“Galicia xa non pode esperar a que vostede aprenda”, di o portavoz socialista, Luis Álvarez, nunha réplica na que fixa as prioridades do seu partido na transformación de recursos galegos como o leite, a madeira ou a pesca e no impulso da biotecnoloxía
“Realmente está preparado, señor Rueda? De verdade ten gañas de afrontar esta tarefa?”. A réplica este xoves do portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, ao discurso de investidura de Alfonso Rueda do martes foi máis alá de criticar as súas propostas de goberno e formular as dos propios socialistas. Álvarez mesmo puxo en dúbida a capacidade de Rueda de ser presidente e o seu “esgotamento” persoal. Nas súas palabras, di, “non hai ilusión senón fatiga”.
“Galicia xa non pode esperar a que vostede aprenda”, chegou a dicir o socialista, que contrapuxo ás propostas continuístas e de xestión do PP un decálogo xeralista coas prioridades do seu partido, nas que apuntou á necesidade de apostar pola transformación de recursos galegos como o leite, a madeira ou a pesca e polo impulso da biotecnoloxía.
Malia ás críticas directas persoais, a contrarréplica de Alfonso Rueda a Álvarez comezou asegurando que a súa intervención fora “máis institucional” que a da portavoz do BNG, Ana Pontón.
Álvarez iniciou a súa intervención este martes despedíndose de Feijóo, ao que dixo que non foi “o presidente que persoalmente quixera, pero ten sido vostede o meu presidente”. Un presidente do que considera que Rueda só vai ser unha “spin off”, unha secuela “sen argumento”.
O socialista puxo o foco na primeira parte da súa intervención en atacar a suposta normalidade e estabilidade dos gobernos do PP. “Cada ano aprobaron orzamentos, magnífico logro; cada mes pagaron facturas, moi ben; e cada día conseguiron que ao abrir unha billa en San Caetano saíra auga, magnífico”, dixo. Pola contra, a situación de diversos sectores non se corresponde con esa suposta normalidade, a xuízo de Álvarez, quen salientou que na sanidade “as esperas prolongadas para ter cita e a atención telefónica son agora o pan de cada día”, non se coñece aínda o novo modelo de coidados para as persoas maiores, nos 13 anos de goberno do PP pecháronse 138 centros educativos públicos e hai tres veces máis débeda pública por habitante. “Nestes últimos 13 anos Galicia fíxose máis pequena, perdeu algo máis de 100.000 habitantes, que é como se un burato negro se tragara unha cidade como Santiago”, sentenciou.
Fronte ás preguntas críticas que Rueda lanzou a Pedro Sánchez, o portavoz socialista cuestionou ao popular polas respostas que dá o PP aos problemas da cidadanía galega: "cal é a resposta da Xunta a un paciente que pasou a noite con febre, unha liña telefónica?”
O seguinte bloque da súa intervención dedicouno Álvarez a formular a Rueda preguntas críticas como as que el lanzou o martes ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. Fronte ás esixencias do popular a Madrid, o socialista preguntou a Rueda “cal é a resposta da Xunta a un paciente que pasou a noite con febre ou que se levanta con lumbalxia, unha liña telefónica?”, “que lle vai ofrecer aos sanitarios que se forman en Galicia para que queden en Galicia, retellar os centros de saúde?” ou “cal é o seu compromiso ante o déficit de prazas residenciais para maiores, ou esta pregunta temos que remitirlla a Amancio Ortega?”
Na súa contrarréplica Alfonso Rueda, que dedicou moito máis tempo a responder á nacionalista Pontón que a Álvarez, centrou as súas referencias aos socialistas en criticar a Pedro Sánchez, minimizando o papel ou a independencia do PSdeG. Por exemplo, ante a oferta de man tendida do portavoz socialista, a resposta do popular foi que “se é para o que están facendo en Madrid, para manter a Pedro Sánchez, para iso comigo non conten”.
Finalmente Luis Álvarez rematou a súa intervención formulando como alternativa do PSdeG ao discurso de Rueda un decálogo de propostas xerais como apostar “polos proxectos transformadores dos nosos recursos, como o leite, a madeira ou a produción pesqueira e acuícola”, “darlle o arreón definitivo ao sector da biotecnoloxía”, “poñer en valor as materias primas e os recursos minerais do noso territorio, a condición de que sexa compatible co medio ambiente”, “unha nova revolución industrial que debe respectar a superficie agraria útil e as áreas naturais” ou “poñerlle fin á sangría de talento que sofre este país”. Ideas que lanzou tras asegurar que “o Camiño non vai resolver os problemas que ten este país”.