O líder provincial que máis dificultou a sucesión de Feijóo resulta premiado coa vicepresidencia segunda da Xunta mentres o resto de conselleiros manteñen as mesmas competencias
O barón provincial do PP que máis dificultou a sucesión de Feijóo, o presidente do partido na Coruña, Diego Calvo, será o principal beneficiado, tras Alfonso Rueda, da crise de goberno aberta na Xunta pola decisión do xa ex-presidente galego de converterse en líder da oposición estatal. Este domingo o novo presidente da Xunta vén de converter a Calvo en vicepresidente segundo do Goberno galego, o que paradoxalmente reforza aínda máis a súa baronía provincial. Calvo volve así a un posto de goberno sete anos despois de perder a presidencia da Deputación da Coruña en 2015, tras o que foi recolocado por Feijóo como delegado da Xunta nesa provincia durante uns meses e desde 2016 na vicepresidencia primeira do Parlamento.
Á marxe do nomeamento de Calvo, e do ascenso xa dado por feito do ata agora vicepresidente segundo, Francisco Conde, a vicepresidente primeiro, o resto de conselleiros e conselleiras manteñen as mesmas competencias, noutra clara mostra do continuísmo polo que aposta abertamente Rueda.
Diego Calvo Pouso (San Sadurniño, 1975), licenciado en Económicas, foi presidente de Novas Xeracións e deputado no Parlamento de Galicia con só 27 anos. Mantivo o escano durante seis anos, antes de que en 2009 obtivese o seu primeiro posto de xestión pública, cando Feijóo o nomeou delegado da Xunta na Coruña. Nel estivo dous anos ata que en 2011 foi elixido presidente da Deputación da Coruña, cargo que perdeu catro anos máis tarde, tras os malos resultados do PP nas eleccións municipais de 2015. Aínda así Feijóo recolocouno primeiro no seu antigo posto de delegado na Coruña e uns meses despois, en 2016, premiouno coa vicepresidencia primeira do Parlamento de Galicia, na que leva desde aquela.
Calvo é considerado herdeiro político de Carlos Negreira e Romay Beccaría e o seu apoio foi o último que recibiu Rueda dos baróns provinciais, ata o punto de que o PPdeG non lanzou o proceso de sucesión de Feijóo no partido ata que fixo público o seu comunicado
Calvo é considerado herdeiro político do ex-alcalde e ex-presidente do PP coruñés Carlos Negreira, protexido á súa vez de José Manuel Romay Beccaría e polo tanto encadrado no bando dos birretes na súa histórica loita contra as boinas. Na reactivación daquelas vellas demostracións de forza entre baronías que provocou a marcha de Feijóo a Madrid Calvo foi o máis reticente en amosar o seu apoio a Rueda como sucesor.
Mesmo cando o líder ourensán, Manuel Baltar, se adiantou aos demais e considerou obvio que Rueda era a persoa mellor colocada para suceder a Feijóo tanto na Xunta como no PPdeG, Calvo foi o último en pronunciarse en similar liña. Foi xusto tras un comunicado de Calvo facendo público finalmente o seu apoio a Rueda cando o PPdeG lanzou o proceso de sucesión no partido, o que evidenciou que o coruñés fora ata ese momento o único obstáculo.
Na vicepresidencia segunda Calvo asumirá a maioría das áreas que tiña Rueda como vicepresidente primeiro -xustiza, relación co resto de administracións (especialmente coa local e as súas subvencións) e coordinación política da administración- pero incorporando agora Deportes, que dependía de Feijóo, ao tempo que traspasa á Presidencia a área de Turismo, que o propio Rueda viña potenciando ata agora en pleno bienio Xacobeo. Na orde de precedencia da Xunta Calvo sitúase así como terceiro, tras Rueda e o agora vicepresidente primeiro económico Francisco Conde. Así que o coruñés resulta ser o máis beneficiado pola crise de goberno malia ser o que máis demorou a súa solución.
No resto de departamentos só haberá cambios de denominacións, de xeito que ningún conselleiro pode dicir que reciba ningún premio polo feito ata agora, como si pasará con Calvo
Por detrás de Calvo o resto de conselleiros e conselleiras que ata agora viñan formando o derradeiro Goberno de Feijóo seguirán tendo as mesmas competencias no Goberno de Rueda. Nas súas áreas só haberá mudanzas nas denominacións, de xeito que a ata agora Consellería de Cultura, Educación e Universidade engadirá a Formación Profesional, mentres que a Consellería de Política Social tamén sumará o apelido de Xuventude. Ningún deles pode dicir que reciba ningún premio polo feito ata agora, como si sucederá con Calvo.
O novo Goberno que toma posesión este luns aínda ten pendentes nomeamentos e mudanzas de estrutura nos niveis inferiores, especialmente na Presidencia da Xunta. Pero as principais expectativas a respecto dos balances de poder e o peso político de cadaquén trasládanse agora ao PPdeG, que a próxima fin de semana celebra o seu congreso extraordinario.
Será alí onde se poida comprobar que premio reciben Ourense e Lugo pola súa adhesión a Rueda. E que posto ocupa cadaquén no partido e na Xunta cara ás eleccións galegas que Rueda debe convocar nalgún momento antes do verán de 2024.