O Consello da Xunta aprobou este martes o proxecto de Orzamentos Xerais para 2023. Son 12.620 millóns de euros de gasto non financeiro, mil máis que para este ano grazas a maiores ingresos de impostos estatais. Tras a presentación das grandes cifras globais será o vindeiro xoves, día 20, cando sexan públicos todos os detalles das contas, coa súa entrega ao Parlamento.
Os fondos que a Xunta orzamenta para transferir aos concellos levan trece anos na contorna dos 130 millóns anuais
Non obstante, nos últimos días a Consellería de Facenda xa foi adiantando algúns detalles en diversos encontros sectoriais, como os mantidos coa patronal e os principais sindicatos ou, o pasado luns, coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Neste último confirmou que o fondo base para os concellos continuará conxelado, mentres que só aumentará o chamado fondo adicional, o que provocou un evidente malestar na entidade municipalista que preside Alberto Varela, alcalde socialista de Vilagarcía, por ser esta a parte do financiamento local que non responde a criterios "obxectivos".
O Goberno galego estrutura o Fondo de Cooperación Local (FCL) en dúas partes: o fondo base e o adicional. Facenda destaca que o adicional pasará "de 12,9 millóns" en 2022 a "case 30,5" en 2023. O total de ambos fondos, salienta, vaise achegar aos 143,5 millóns, do cal se deduce que o fondo base queda na contorna dos 113 millóns e o global, daquela, en niveis moi semellantes aos dos últimos trece anos.
Os orzamentos do goberno de coalición PSdeG-BNG, que se estruturaban doutro xeito, dotaban de inicio a partida de transferencias aos concellos con case mil millóns. Incluían un programa de gasto de "transferencias a entidades locais por participación nos ingresos do Estado" que existiu ata o ano 2010 -xa con Feijóo na Xunta-, cando se despregou o novo modelo de financiamento autonómico, aínda vixente na actualidade malia estar caducado dende 2014.
O presidente da Fegamp, alcalde socialista de Vilagarcía, lamenta que a Xunta confirme que non vai "atender a petición dos 313 concellos de aumentar o fondo base, o que se reparte con criterios obxectivos". "Pretende que sigamos facendo máis cousas con menos cartos"
Mentres que tanto a Consellería de Facenda como a Vicepresidencia segunda -o departamento dirixido por Diego Calvo é agora o competente en materia de Administración local- poñen o foco na pronunciada suba do fondo adicional, a Fegamp lamenta que "novamente", o Goberno galego "non atenda a petición dos 313 concellos de aumentar o fondo base, o que se reparte con criterios obxectivos". Isto é tanto, di Alberto Varela, como "non ter en conta as dificultades dos concellos" e pretender que "sigamos facendo máis cousas con menos cartos".
"Entre as obrigas da Xunta está dar fondos aos concellos para os servizos públicos", abonda o rexedor de Vilagarcía, que censura que a Xunta leve "dez anos sen aumentar esas transferencias". Mentres, di, "cada vez nos adxudican máis competencias".
Á espera de coñecer a letra miúda dos Orzamentos de 2023, os de 2022 dispuñan que o fondo adicional iría parar a concellos "que teñan que asumir o financiamento dos servizos de emerxencias supramunicipais" ou accións como a xestión de biomasa para previr incendios, así como servizos como conservatorios ou centros de saúde. As contas non definen de entrada, non obstante, as variables concretas para o reparto dos cartos. Alén destes fondos, as Consellerías realizan achega aos concellos mediante outros instrumentos, coma os convenios e as subvencións.