É a lei máis importante de cada ano e tamén, nun Parlamento con maioría absoluta coma o galego, a de trámite máis previsible, só alterado polas modificacións que o grupo que queira introducir o grupo que sustenta o Goberno, o PP. Partindo desta lóxica, este martes o pleno do lexislativo galego tombou as emendas de devolución presentadas por BNG e PSdeG aos Orzamentos Xerais do Goberno galego para 2023, así como as propostas de nacionalistas e socialistas para recolocar determinadas partidas.
A sesión serviu, daquela, para que as formacións da actual oposición bosquexasen alternativas xunto á súa critica xeral á política do Executivo agora presidido por Alfonso Rueda, mentres que os populares combinaron a defensa das súas contas coa censura ao Goberno de España. Para a líder do primeiro grupo da oposición, Ana Pontón, o Orzamento de 2023 é "insolidario e insolvente" e ratifica que os conservadores gobernan "para unha minoría".
Pontón (BNG) reclama "unha política fiscal valente" no canto das rebaixas ás rendas altas e exemplifica con senllas botellas de leite e aceite a necesidade de que a Xunta axude a poboación fronte á crise de prezos
Propuña o Bloque "reorientar o gasto de 1.764 millóns" e "aplicar unha política fiscal valente, na que paguen máis quen máis" pero, lamenta Pontón, quen sustenta as contas é "un PP sen corazón", un Goberno "burocrático, rutineiro" ao que "nada lle importa o sufrimento das persoas que o están pasando moi mal nesta crise de prezos". "Saben canto subiu unha botella de aceite no último ano? Un 28%; saben canto subiu un litro de leite? Un 25,3%", ilustrou a portavoz nacional da formación soberanista amosando senllas botellas de ambos produtos no atril, acción da que se mofaron os populares no hemiciclo e, posteriormente, a través das redes sociais.
Este é o contexto no que Ana Pontón reclamaba tamén suspender o que denomina como "pelotazo fiscal de 34 millóns de euros", en referencia á decisión de duplicar o desconto do imposto de patrimonio das rendas altas (do 25% ao 50%). Tamén reclamou reducir o mínimo exento deste tributo de 700.000 a 300.000 euros descontando a vivenda habitual.
Lonxe desta iniciativa, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, defendeu a rebaixa e avanzou a intención da Xunta de litigar contra o Estado na súa defensa. Por iso di, xa valoran recorrer o imposto ás grandes fortunas que tramitan PSOE e Unidas Podemos no Congreso porque "atenta contra a seguridade xurídica" e "só busca castigar as comunidades gobernadas polo PP". O Goberno de España xa avanzou que os contribuíntes suxeitos a ese tributo poderán descontarse o que paguen por imposto de patrimonio pero, en lugar onde estea bonificado -caso de Galicia-, a nova figura estatal neutralizaría de facto a rebaixa autonómica.
Pensados "para os máis ricos"
O PSdeG ve as contas galegas para 2023 ao servizo "da competición desbocada entre comunidades do PP polas rebaixas fiscais" ás rendas altas
Tamén o PSdeG puxo o foco na rebaixa fiscal ás rendas altas durante a defensa da súa emenda de devolución. A nova rebaixa, salientou o voceiro socialista, Luis Álvarez, cadra no tempo coa retirada da tarxeta básica de alimentos, "un recurso concibido para fuxir do asistencialismo e loitar contra a aporofobia social".
"Tras 13 anos de goberno do PP", expresou Álvarez, estes orzamentos deberan aproveitar as fortes inxeccións de fondos do Estado e da UE para corrixir a "evidente precarización dos servizos públicos", especialmente na sanidade. No entanto, lamenta, o Goberno galego aposta por poñelos ao servizo dunha "competición desbocada entre comunidades autónomas do PP polas rebaixas fiscais", con "Rueda como alumno avantaxado" aínda que sto supoña "renunciar a exercer unha fiscalidade progresiva" e "favorecer ´ minoría que máis ten fronte á maioría da cidadanía". É, "lamentablemente, unha política fiscal pensada para os máis ricos", concluíu.