Rueda fai cen días como presidente coa súa axenda pública centrada no turismo e a gastronomía

Rueda recolle o recoñecemento de Peregrino de Honra do Concello de Padrón CC-BY-SA Xunta de Galicia

Máis dun terzo das xornadas con actos oficiais desde que o popular está no cargo incluíron citas relacionadas con eses sectores, que el mesmo situou na toma de posesión do seu Goberno como “puntal do despegue” de Galicia

O 14 de maio Alfonso Rueda tomou posesión como presidente da Xunta. Este luns 22 de agosto van cen días desde aquel momento, un cento de xornadas nas que non en todas, pero si na gran maioría, o presidente tivo axenda oficial pública, agás algún descanso puntual en fins de semana e uns dez días seguidos de vacacións xa neste mes de agosto. E en máis dun terzo das xornadas con axenda pública houbo algún acto centrado no turismo ou a gastronomía. Un tipo de actividades públicas que lle permiten seguir dándose a coñecer ante a cidadanía poñendo o foco en cuestións máis amables para a súa imaxe política que outros problemas do país.

Foi o propio Rueda quen, na toma de posesión do seu Goberno, dous días despois da súa propia, reclamou aos seus altos cargos “que todas as consellerías se impliquen” co Xacobeo para que “o turismo sexa puntal de despegue económico de Galicia”. E el mesmo vén implicándose coa súa axenda persoal.

Nestes cen días que leva como presidente Rueda tivo axenda pública oficial en 70 xornadas, das que en cando menos 29 houbo -entre outras actividades como inauguracións e reunións con empresas- actos directamente relacionados co Xacobeo, o turismo en xeral ou a gastronomía relacionada co ocio, non coa alimentación. Isto é, o cómputo non ten en conta nese último eido visitas a explotacións agrogandeiras ou reunións co sector pesqueiro, por exemplo.

Rueda participou neste tempo en varias entregas de premios ou medallas relacionadas co Camiño -coas Medallas de Galicia deste ano como gran paradigma-, en actos de presentación do Xacobeo e o turismo de Galicia como sustentables, e en foros de debate ou de presentación de libros relacionados co Xacobeo, tanto en Galicia como en Madrid. Tamén fixo el mesmo treitos do Camiño en varias ocasións acompañando a diversos colectivos, ao tempo que recolleu un galardón en Padrón como “peregrino de honra”.

Alfonso Rueda percorre o tramo do Camiño de Santiago entre Arzúa e Compostela en bicicleta acompañando ao presidente de AC Hoteles, Antonio Catalán CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Igualmente participou nun acto de promoción da Formación Profesional orientada ao turismo e noutro sobre a gastronomía galega como exemplo de sostibilidade, combinou xacobeo e gastronomía cun evento con chefs que promocionaron o camiño, asistiu a festas ou feiras da sidra, o pan, a empanada, o viño albariño ou de Chantada, entregou varios premios alimentarios, as bandeiras azuis ás praias e participou na inauguración dun hotel.

Rueda foi nomeado "peregrino de honra", elixiu celebrar o aniversario duns fondos europeos para o rural nunha casa de turismo rural ou salientou investimentos ambientais como exemplo do turismo sustentable en Galicia

A axenda oficial do presidente mesmo incluíu a celebración nunha casa de turismo rural dun aniversario de fondos europeos Leader para desenvolvemento rural, fondos que veñen beneficiando a todo tipo de actividades económicas, non só ás turísticas. Ou fixo que unha visita á illa de Ons para supostamente publicitar as actuacións da Xunta en materia ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas acabase derivando na promoción das mesmas como exemplo de turismo sustentable. 

A rapa das bestas de Sabucedo ou un novo espazo termal en Salvaterra foron outros dos lugares que visitou neste tempo e nos que salientou o seu potencial turístico por riba doutros tipos de valores.

Rueda na feira do pan do Porriño CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.