía emitir sobre eles.

A Xunta critica que o Estado poida autorizar parques eólicos en zonas que 'a priori' considera pouco vulnerables sen realizar declaracións de impacto ambiental

Na comparecencia deste mércores antes de coñecer o resultado das declaracións ambientais estatais o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, fixo ver que Greenalia e Enel, empresas promotoras deses parques, obtiveron máis de 230 MW dentro dos proxectos autorizados pola Xunta, polo que instounas a que manteñan os seus compromisos enerxéticos coas industrias aínda que non todos os parques de competencia estatal recibisen autorización, como así acabou sucedendo con algún.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente tamén reprochou que o Goberno de España modificase a normativa primeiro hai un ano e despois o pasado decembro para que, non nos casos agora resoltos senón en futuros proxectos, parques eólicos en zonas que non se consideran vulnerables poidan ser autorizados sen realizar unha declaración de impacto ambiental que estude a priori os posibles impactos senón só fixando condicionantes a posteriori.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.