Educación sobe por baixo da media nos Orzamentos da Xunta para 2023, que se disparan en comercio e enerxía

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, antes do Consello que aprobou o proxecto de Orzamentos Xerais para 2023 CC-BY-SA Foto: David Cabezón / Xunta | Montaxe: Praza.gal

Un total de 13.825,3 millóns de euros. É o montante récord en termos absolutos co que contará a Xunta nos seus Orzamentos Xerais para o ano 2023, os primeiros da presidencia de Alfonso Rueda. Supón un 8,2% por riba dos 12.777,9 millóns das contas definitivas do ano pasado. Así consta no proxecto orzamentario entregado este 20 de outubro ao Parlamento polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no que o crecemento é do 8,5%, ata 12.620 millóns, atendendo só ao gasto non financeiro -excluíndo a débeda e outras partidas financeiras-.

A Xunta entrega ao Parlamento o proxecto do maior orzamento da súa historia, con algo máis de 13.800 millóns contando a débeda, un 8,2% máis que para 2022

No orzamento máis amplo dende que existe o Goberno galego en termos nominais -excluíndo inflación e outros condicionantes nestas catro décadas- as subas non se reparten por igual. Así, das súas dúas partidas máis relevantes, sanidade e educación, só unha delas está na media do incremento xeral, a sanitaria, que mesmo se incrementa un chisco por riba dese valor medio: comezará 2023 con 4.742 millóns, practicamente un 8,3% máis que en 2022.

Mentres, a segunda gran competencia da Xunta en termos de orzamento, educación, tamén sobe pero faino menos da metade da devandita suba media do 8,2%. A educación galega terá en 2023 algo máis de 2.783 millóns de euros, un incremento do 3,7%. Como no caso da sanidade, o total desta partida está por riba dos derradeiros orzamentos de 2009, os derradeiros do Goberno de coalición PSdeG-BNG. No incremento a respecto de hai máis dunha década inflúen variables diversas, dende os gastos de persoal ata o custo das obras e os maiores ingresos da Admnistración galega, derivados actualmente de maiores achegas do Estado e da UE.

Sanidade e educación fican lonxe, en calquera caso, das partidas que experimentarán un maior crecemento porcentual nos Orzamentos Xerais para 2023. Como amosa a táboa sobre estas liñas, a que máis medra é a de comercio, cuxos 25,5 millóns de euros supoñen un crecemento de case o 40%. Esa suba débese, sobre todo, aos 5 millóns orzamentados para financiar o bono comercio (axudas de 30 euros para gastar en establecementos comerciais) e as iniciativas ligadas a el.

Comercio dispárase case un 40% polos bonos para facer compras e a eficiencia enerxética increméntase nun 38%, sobre todo, polas inxeccións de fondos da UE para axudas a diversos sectores

A seguinte maior suba é a dunha das partidas que xa protagonizara os incrementos nas contas de 2022, a de industria, enerxía e minas e, dentro dela, a das áreas dedicadas á eficiencia enerxética. A explicación hai que atopala, fundamentalmente, en que dentro do orzamento da Vicepresidencia Primeira -a que ostenta as competencias neste eido- o programa de Eficiencia Enerxética e Enerxías Renovables dispara a súa dotación en case un 53% ata chegar ata os 89 millóns de euros. 

Dentro dese programa medran partidas como a de "axudas de tipo social" (de 1,9 a 4 millóns) pero, sobre todo, faino a partida destinada a financiar o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que en 2022 manexaba 50 millóns e en 2023 terá 75,7. Nesta entidade dependente do Goberno apenas se incrementa a achega de fondos propios da Xunta (11,5 millóns en 2022; 12,2 en 2023), pero si soben de maneira relevante outras inxeccións como as dos fondos europeos de recuperación (de 24 a 29 millóns) e outras achegas comunitarias, ademais de entrar en xogo 10 millóns do fondo de transición xusta para as comarcas das Pontes e Cerceda.

