Alcoa como comodín: os dous cambios legais cos que a Xunta autoriza eólicos en sitios non previstos e os acelera discrecionalmente

Aeroxeradores no norte de Lugo CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego habilitouse para permitir parques fóra do seu plan para o sector se os ve con “entidade económica e social” e pode priorizar os vinculados con industrias, pero a segunda figura aínda non foi empregada formalmente 

O Goberno galego xa autorizou que 13 parques eólicos poidan instalarse en lugares non previstos no seu propio plan para o sector. Así o permite unha modificación legal impulsada por el mesmo hai case dous anos para instalacións que a propia Xunta considere que teñen “entidade económica e social”. 

O executivo de Alfonso Rueda vén publicitando como argumento para xustificar esa relevancia económica e social que eses parques queren ligar a súa produción enerxética a industrias galegas relevantes como Alcoa, compromiso que a Xunta fixou como requisito para aplicar outra reforma legal que permite acelerar a tramitación dese tipo de instalacións. Porén, esa segunda figura legal aínda non foi empregada formalmente máis alá das declaracións do propio Goberno galego apelando á importancia dos parques para que empresas como Alcoa aforren na súa factura da luz.

Mapa do Plan Eólico que recolle en distintos graos de gris os posibles emprazamentos de parques e en verde os espazos protexidos CC-BY-SA Xunta de Galicia

Foi a través da denominada lei de reactivación económica tras a pandemia, aprobada en febreiro de 2021, cando o Goberno daquela aínda presidido por Feijóo introduciu unha nova reforma na lei galega do sector eólico de 2009. A norma establecía que non se poden instalar parques eólicos fóra das áreas previstas no denominado Plan Sectorial Eólico de Galicia, pero a reforma de hai case dous anos introduciu unha excepción. Si poden autorizarse en lugares non previstos “aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta”. 

Isto é, está en mans do propio Goberno galego decidir que un parque eólico ten “entidade económica e social” e polo tanto autorizar que se instale nun lugar non previsto. 

Por outra banda, o Goberno galego tamén impulsou outra reforma legal, neste caso a través da lei de áreas empresariais aprobada o mes pasado no Parlamento que muda a lei de implantación de iniciativas empresariais de 2017. A norma de 2017 establecía a figura das iniciativas empresariais prioritarias, proxectos empresariais cuxa tramitación a Xunta se comprometía a acelerar se cumprían determinadas características de investimento ou empregos xerados. 

E a reforma agora aprobada introduciu como novos posibles proxectos para acelerar os parques eólicos “cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, vinculado aos devanditos proxectos e ao centro de traballo determinado de que se trate, e garantindo polo menos o 50% da súa produción de enerxía”.

Instalacións de Alcoa na Mariña CC-BY-NC-SA CIG

O Goberno galego confirma oficialmente que ata o de agora aínda non empregou formalmente esa segunda figura legal, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 21 de outubro e que entrou en vigor o 11 deste mes de novembro. Porén, unha semana antes, o 3 de novembro, a nota de prensa coa que o Goberno galego publicitaba a autorización de tres parques eólicos en lugares non previstos comezaba así: “O Consello da Xunta acordou esta mañá impulsar a tramitación de tres proxectos eólicos cos que a empresa Alcoa San Cibrao trata de abaratar a factura eléctrica”.

O Goberno galego confirma que aínda non empregou a figura que lle permite acelerar parques se ligan a súa enerxía a industrias pero si está a publicitar que os que autoriza en lugares non previstos tratan de "abaratar a factura eléctrica" de industrias

Similares expresións empregaron a Xunta e o propio presidente Alfonso Rueda para defender o 23 de xuño ou este pasado 17 de novembro o total de 13 parques ata agora autorizados en lugares non previstos, malia que a figura legal aplicada neses casos foi a que habilita ao Goberno galego a declarar un proxecto como de “clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social”. Para valorar esa entidade económica a Xunta pode ter en conta que os parques eólicos comprometan a súa enerxía, pero ata agora ese feito aínda non foi empregado para aplicar formalmente a segunda figura legal antedita. 

As apelacións por parte da Xunta a Alcoa, Showa Denko ou Sentury Tire, as empresas ata agora esgrimidas como vinculadas aos parques eólicos, preséntanse de momento como unha xustificación do propio Goberno galego cara á opinión pública para avalar a súa autorización deses parques eólicos en lugares non previstos amparándose no apoio social ao mantemento dos postos de emprego industriais en Galicia. 

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, nun acto o 3 de maio no que criticou que o Estado tramitase parques eólicos en lugares non previstos no plan galego, instalacións que agora vén de validar o Goberno galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta que agora defende eses parques en lugares non previstos co argumento de que abaratarán a enerxía das industrias pronunciouse en contra deles hai uns meses insinuando que o Goberno de España os estaba a tramitar en contra da ordenación territorial e o medio ambiente galegos

Porén, o mesmo Goberno galego que agora salienta a importancia que eses parques eólicos terán para a industria galega informou en contra deles hai só uns meses cando o Goberno de España iniciou a súa tramitación. “Todos os proxectos que non estean dentro do Plan Sectorial Eólico non se poderán tramitar”, dicía en maio o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, quen apelaba ao “cumprimento de todas as garantías ambientais e de impacto territorial”. 

“É por este motivo que a Xunta está informando negativamente de todos aqueles parques eólicos que se están desenvolvendo fóra desas áreas establecidas polo Plan Sectorial Eólico de Galicia”, dicía daquela Conde en referencia, entre outros, aos 13 parques que despois autorizou xustificando a súa vinculación coa industria. Facía así ver que se o Goberno de España impulsa parques en lugares non previstos está ameazando a ordenación territorial e medio ambiente, pero cando o fai a Xunta é pola salvación da industria galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.