Ata sete veces reiterou Alfonso Rueda, en apenas unha hora de discurso de investidura, que o que alí estaba a acontecer non era máis ca un episodio de "normalidade". Concretamente, de "normalidade extraordinaria", marco escollido polo PP de Galicia para adxectivar a remuda na presidencia da Xunta provocada polo estourido da crise interna na dirección estatal do partido que propiciou a rebelión contra Pablo Casado, detonante para a súa substitución por Alberto Núñez Feijóo.
Rueda esforzouse en facer ver que un episodio inédito da historia da autonomía non vai moi alén dun trámite. Ata sete veces apelou á normalidade
En practicamente outras tantas ocasións, o candidato Rueda falou en termos de "estabilidade", dunha "continuidade sen equivalente en España". Esforzouse, ao cabo, por tentar facer ver que un episodio inédito da historia da autonomía, a elección dun segundo presidente na mesma lexislatura por mor da dimisión do primeiro elixido para o posto, non é un suceso que vaia moi alén dun trámite.
Quen será sexto xefe do Goberno galego debuxou, nunha intervención de ton desapaixonado e máis encadrable polas formas na comparecencia do conselleiro que aínda que na investidura do presidente que vai ser, esa "normalidade" como consecuencia lóxica e legado dun "galego exemplar", Feijóo. É normal que o PP lograse catro maiorías absolutas e que con elas aprobe os orzamentos, é normal a súa xestión económica ou que no Parlamento non "teñan sitio" o que definiu como "populismos de esquerdas nin os de dereitas".
O maior punto de tensión política chegou, posiblemente, no fragmento máis normal, no sentido de habitual, que tivo todo o discurso: o dedicado ás críticas a Pedro Sánchez
Non houbo paixón no discurso de Rueda nin tampouco presentación de credenciais galeguistas como -dalgún xeito- si houbera na primeira investidura de Feijóo. O ata agora vicepresidente citou o que vén sendo habitual referente de galeguismo para o PPdeG, Alfredo Brañas, pero para xustificar que "España necesita a Galicia", isto é, que España precisa a Feijóo e, conxunturalmente, á Xunta como banco de probas do que Feijóo faría se chegase a gobernar no Estado.
O maior punto de tensión política chegou, posiblemente, no fragmento máis normal, no sentido de habitual, que tivo todo o discurso: o dedicado ás críticas ao Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos e ás críticas a Pedro Sánchez. O primeiro que fará como presidente, avanzou Rueda, será remitir unha carta ao titular do Executivo central para lembrarlle "os compromisos coa nosa terra que aínda faltan por cumprir" e pedirlle unha xuntanza.
Foi así como principiou, dialecticamente, unha nova xeira política que Rueda di agardar caracterizar polo "sentidiño" e que nela non haxa "nin bloques nin bloqueos". O xogo de palabras fixo abrollar un certo sorriso na bancada do BNG, única formación das dúas da oposición cuxa líder, Ana Pontón, ten escano no Parlamento e, daquela, poderá confrontar con Rueda na xornada do debate propiamente dito, este xoves.
No Bloque observaron a estrea de Rueda con certa satisfacción; vírono "gris" e ven aberta unha senda de mudanza política no país. Tamén o PSdeG viu a quen será novo presidente como baixo de ton e mesmo cun punto "retro", representando o pasado.
Ambas formacións son conscientes, non obstante, de que tamén Feijóo retornara á escena galega cun perfil de escaso carisma, pero a construción partidaria e mediática do líder encargárase de emendalas mesmo tendo un punto de partida con menores habilidades sociais que as de Rueda. Ao rematar o pleno, Rueda recibiu na praza do Obradoiro un grupo de escolares do colexio Cristo Rey de Ferrol que fixeron o Camiño de Santiago e segundo publicou Faro de Vigo, tamén parou tomar unha caña nun bar do casco histórico compostelán.