As eleccións municipais de 2019 deixaron o PP sen poder urbano. Os conservadores non lograron a alcaldía de ningunha das sete principais cidades e quedaron con Arteixo como o maior concello en termos de poboación no que puideron erguer o bastón de mando. Durante parte do mandato asumiron parte do goberno de Ourense en bipartito coa Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome, a quen lle entregaron a alcaldía a cambio de salvar a José Manuel Baltar na Deputación; pero tras a segunda e definitiva ruptura da coalición ourensá, chegarán aos comicios de 2023 fóra dos sete gobernos urbanos galegos.
O actual mandato municipal é o primeiro dende 2007 no que o PP non ten ningunha alcaldía nas cidades e hai que remontarse a 1995 para atopar un mapa da Galicia urbana con maioría de alcaldes populares
O actual mandato municipal é o primeiro dende o iniciado en 2007 no que o PP non conta con ningunha alcaldía nas principais cidades. No seguinte, tras as eleccións de 2011, conseguiran dun golpe gobernar as tres cidades da provincia da Coruña, que perderan fronte ás mareas en 2015. En 2003 gobernaran Ourense e Ferrol e tamén Vigo, esta última tras racharen PSdeG e BNG. Cómpre, en calquera caso, remontarse a 1995 para atopar un mapa da Galicia urbana con maioría de alcaldías do PP (todas agás A Coruña e Santiago).
De aí en diante, preponderaron as alcaldías do PSdeG e do BNG (sós ou en coalición), ás que en 2015 se sumaron as das mareas na Coruña, Santiago e Ferrol. Ademais, este é o primeiro mandato no que á ausencia total de poder urbano se sumou non gobernaren tres das catro deputacións.
Este é o pano de fondo co que Alfonso Rueda afrontará en 2023 as súas primeiras eleccións municipais como líder do PPdeG en substitución de Alberto Núñez Feijóo e tamén como presidente da Xunta. É tamén o contexto político e preelectoral no que vén de lanzar a súa primeira xeira de reunións cos alcaldes e alcaldesas das sete cidades.
Ao contrario que Feijóo, Rueda non recibirá os alcaldes e alcaldesas en San Caetano, senón nas delegacións da Xunta nas cidades para encontros onde o acompañarán os delegados territoriais do Goberno galego
Ao contrario do que sucedía con Feijóo -e os seus antecesores-, Rueda non recibirá os rexedores e rexedoras no seu despacho de San Caetano, senón que se desprazará a cadansúas cidades. Ten previsto facelo, segundo o calendario revelado polo Goberno galego a algúns medios de comunicación, por orde decrecente de poboación. Así, contempla comezar por Vigo o 3 de outubro, seguir pola Coruña o día 4 -inicialmente, propuxo o 5- e acudir a Ourense o día 11. Xa contra finais de mes sería a quenda de Santiago, o día 21, e de Lugo, o 24, para pasar por Pontevedra o 25 e finalizar en Ferrol o día 28.
"Son o primeiro presidente que ten estas reunións e as despraza ás cidades", resaltaba este xoves Rueda, que a preguntas da prensa defendía tamén outro dos elementos "novidosos" que deu en introducir nestes encontros. Non serán, como adoito, xuntanzas bilaterais do presidente cos máximos responsables municipais, senón que acudirá acompañado co delegado ou delegada do Goberno galego que corresponda -actualmente son seis, tras a apertura neste ano da delegación de Ferrol, subordinada á da Coruña nalgunhas competencias- coas sedes territoriais da Xunta -e non as casas consistoriais- como escenario.
Onde esta compaña ten unha maior carga partidaria é en Vigo, toda vez que a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, é tamén a candidata do PP á alcaldía. No goberno local que encabeza Abel Caballero con amplísima maioría absoluta interpretan que Rueda busca "unha foto co alcalde de Vigo co presidente da Xunta e a candidata do PP" e reiteran que o alcalde solicitara unha xuntanza bilateral como as que tivera con Feijóo. Dado que ese mesmo día se celebra un evento previo á feira Conxemar, Caballero remitiuse a "ver a axenda dese día" para ratificar se acode ou non.
