Rueda segue a presentarse no inicio da segunda metade da lexislatura galega

Alfonso Rueda percorre o tramo do Camiño de Santiago entre Arzúa e Compostela en bicicleta acompañando ao presidente de AC Hoteles, Antonio Catalán, o pasado 7 de xuño CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Hai hoxe dous anos, o 12 de xullo de 2020, celebráronse eleccións ao Parlamento de Galicia. Foron, antes de calquera outra cousa, as eleccións da COVID. A comezar por que foron adiadas a causa da pandemia -inicialmente foran convocadas para o 5 de abril- e a seguir por que a campaña e as propias votacións estiveron fortemente marcadas pola pandemia e as medidas para procurar conter os contaxios nun contexto no que as vacinas eran só un horizonte sen data.

Aqueles comicios serviron ao PP liderado por Alberto Núñez Feijóo para lograr unha cuarta maioría absoluta, a máis ampla en deputados dende os tempos de Fraga (42) nun contexto de baixa participación (por baixo do 50%, unha vez computado o voto exterior). Pola banda da esquerda, a principal mudanza foi o forte ascenso do BNG. A formación soberanista triplicou amplamente a súa representación (de 6 a 19 escanos) ata converterse no grupo da esquerda parlamentaria máis numeroso dende o PSdeG de Touriño tras unha campaña que lle foi especialmente efectiva. O 45% dos votos ao Bloque decidíronse en campaña, segundo o estudo postelectoral do CIS, que situaba a Ana Pontón como líder máis valorada.

Dous anos despois daqueles comicios, tras os que o Parlamento galego volveu ser tripartito oito anos despois, é precisamente Pontón a única líder que continúa á fronte da súa formación en Galicia. O socialista Gonzalo Caballero segue como deputado, pero foi substituído na secretaría xeral do seu partido no outono de 2021 tras perder as primarias fronte a Valentín González Formoso. E Alberto Núñez Feijóo, que foi á carreira electoral de 2020 baixo a palabra Galicia por triplicado e reducindo outra volta á mínima expresión as siglas do seu partido, agrandounas de vez para abandonar a presidencia a pasada primavera, cando foi aclamado como novo líder da formación conservadora en substitución do defenestrado Pablo Casado.

Tras dous anos de lexislatura e dous meses despois da súa elección como substituto de Feijóo, Rueda semella seguir inmerso nunha prolongada rolda de presentacións polo país apoiándose nas súas competencias en materia turística mentres se reúne coas principais empresas

A mestura da derruba de Casado, a vontade de Feijóo e os equilibrios internos entre baronías territoriais do PPdeG levou a Alfonso Rueda a converterse no substituto do ex-presidente tanto no Goberno como no partido, desbotando calquera posibilidade de optaren por outras opcións máis audaces. O vicepresidente primeiro ascendeu á presidencia da Xunta e con ela veulle a do partido e o nomeamento de facto como cabeza de cartel das vindeiras eleccións galegas, que se se celebran cando corresponde -a decisión, en última instancia, corresponde persoalmente ao propio Rueda- chegarán en 2024.

Faltan, daquela, uns dous anos para os comicios e, a piques de facer dous meses na xefatura do Goberno, Rueda semella seguir inmerso nunha prolongada rolda de presentacións polo país. Faino apoiándose especialmente nunha das competencias que recolocou na propia Presidencia da Xunta, a de turismo (onde xa estiveran entre 2012 e 2018), a cal facilita ao seu equipo non só situalo como protagonista de visitas e eventos por múltiples puntos de Galicia, senón tamén amosalo en escenas distendidas e practicando algunhas das súas afeccións, caso do ciclismo ou as motos. Todo, tras partir duns niveis de coñecemento cidadán inferiores ao 50%, segundo as únicas enquisas publicadas ao respecto, as elaboradas por Sondaxe, a empresa de inquéritos de La Voz de Galicia.

Rueda visita a sede de Inditex en Arteixo o 6 de xullo de 2022 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Paralelamente, nas últimas semanas Rueda intensificou os seus contactos con algunhas das principais empresas que operan en Galicia. Así, por exemplo, o pasado 21 de xuño visitou a factoría do grupo automobilístico Stellantis en Vigo e o 6 de xullo, o complexo central de Inditex en Arteixo. Ademais, o 27 de xuño encabezou unha significativa imaxe, reuníndose co consello de administración de Ence na sede da Xunta, en San Caetano, para dar pé a que a pasteira expuxese o seu plan para abrir unha nova fábrica nas Pontes mentres agarda polo veredicto do Tribunal Supremo a respecto da súa permanencia ou non na beira da ría de Pontevedra.

Entre críticas a Pedro Sánchez, ata o momento o Goberno encabezado por Rueda non foi alén da inercia do seu antecesor e os oito Consellos que leva presididos centráronse, en boa medida, en aprobar axustes no organigrama da propia Xunta e completar trámites de asuntos xa iniciados

No que atinxe á súa relación coa oposición, Rueda procurou facer ver o "estilo propio" que afirma ter ao recibir a Pontón e Formoso en senllas reunións de ton cordial, pero sen pactos. Mentres, nas sesións de control do Parlamento (este 12 de xullo é a súa cuarta como presidente), continuou en xeral pola senda de sinalar como responsables dalgúns dos problemas de Galicia ao Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos e mais ao Executivo de coalición PSdeG-BNG que gobernou a Xunta de 2005 a 2009. As críticas ao gabinete de Pedro Sánchez veñen incluíndo reproches cara ao tamén líder do PSOE por tardar en recibilo cando xa pasaron case dous meses dende o seu ascenso á presidencia da Xunta.

O afán por marcar perfil de seu ás portas dun novo ciclo electoral capitaliza, cando menos de momento, boa parte dos movementos dun Rueda cuxo Goberno non adoptou medida ningunha alén da inercia do seu antecesor. Os oito Consellos da Xunta que presidiu ata agora centráronse en boa medida en aprobar os axustes no organigrama do Goberno derivados da marcha de Feijóo e en pechar trámites de asuntos que xa estaban iniciados. Resta saber se no vindeiro curso político, marcado en boa medida pola proximidade das eleccións municipais de maio do 2023, Rueda apostará por traducir en medidas concretas o devandito "estilo propio" ou se, pola contra, o seu equipo fiará a continuidade do PP na Xunta aos movementos e eventual éxito de Feijóo na escena estatal.

Alfonso Rueda, nunha concentración moteira en Bueu o 12 de xuño de 2022, nunha imaxe divulgada pola Xunta CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.