Unha primeira volta cara a un futuro cambio de Goberno. É como a portavoz nacional do BNG formulou o seu discurso de resposta á intervención de Alfonso Rueda como candidato do PP á presidencia da Xunta. Ana Pontón presentou a remuda propiciada pola dimisión de Feijóo como o inicio definitivo dunha "conta atrás" que situará un "presidente accidental" que chega a San Caetano "de rebote" e para pouco tempo.
A líder soberanista coida que a verdadeira utilidade deste episodio inédito na historia da autonomía -nunca antes se producira unha dimisión na presidencia da Xunta- é a de evidenciar unha dixuntiva entre "o vello ou o novo, o pasado ou o futuro, o PP ou o BNG". Esas, mantén, "son as dúas alternativas que se confrontan neste debate" e "os dous modelos" entre o que o electorado terá que escoller cando sexa chamado a decidir "se queren un presidente do PP ou unha presidenta do BNG para gobernar Galiza".
Advirte Pontón de que Rueda chega a presidente sen un paso polas urnas como cabeza de cartel, pero tamén nun contexto no que resulta "imposible citar algunha proposta" relevante dos seus trece anos como conselleiro, a maior parte deles tamén como vicepresidente. "Simplemente, non existe", alén de "ser o responsable dunha folga que colapsou a Xustiza", sinalou en referencia ás mobilizacións do persoal dos xulgados en 2018, de competencia directa da Vicepresidencia primeira.
A líder do BNG formula o seu discurso ante a investidura de Rueda como unha caste de primeira volta previa á disxuntiva electoral entre os modelos do PP e do Bloque e dedica a maior parte da súa intervención a expoñer as liñas mestras do programa de goberno da formación soberanista
Con este pano de fondo, Pontón dedicou o groso da súa intervención a expoñer as liñas mestras do que, di, o BNG faría nada máis chegar ao Executivo. Tras repasar "o retrato da desfeita" do PP a través de cifras de emigración, camas hospitalarias e centros de ensino pechados ou empregos "destruídos", sinalou que "como presidenta, un goberno do BNG aprobaría no primeiro Consello" un paquete de medidas urxentes para "axudar a quen máis o necesita", con accións como a suba da Risga, máis axudas para a vivenda ou "un paquete de axudas directas aos sectores máis afectados" pola crise de prezos.
A continuación, asegura, chegarían "dez obxectivos estratéxicos" do "proxecto de país" do Bloque. "Porque si -enfatizou-, o BNG quere gobernar Galiza e estamos preparadas para facelo". Nunha intervención interrompida en varias ocasións por risos e comentarios en voz alta dende as bancadas do PP -en silencio durante o discurso do voceiro socialista-. Trataríase, resumiu, de accións que vaian dos servizos públicos aos sectores produtivos, o incremento do gasto en ciencia e innovación, abordar no Parlamento un "novo estatus político" para o país, "avanzar en autonomía fiscal e financeira", destinar o 1% do orzamento á loita contra a violencia machista ou substituír a actual normal de uso do galego no ensino por outra que o garanta como vehicular.
Que o BNG dea por amortizado o Goberno do PP, advirte Pontón, non implica que non teña a "man tendida", se ben "só tivo como resposta a soberbia e o ninguneo de quen pensa que ten sempre a razón". A disposición a acordos, profundou, non implica non "demostrar con datos que nos deixan unha Galiza en peores condicións".
"Hai momentos nos que parece que nada cambia, pero hai un profundo movemento de fondo que anticipa un cambio de ciclo"
Porque o certo, afirma Pontón, é que "o cambio galego está en marcha". "Pasou moitas veces ao longo da historia", asegura, en "momentos nos que parece que nada cambia, pero nos que hai un profundo movemento de fondo que anticipa un cambio de ciclo", dixo entre mencións a fitos históricos internacionais e mobilizacións sociais como as de Nunca Máis, o 15M ou as "masivas manifestacións" feministas do 8M.
Xustamente iso, asegura, sucedeu coa "semente do cambio" que "quedou plantada" nas eleccións galegas de 2020 . Culminará, augura, nos vindeiros comicios, "cunha Galiza cun goberno e unha presidenta coas mans libres para mellorar a vida da xente, esa é a Galiza que vén".