O presidente organiza unha arenga aos altos cargos da Xunta na que anuncia un novo bono, agora de 120 euros para a rapazada que practica deporte federado, e a conxelación por segundo ano das peaxes nas autoestradas do Val Miñor e Carballo
Un bono de 120 euros para rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos que practiquen deporte federado e a conxelación por segundo ano das peaxes das dúas autoestradas de titularidade galega, A Coruña-Carballo (AG-55) e Vigo-Val Miñor (AG-57). Eses foron os dous anuncios que lanzou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto organizado na Cidade da Cultura baixo o título Fitos, obxectivos, futuro. Unha escenificación coa que o popular tentou atraer os focos tras un verán dominado no político polas eleccións xerais do 23 de xullo e a confrontación Feijóo-Sánchez, reeditada este mesmo domingo en Galicia con dous actos simultáneos en Santiago e Sigüeiro.
A menos dun ano das próximas eleccións galegas, cuxa data concreta está só na súa man, Rueda tamén fixo do acto unha arenga ás ducias de altos cargos presentes. "O que se conforme non pode estar aquí", dixo, advertindo aos seus contra as "inercias". Unha advertencia que chega despois de que hai tres meses o propio Rueda admitise que no PPdeG hai quen teme "relaxación electoral" tras a sucesión de eleccións municipais e xerais.
O acto deste luns, similar a outros realizados no pasado por Feijóo ou o propio Rueda, comezouno o presidente gabando o feito ata agora polo seu goberno, do que salientou o seu "esforzo de servizo público". Tras lembrar rebaixas de impostos, investimentos en sanidade e educación ou a aposta polas enerxías renovables -"o petróleo de Galicia en moitos sentidos"-, Rueda asegurou que "Galicia avanzou moito, pero desde logo segue quedando moitísimo por facer. Así, para amosar o seu liderado, apelou aos altos cargos presentes: "Aquí non hai que conformarse, quen se conforme non pode formar parte dos equipos das persoas que hoxe están aquí ao meu lado", dixo, en referencia aos conselleiros e as conselleiras que o acompañaban no escenario.
De cara ao futuro asegurou que o seu executivo está traballando para que a 31 de decembro haxa orzamentos para 2024 malia as dificultades que, di, ten pola falta de datos económicos por parte do Goberno central, en funcións á espera da investidura que vai tentar Feijóo nuns días aínda que careza de apoios.
"Apostamos sempre por axudar ás familias na educación en todos os sentidos dos seus fillo", di Rueda sobre o novo bono para material deportivo ou centros de adestramento
Eses próximos orzamentos contemplarán dúas medidas avanzadas este luns por Rueda. Tras admitir as dificultades das familias neste comezo do curso escolar, e fronte a outras medidas reclamadas desde a oposición, Rueda anunciou un "bono" de 120 euros dirixido a rapaces ou rapazas de 6 a 16 anos que practiquen deporte federado, para "mercar material deportivo" ou pagar clases ou centros deportivos. "Apostamos sempre por axudar ás familias na educación en todos os sentidos dos seus fillo", dixo o presidente.
O novo bono engadirase así o próximo ano a unha longa lista de bonos ou tarxetas precargadas da Xunta como o bono para mercar produtos culturais, os bonos turísticos, o de material escolar, a Tarxeta Benvida ou o bono anunciado aínda o pasado xuño de 200 euros para que 5.000 mozos e mozas fagan o Camiño de Santiago.
A Xunta calculou que as rebaixas de peaxes aplicadas nas súas dúas autoestradas suman este 2023 un total de entre 4,5 e 5 millóns de euros
Rueda tamén avanzou este luns que o próximo ano a Xunta manterá conxeladas as peaxes das dúas autoestradas da súa titularidade, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor. En 2022 a Xunta subiu as peaxes desas dúas autoestradas un 2,5% malia que a inflación fora maior e asumiu con fondos públicos a diferenza. Este 2023 decidiu asumir con fondos dos orzamentos toda a suba prevista pola inflación, superior ao 10%. E agora esa decisión prorrogarase tamén a 2024.
Hai un ano a Xunta estimou entre 4,5 e 5 millóns de euros o que a Xunta destinaría este 2023 a asumir tanto a conxelación das peaxes como o resto de descontos activos para as persoas usuarias que dispoñan de sistema de telepeaxe: do 25% na primeira viaxe de volta no mesmo día laborable e do 50% na segunda, do 50% nas viaxes entre as doce da noite e as seis da mañá, e a gratuidade nas viaxes de volta das familias numerosas.