Onde a compaña de Rueda ten maior carga partidaria é en Vigo, toda vez que a delegada da Xunta é tamén candidata do PP á alcaldía. Na Coruña, a Xunta tivo que corrixir a data tras o malestar de Inés Rey por cadrar coa cimeira hispano-alemá na cidade
Rueda, pola súa banda, considerou "normal e habitual, nada sorprendente" a disconformidade do goberno vigués. "Dígame algunha actuación da Xunta que ao alcalde lle pareza ben", ironizou ante a prensa tras o Consello da Xunta do pasado xoves, cando asegurou tamén que o seu formato de reunións foi "ben acollido" e mesmo catro concellos "xa aceptaron".
A de Vigo non foi, así e todo, a única fonte de tensión. O gabinete da alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, non ocultaron a súa contrariedade pola proposta inicial de reunírense con Rueda o 5 de outubro, xornada inicial da cimeira hispano-alemá na cidade, con Pedro Sánchez e o chanceler Olaf Scholz á cabeza de amplas delegacións de cadanseus gobernos. "Non sei se é ignorancia ou mala fe", cuestionou a rexedora, que horas despois celebraba que a Xunta "aceptase" mudar ao encontro para o día anterior. "É un bo punto de partida para falar das cuestións e proxectos pendentes coa cidade da Coruña", resaltou.
Tampouco na Alcaldía de Lugo gustaron as formas da convocatoria. "Afortunadamente, puiden axustar a miña axenda á data imposta", explicou a alcaldesa, Lara Méndez (PSdeG), quen lembra que nas tres reunións que mantivo con Feijóo "se consensuou a data". Para a socialista lucense resulta "sorprendente" a convocatoria "unilateral" e "rechamante" que Rueda "teña que vir acompañado", no seu caso polo delegado Javier Arias.
Lara Méndez ve "rechamante" que Rueda "teña que vir acompañado" a Lugo. "Se cadra, non ten coñecemento da realidade do territorio" tras "trece anos de vicepresidente", cuestiona
"Se cadra, non ten coñecemento da realidade do territorio, o cal é preocupante" dado que "non é unha persoa que se acaba de incorporar ao goberno", senón que estivo "trece anos de vicepresidente", polo que os temas a tratar deberan ser "de sobra coñecidos". Máis aínda porque existen diversas demandas "históricas" de Lugo cara á Xunta, concluíu Méndez, que Rueda debería coñecer.
Lugo é, xunto a Pontevedra, a cidade galega onde os populares levan máis tempo sen tocar poder. En ambas perdeu a alcaldía o PP de Manuel Fraga en 1999 dando paso a máis de dúas décadas de gobernos locais da esquerda, no caso lucense encabezados polo PSdeG e no pontevedrés, polo BNG, en ambos concellos con varios mandatos de coalicións de socialistas e nacionalistas, como sucede actualmente. A de Lugo preséntase como unha das grandes batallas das municipais na Galicia urbana, máis aínda porque os populares tamén levan década e media sen poder na Deputación, coa excepción dos pouco máis de tres meses que a presidiron en 2015 pola vinganza do alcalde de Becerreá contra a dirección socialista na provincia.
Na reunión lucense, como en todas as demais, Rueda tentará marcar perfil -neste caso, urbano- a escasos meses dunhas eleccións nas que o PP non ten marxe de empeoramento nas cidades e nas que, polo tanto, o peor dos escenarios posibles para os populares sería ficar como en 2019 e calquera acceso ao poder, todo un avance. Nas direccións do BNG e do PSdeG, pola súa banda, vense capaces de manter e mesmo de alargar os gobernos logrados en 2019 nas cidades e fóra delas e así, malia ao acceso de Feijóo ao liderado estatal do seu partido, frustrar o primeiro reto electoral de Rueda.