Con esa suba de fondos para o Inega fináncianse, sobre todo, axudas a diferentes sectores. Por exemplo, os subsidios a empresas para diversas iniciativas de eficiencia enerxética (descarbonización, incentivos ás renovables) pasan de 24 a 40 millóns de euros. No caso das liñas de axudas dirixidas á cidadanía en xeral (biomasa, xeotermia, outras renovables) pasan de 9 a 11 millóns de orzamento. Neste eido, o proxecto inclúe a creación dun "programa de concesión de axudas directas destinadas a paliar a pobreza enerxética en consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social".

O orzamento sanitario e educativo

Alén das devanditas subas, moi condicionadas pola crise enerxética e os fondos estatais e europeos, as dúas principais áreas de gasto dos Orzamentos Xerais da Xunta seguen sendo sanidade e educación, por esta orde. Dentro do orzamento do Servizo Galego de Saúde para 2023 soben todas as partidas agás a de dirección e servizos xerais, que descende un 15% (de 56 a 47 millóns) fundamentalmente polo menor gasto en equipamento informático (de 44 millóns en 2022 a 34 en 2023).

A partida de atención primaria do Sergas comezará 2023 con case un 10% máis de fondos

As restantes partidas do orzamento do Sergas para 2023 soben encabezadas polas de saúde pública (+13,6%) e de formación do persoal graduado en medicina, cun incremento do 10,2%, ata case acadar os 70 millóns. Tamén está preto do 10% a suba do orzamento nun dos elos máis sensibles do sistema e que maiores protestas cidadás acumula nos últimos anos, a atención primaria, que gaña un 9,9% de orzamento e sitúase, de inicio, en 1.526 millóns. A maior partida do Sergas segue sendo, en calquera caso, a de atención hospitalaria, que con 3.202 millóns se incrementa nun 7,8%.

No referido á educación, tamén soben todas as partidas agás unha, a de prevención do abandono escolar, que diminúe algo máis dun 4% ao desaparecer del unha partida de competencias dixitais que en 2022 estivo dotada con 9 millóns de euros. Alén desta diminución, o resto de partidas soben a comezar pola de formación do profesorado (+13,5%) e a seguir pola de servizos e axudas complementarias da ensinanza, que gaña un 8% ao incrementárense gastos coma o transporte escolar (de 70 a 73 millóns) ou pasar de 5 a 10 millóns os fondos das axudas para a adquisición de material escolar. A partida que menos aumenta é a de educación infantil, primaria e ESO, cunha suba do 2,8%.

A débeda e outras subas

Como vén sendo habitual, tras a sanidade e a educación a terceira partida máis relevante dos Orzamentos Xerais da Xunta é a da débeda pública, para a que se destinan en 2023 algo máis de 1.400 millóns de euros, un 6,7% máis que o ano anterior. A suba xeral dos tipos de xuro fai que esta partida en concreto se dispare moito máis, ata case o 50%, pasando de 72,8 millóns a 109 no ano vindeiro. 

Os fondos para a débeda pública soben en total algo máis dun 6% e os gastos para atender os xuros dispáranse case un 50% polo incremento xeral dos tipos

Alén destas grandes partidas (sanidade, educación e débeda), que en conxunto suman case 9.000 dos 13.000 millóns de euros do orzamento, nas contas públicas que agora emprenden tramitación parlamentaria tamén destacan subas noutros ámbitos en áreas de menor dotación, como a de deportes, que en 2023 recibe un 35,65% ata chegar aos 44 millóns de euros ao incrementarse notablemente a dotación para mobiliario e utensilios (de 7,9 a 12,6 millóns) e mais as transferencias a concellos para infraestruturas deportivos, que no ano electoral de 2023 pasan de 2,2 a case 6 millóns de euros.

Dentro deste panorama xeral de subas da práctica totalidade das partidas dos Orzamentos Xerais do Goberno galego para 2023 hai dúas excepcións. A máis significativa é a da denominada "actuacións económicas xerais", que perde un −5,67% e fica en 25,87. Séguea a de protección civil e seguridade, cuxos 29,01 millóns supoñen un 1% menos que no ano precedente. 

O peso de cada unha destas partidas dentro do total do orzamento pódese observar no gráfico baixo estas liñas. Premendo en cada unha das partidas é posible explorala e consultar a súa dotación para 2023.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.