Os populares tamén mudan a redacción da suposta moratoria de novos aeroxeradores, que en lugar de admitir que o número de peticións “desborda” á Xunta dirá só que “excede” as súas previsións
Como cada ano, o Goberno galego do PP aproveitou a súa proposta de orzamentos para 2023 para tramitar con eles unha lei de acompañamento coa que muda todo tipo de normas que non teñen que ver coas contas públicas. E como cada ano, antes de que esa lei sexa aprobada polo Parlamento o PP vén de presentar emendas que amplían aínda máis os ámbitos que mudaba a proposta inicial da Xunta.
As correccións dos populares deste ano ao texto orixinal do seu propio Goberno facilitarán, entre outras cuestións, que a rebaixa de impostos xa prevista para os bingos dependa menos das súas contratacións e despidos de persoal. Tamén permitirán que os parques eólicos teñan que deixar menos cartos nos concellos nos que se implanten como requisito para que a Xunta facilite a súa tramitación.
Na súa proposta de lei de acompañamento a Xunta incluíu unha nova rebaixa de impostos aos bingos, que nos dous últimos anos xa se beneficiaron doutras rebaixas máis xerais para o sector do xogo. Porén, a diferenza das rebaixas dos dous anos anteriores, limitadas a eses anos, a nova reforma da lei para reducir impostos aos bingos será permanente mentres non se volva mudar esa mesma lexislación. Unha redución de impostos ao longo dos próximos anos que só estaría condicionada ao emprego pero cuxas características agora o PP fai máis flexibles.
No texto da Xunta os bingos tiñan que manter sempre cando menos o nivel de emprego do ano anterior para obter a rebaixa de impostos, pero o PP corríxeo e fixa 2022 como ano de referencia, o que permitirá aumentar emprego un ano e reducilo ao seguinte sen que se invalide a rebaixa
A redacción inicial da nova rebaixa por parte do Goberno galego establecía que os bingos electrónicos só terán que pagar o 30% do imposto que lles corresponde e que os outros bingos pagarán o 50% en xeral ou o 30% se manteñen o emprego en cada período impositivo “con respecto ao período impositivo inmediato anterior”. Porén, agora o PP emenda esa redacción e fixa o 2022 como ano de referencia para comparar o nivel de emprego. Isto é, coa anterior redacción para seguir beneficiándose en anos sucesivos da rebaixa os bingos tiñan que manter sempre cando menos o mesmo nivel de emprego que o ano anterior, o que faría que se un ano deciden ampliar persoal xa non o poderían reducir ao ano seguinte. Agora, ao fixar o nivel de emprego de 2022 como referencia, os bingos poderán aumentar emprego por exemplo no próximo ano e reducilo ao seguinte sen que iso lles impida aplicarse a rebaixa impositiva nos dous exercicios se o nivel non baixou do deste ano.
Cando o PP foi preguntado hai tres semanas pola posible contradición entre impulsar unha nova lei do xogo máis restritiva e rebaixar impostos aos bingos, o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, xustificou a medida fiscal co argumento de que o sector está “en franco declive” e “a piques de desaparecer”.
A Xunta propuxo facilitar a tramitación dos parques eólicos que repercutan nos concellos nos que se asentan "o 2,5% da facturación anual", e agora o PP rebaixa eses cartos a "o 2,5% dos beneficios anuais"
As emendas do PP á lei de acompañamento proposta pola Xunta tamén seguen a introducir mudanzas na moi reformada lexislación do sector eólico, que non só está a ser corrixida en cada lei anual de acompañamento senón mesmo a través doutras leis alleas como a de polígonos empresariais aprobada hai un mes. Con esa última reforma aprobada apenas uns días antes, a Xunta introduciu na lei de acompañamento dos orzamentos do próximo ano novas mudanzas para o mesmo sector eólico, entre elas a posibilidade de que o Goberno galego declare iniciativa empresarial prioritaria, o que axiliza a súa tramitación, os parques que repercutan durante 10 anos nos concellos nos que se asenten “o 2,5% da facturación anual do parque”. Porén, agora coas súas emendas o PP rebaixa eses cartos que deben quedar nos concellos e muda a redacción por “o 2,5% dos beneficios anuais do parque”.
As emendas do PP, un total de 28 que afectan a diversos sectores, tamén mudan o alcance semántico dunha medida para o sector eólico aprobada hai un ano. Na anterior lei de acompañamento a Xunta estableceu unha suposta moratoria na tramitación de novos parques eólicos ante o elevado número de peticións que estaba a recibir. Moratoria suposta porque o propio Goberno galego deixouse aberta a posibilidade de seguir tramitando os que el mesmo considere relevantes.
A nova lei de acompañamento proposta pola Xunta mudaba lixeiramente a redacción desa moratoria e dicía que a cifra de MW prevista nos novos proxectos en tramitación “desborda” as súas propias previsións contidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia. Unha expresión que evidenciaba a súa incapacidade de xestión das solicitudes que vén recibindo. Porén, agora o PP nas súas emendas muda a expresión “desborda” pola máis moderada “excede”. A emenda tamén aclara que a moratoria "non impedirá a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite".