Fortalecer o poder local entre sombras de Feijóo: as axendas de BNG e PSdeG para aspirar á Xunta

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, en senllas comparecencias recentes ante os medios de comunicación CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

Nas últimas semanas, as principais formacións políticas deron en dar por inaugurado o "curso político", expresión popularizada dende hai anos para denominar o retorno á actividade ordinaria tras o descanso estival. Neste setembro de 2022 máis que un curso comeza todo un grande e intenso ciclo electoral. En apenas dous anos o electorado galego pasará polas urnas cando menos en catro ocasións; se todo é cando toca, por esta orde: municipais o 28 de maio de 2023, xerais entre finais de 2023 ou comezos de 2024, europeas entre maio e xuño do mesmo ano e galegas, a máis tardar, entre o verán e o outono do mesmo 2024.

Principia unha xeira na que o electorado galego será chamado a votar en ata catro ocasións. A actual oposición non desbota que os populares tenten xogar a baza dun Feijóo 'candidato a todo' ante o menor potencial electoral de Rueda

Tanto as xerais como as galegas poden, en calquera caso, ser adiantadas ou agrupadas con algún dos outros procesos polas persoas que, en última instancia, teñen a responsabilidade exclusiva de as convocar: Pedro Sánchez e Alfonso Rueda. En ambos procesos influirá moito o que suceda o único que xa ten data, as municipais -que tamén son autonómicas en varios territorios do Estado-, uns comicios locais dos que tamén emanan os gobernos das deputacións e que nas forzas que actualmente compoñen a oposición galega, BNG e PSdeG, son observadas como suma importancia para chegaren a 2024 en condicións de aspiraren á Xunta.

Ana Pontón e outros membros do BNG, o pasado 31 de agosto en Noia formulando propostas sobre o inicio do curso escolar CC-BY-NC-SA BNG

Nas contornas das direccións soberanista e socialista analizan o panorama sen perder de vista un factor: Alberto Núñez Feijóo xa non está en Galicia e o seu substituto na presidencia da Xunta e do PPdeG non só non está "consolidado", senón que o observan cun potencial electoral moito menor que o do seu xefe de filas. "Rueda non é Feijóo". De aí, coinciden fontes consultadas por Praza.gal en ambas formacións, que a dinámica estatal poida acabar sendo aínda máis determinante do habitual en Galicia. 

Nas contornas das direccións de BNG e PSdeG dan por descontado que o PP medrará nas municipais a respecto do seu mal resultado de 2019. Pero iso, analizan, non debera ser dabondo para perderen e mesmo ampliaren a súa presenza en gobernos locais e provinciais

Rueda ou o PP poden procurar xogar a baza dun Feijóo candidato a todo para tentar reter o Goberno galego. Máis aínda se os populares chegan ás xerais con enquisas favorables como as actuais. Un dos riscos nese suposto residiría na potencial capacidade do ex-presidente para penetrar na banda máis ao centro do posible electorado do PSOE, analiza un dirixente do Bloque, cuxa cúpula mantén que o seu obxectivo estratéxico é "prepararse para gobernar" a Xunta en 2024.

Pero antes están as municipais. As formacións da actual oposición galega dan por descontado un crecemento global do PP a respecto dos seus malos resultados de 2019, entre outros aspectos, polo esfarelamento de Ciudadanos e o actual devalo demoscópico dun Vox que en Galicia non chegou a dar obtido representación ningunha. Pero isto, consideran, non quere dicir que os gobernos locais de PSdeG e BNG, coligados ou en solitario, non poidan manterse ou mesmo ampliarse despois de maio de 2024.

Valentín González Formoso, co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e outros membros do PSdeG, en Meira a finais do pasado agosto CC-BY-NC-SA PSdeG

O PP, razoan, pode medrar polo enfraquecemento das outras dereitas. Pero as candidaturas nacionalistas e socialistas, consideran, están en condicións de rendibilizaren o seu labor de goberno e tamén de aproveitar o efecto electoral dunha previsible nova perda de representación das candidaturas municipalistas das mareas. Na dirección que lidera Ana Pontón albíscanse as municipais como a posibilidade de "importantes saltos adiante" en varias cidades e vilas, ademais de conservar os gobernos que xa ostentan. Na que encabeza Valentín González Formoso ven viable consolidar o actual poder e nas conversas con membros de ambas xorde un foco de tanta incerteza como oportunidade: Ourense, cun goberno local en precario tras o falido bipartito do PP con Jácome e, outra volta, coa ansia de dar desbancado o baltarismo.

Se dan retido ou mesmo alargado o poder municipal e provincial, consideran, só un éxito esmagador do PP no Estado impediría que o cambio de cor política na Xunta non puidese ser factible en menos de dous anos

En ningunha das dúas formacións perden de vista que en todo este mapa electoral será clave a evolución da situación económica xeral. Pero tamén, no caso galego, problemáticas propias como as da sanidade pública en xeral e da Atención Primaria en particular, un eido no que abondan os conflitos en clave local e onde a responsabilidade da Xunta, consideran, é claramente identificada pola cidadanía. 

Seren quen de formularen alternativas en ambos aspectos -e, no caso socialista, dar traducido en votos a acción do Goberno de España-, cren, será clave para chegar ás municipais con bos prognósticos nun clima, advirte unha destas fontes, de "campaña electoral permanente". Se dan retido ou mesmo alargado o poder municipal e provincial, consideran, só un éxito esmagador do PP no Estado impediría que o cambio de cor política na Xunta non puidese ser unha realidade factible en menos de dous anos.

Feijóo e Rueda, nun acto do PP en Cerdedo-Cotobade o pasado 26 de agosto CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.